Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Mexan por nós e… ¿temos que dicir que chove?

lunes, 01 de marzo de 2010
“Persoa natural ou habitante de Galicia”. Ese é o verdadeiro significado de galego segundo o dicionario da Real Academia Galega. Nin máis, nin menos.

Curioso que Rosa Díez, para insultar ós seus rivais políticos, se empeñe en acudir á tópica acepción de galego coma alguén indeciso, do que non se sabe moi ben se vai ou se vén, xustamente cando non hai nada máis indeterminado, máis abstracto e máis impreciso que o seu partido e o seu liderado, nacido da frustración egocéntrica e encamiñado a captar o voto dos desencantados, dos que navegan no océano político sen chegar a albiscar nunca un bo porto no que ficar. En definitiva; dos indecisos. Que non dos galegos. Pois, coñecedores da súa demagóxica campaña de acoso e derribo contra a nosa lingua (escudada na falsa proposta dun suposto “bilingüismo” e na ridícula afirmación de que o castelán en Galicia está ameazado) así coma da recente perla contra o noso pobo (xustificada no presunto contexto dunha conversa informal), para á súa sorpresa, desmontaremos os tópicos; esta vez, querida Rosa, nin van mexar por nós nin moito menos imos dicir que chove.

Coa elegancia que a ela lle faltou nas declaracións ante Gabilondo, tan desafortunadas coma elocuentes, deberiamos dicir que Rosa Díez é unha resentida “no sentido máis pexorativo do termo”. Contrariada por un panorama político pouco propicio a renderlle o culto idolátrico que ela querería para si e amiga do emprego gratuíto de estereotipos, estase a converter nunha despechada caricatura de si mesma.

Alguén debería dicirlle a Rosa Díez que un xentilicio endexamais poderá ser un insulto, pois ninguén vai tolerar esa falta de respecto cara un amor tan profundo e irracional como é o que cada quen lle profesa á súa terra. E os galegos, non imos ser menos. Para saber o porqué, non é mester apelar ós clixés dun carácter saudosista unhas veces e obstinado outras, nin do húmido recendo dun entorno tan vivo e fermoso. Pois cada un conta cos seus propios motivos ou sinxelamente carece deles: precisamente porque o amor á terra non necesita xustificación algunha.

Por iso, se hai algo ante o que un galego non manifestará a impasibilidade que ti lle atribúes ó seu carácter, Rosa, é ante esas inoportunas declaracións que, ademais de amosar os teus prexuízos, amosan tamén a túa ignorancia. Xa está ben de tópicos absurdos. Non calaremos, sempre defenderemos orgullosos o noso. Coma bos galegos.
Pallares Vilar, Nerea
Pallares Vilar, Nerea


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES