Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Unha tribo de narices

lunes, 04 de enero de 2010
De seguir o conto así, o “apagón” do meu televisor, non será analóxico, será permanente, e non esperarei ó tres de abril, fareino de inmediato.
Rexoubas e rexoubeiros sempre houbo dabondo, e máis aínda nesa cultura tan española do patio de veciñas (e de veciños, que, neste caso, non puntualizo por cuestión de paridade “zapaterista”, senón porque xa está ben de que leven só a fama de murmuradoras as mulleres). Pero unha cousa é que existan na vida cotiá e outra moi distinta que as grellas televisivas sexan invadidas por un panorama esperpéntico propio do estilo valleinclaniano: personaxes grotescos - caricaturas de si mesmos – que conforman un desfile de bufóns badocos con palabra – ou máis ben con berro – prosaica e impertinente. Un escaparate dos ancestrais comportamentos tribais que agora están á orde do día.
Son eles, cos seus acenos hiperbólicos, coas súas maneiras de matón de discoteca e cos seus argumentos anódinos, os modelos a seguir para os cativos e o tema de conversa na sobremesa.
- ¿Viches como quedou a Esteban despois da operación? – preguntábame o outro día a perruqueira (unha rapaciña nova, máis ou menos da miña idade).
- Pois non – contestei admitindo a miña ignorancia no mundo “rosa”.
- ¿Non? Pois eu ó primeiro que fixen pola mañá foi mercar a revista Lecturas porque senón, aquí, estas – dixo sinalando co cepillo ás súas compañeiras – non che me falan doutra cousa.
E a cuestión non queda aí. Os pallasos de plató confúndense cos xornalistas, e as rexoubas deses trapelos con información transcendente. Claro que o “outro xornalismo”, por desgraza, determinado por intereses comerciais e privados, tampouco se pode considerar serio e rigoroso, senón, máis ben, un soporte público ó servizo dos políticos, dun e doutro bando, para facer propaganda das súas falsas medidas populistas.
Non sei se é a desesperación ou a simple ignorancia o motivo polo que os programas do corazón teñen tanta audiencia (co misterio de que ninguén di que os ve, que esa é outra) pero, ás veces, comprendo que as miñas perruqueiras prefiran os temas banais. E é que, en comparación co discurso baleiro e reiterativo dos “nosos” políticos (eses que se representan a si mesmos, xa nin sequera ó seu partido, en nome de todos nós), o novo nariz de Belén Esteban semella unha obra de arte.
Pallares Vilar, Nerea
Pallares Vilar, Nerea


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES