Estados Unidos asasina a democracia
lunes, 02 de mayo de 2011
Xa o teñen onde querían. Non sei se é certo que o exército norteamericano matou a Osama Bin Laden ou si se trata dunha farsa. Pero precisamente creo que iso é o que menos importa. O que me parece arrepiante é o que subxace baixo este espectáculo groseiro con final á americana. Horrorízame comprobar cómo Estados Unidos - presunto abandeirado da democracia e suposto referente internacional en materia de política exterior - nunha manobra de autoritarismo autocomplacente e onanista, emprega, hic et nunc, a forza bruta para exemplificar a vía correcta coa que exterminar o terrorismo.
Aínda resoan na nosa mente as apesaradas promesas dun inepto George Bush ao que se lle enchía a boca aseverando que a loita contra o terror continuaba. ¿Acaso non sementa o mesmo pánico a xustiza vingativa e a libertinaxe coa que Estados Unidos esnaquiza todo aquilo que poña en perigo os seus intereses económicos? Porque non nos enganemos: a Bush importáballe un pito acabar co terrorismo, a súa única preocupación era o volume dos seus ingresos, a mesma que ostenta Obama e todos aqueles, negros ou brancos, demócratas ou republicanos, que ousen ocupar a presidencia dun país falsamente democrático que derrama sangue en nome dunha xustiza colectiva que en realidade é persoal e que por riba pretende erixirse coma un referente mundial. Son todos iguais e isto é o que máis me decepciona de Obama e do seu antigo discurso antimilitarista e conciliador que se foi consumindo conforme albiscaba a cadeira da Casa Blanca.
Nunca é xustificable a violencia. Do mesmo xeito que non é tolerable un brutal atentado contra as Torres Xemelgas tampouco o é unha masacre a man armada en Afganistán. A diferenza radica en que uns visten Pakul e turbante e se inmolan publicamente en nome do Corán, xulgados pola opinión pública coma extremistas radicais, e outros visten traxe chaqueta e fuman habanos recostados no asento de coiro do despacho, sobre un mapamundi, cavilando onde dirixir o próximo ataque, e xulgados pola opinión pública coma heroes mundiais.
Por iso, cando aos americanos se lles escapa unha esvaradía presa que fire o seu orgullo ata ese momento intacto, que se ri na súa faciana dos seus servizos de intelixencia, a rabia transfórmase en pura obsesión abrasiva. ¿Que sabes de Osama Bin Laden? Era aquela a pregunta coa que o exército estadounidense acosaba aos presos de Guantánamo. Un único obxectivo, o seu, produto da súa vaidade danada, co que quixeron enganarnos e facernos crer que era o de todos. Aposto a que cando o diario francés L´Est Republicain difundiu o rumor de que Bin Laden podía ter morto por tifus, os americanos maldiciron mil veces. Querían experimentar o pracer de acabar con el coas súas propias mans e querían encher o seu uniforme de galóns dourados e condecoracións. Tal e como están facendo agora.
Así, namentres o Presidente difunde un comunicado demagóxico con expresión severa, aludindo ás vítimas do terrorismo, os diarios neoiorquinos titulan con Morreu o bastardo e as rúas de Washington fican ateigadas por miles de cidadáns ao berro de USA, USA todo un selo de barbarie nacional celebrando o pasamento da icona do terrorismo islámico. Pero, ¿acaso non amosan eles un fanatismo idéntico con estas actitudes? Se o que pretenden é darlle ao mundo unha lección de democracia deberían ter capturado a Bin Laden e darlle a oportunidade de ser sometido a un xuízo xusto, non converter a súa morte, ao igual que fixeron co aforcamento de Sadam Husein nun espantoso espectáculo televisivo.
A violencia só orixina máis violencia e este novo golpe debuxa un trazo máis na espiral de odio internacional na que estamos sumidos. Pensar que a morte de Bin Laden é o punto e final dunha traxedia é tan inxenuo como crer que a Bush ou a Obama os moven sentimentos solidarios. Por iso lamento o asasinato de Bin Laden, por terse convertido nun duro ataque contra a democracia.
Pallares Vilar, Nerea
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora