Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

De Calíope a Lady Gaga

miércoles, 19 de mayo de 2010
Dende que a revista Time nomeou a Lady Gaga -esa deusa do transformismo e o “postureo” provocador ante stands publicitarios- coma a artista máis influínte do momento, non comprendo coma aínda hai quen conserva esa teima optimista e mesmo romántica de negar que estamos mergullados de cheo na posmodernidade. E é que a esta particular princesa de charol e excentricidades non lle falta de nada para que as letras da súa voz de contralto e acompañamento electrónico sexan coreadas por multitudes axitadas que visten camisetas coa estampa da súa faciana. Non importa si para iso é preciso declararse bisexual e hermafrodita, pensar na moda antes que na música -chegou a asegurar que cando escribe as súas cancións xa está pensando na roupa que vai usar no escenario- ou doar miles de euros para a reconstrución de Haití.
Pois, precisamente, esa mestura chapuza entre o escándalo e o politicamente correcto concentrada nun corpo ben moldeado por cirurxías milagreiras sobre un escenario de luces rechamantes é o que a converte nun reclamo comercial e caduco. É o que crea a imaxe: o éxito traducido en ser sempre noticia para obter o record de discos vendidos. Os cartos, en definitiva, que, aínda que ós idealistas nos custe aceptalo, son os que o moven todo. E máis agora, neste mundo expresado en cifras de consumo.

Só así se explica que en lugar dun clásico filete con patacas acudamos a unhas delicias de graxas saturadas e aditivos variados. Iso si; listas para quentar no microondas e comer en catro minutos. Despois, cando prendamos o televisor con pantalla de plasma de setenta polgadas, os da Fundación Española do Corazón xa se encargarán de lembrarnos -nun spot que sona máis ameazante que didáctico- a onde nos pode levar tanta orxía alimenticia. Entón, veñen os adestradores persoais, as máquinas vibrantes da teletenda e as táboas de exercicios coas últimas novidades orientais para eliminar todo ese estrés producido por unha multitude de quefaceres impostos polo mesmo sistema que ofrece a posibilidade imaxinaria de extinguilos. O seguinte paso para liberarnos de tensións é tombarse nun sofá de pel Natuzzi -con función relax con control eléctrico, por suposto- e ler un “bo” libro. Posiblemente o último bestseller coas doses necesarias de surrealismo, amor lacrimóxeno e controversia. Nunca falla. Xa non abriremos a portada con lapelas e fotografía suxerinte coa emoción contida de quen está a piques de descubrir un gran segredo, nin pasaremos o dedo unha e mil veces por ese parágrafo que está a contar unha parte da nosa historia, nin moito menos subliñaremos esa frase, a penas esa palabra posta xusto no lugar e no contexto axeitados, que conseguen cargala de tanto significado. Xa non. Agora despregaremos as páxinas virtuais na pantalla do portátil ante un ebook, mentres contestamos ós últimos correos electrónicos da empresa. Agora a cultura, coma todo, é tamén un negocio multimillonario e de nada serven as boas ideas, o talento, as pulsións artísticas e o amor posto nas pequenas creacións espontáneas si non se poden canalizar, planificar, distribuír, exportar…en definitiva; comercializar, para que as grandes industrias fagociten todo aquilo que nos fai vivir e nos fai sentir ata transformalo en milleiros de billetes morados. Unha triste e sucia metonimia que toma polo todo unha parte equivocada.

Porén, no subconsciente social deste panorama de gadgets e multiaplicacións, máis preocupante canto menos dista dos vaticinios dalgúns sabios do pasado coma Huxley, palpita un derradeiro espernexar pueril e necesario amosado nese continuo anhelo de evasión. Por iso nos acomodamos na butaca do cine, cunhas gafas vermellas que nos permiten ver outra realidade en tres dimensións. Creamos o noso propio avatar na pantalla para fuxir a outros mundos indíxenas onde a natureza, a unión grupal, o amor pola terra e todos os desexos de liberdade que moveron as grandes revolucións na Modernidade volvan a gobernar, hic et nunc, o temón das nosas vidas que deixaron de ser nosas. Pero deste segredo contado a berros, fixo tamén, James Cameron, coma non podería ser doutro xeito, un suculento negocio.

A irreflexión que caracteriza a nosa era é a que impide darlle o uso correcto a toda esta tecnoloxía descuberta -que sería poñela ó noso servizo e non á inversa- e a que nos fai prisioneiros de nós mesmos. Por iso, cando chego a casa e ó prender a radio soa Lady Gaga, penso que temos a musa que nos merecemos: a que lle fai xustiza ós nosos tempos.
Pallares Vilar, Nerea
Pallares Vilar, Nerea


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES