Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Lugo, non só para comer

lunes, 01 de octubre de 2012
O das tapas e as terrazas na Praza do Campo está moi ben, non o nego; a unha éntranlle ganas de preguntar quen dá a vez ao albiscar a morea de xente que se acumula na desembocadura da Rúa Nova cara a noitiña –xa se sabe, a crise dá moita sede e as penas, molladas en compañía, dixírense mellor- pero o certo é que a nosa cidade precisa variar o menú de lecer axiña; pois non todo será cousa de nutrir a alma concupiscente do bandullo platoniano.

Concursos de Tapas aparte, iniciativas coma a tradicional Semana de Cine de Autor, que vén de rematar, organizada polo Grupo Fonmiñá e afastada, por sorte, dos últimos delirios cinematográficos das comedias ianquis que se proxectan nas salas comerciais, constitúe unha valiosa proposta a imitar. Mágoa que a carta cultural dos lucenses se esgote aquí, neste primeiro prato do audiovisual, e que haxa que agardar ata febreiro, mes no que ten lugar a mostra de teatro, para acompañalo cos bocadiños da escena clásica. O resto do ano os lucenses quedamos con apetito, xa que non existe unha oferta regular de teatro, non se organizan obradoiros, festivais musicais, conversas literarias ou exposicións plásticas e apenas sobrevive algún café-concerto.

Tampouco é cousa de compararmos agora con outras cidades galegas que nos levan moita vantaxe no panorama cultural (en Compostela, por exemplo, o Teatro Principal sustenta un programa amplo ao longo do ano, o festival Cineuropa reúne cada outono máis de cen filmes internacionais e os bares contan a diario con actuacións en directo) pero a nosa cidade, cun campus universitario que oferta quince titulacións de Grao e unha poboación que se achega aos cen mil habitantes, debería exercer, a lo menos, coma epicentro cultural da provincia, pois o certo é que aquí os padais máis degoirados apenas atopan algún evento cultural illado e corporativista. Semella que, en Lugo, a variedade remata nas tapas. Algo especialmente grave cando agora a cultura é máis decisiva ca nunca; nun momento no que supón a única arma coa que opoñerse aos que pretenden esnaquizarnos a porrazos (unhas veces máis sutilmente ca outras, claro).

Iso sábeo moi ben Rajoy e a súa perspicaz medida de recortar o 30% á industria cultural en 2013. E para xustificar a ausencia de iniciativas, tampouco vale a vella escusa de que a xente non responde, pois os máis de 7.500 asistentes ao ciclo de cine de autor este setembro parecen indicar o contrario. Así que aos que exportan a idea de que para comer Lugo, non debe esquecerlles tampouco que algúns estamos famentos de cultura.
Pallares Vilar, Nerea
Pallares Vilar, Nerea


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES