Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Outro recuncho de alma celta

miércoles, 09 de septiembre de 2009
Só catro ingredientes. Perlas de cebada malteada, lúpulo de alustros verdes, lévedo e auga das montañas de Wicklow. Suficiente para conseguir o matiz amargo da auténtica cervexa negra irlandesa, a “stout”.

Non sen certa melancolía penso agora que eses 0.6 litros de caldo máxico celta, que contén cada pinta, son para min unha paisaxe espumosa cargada de lembranzas do vivido nun destino máis que recomendable. De Dublín conservo na memoria as gargalladas que bulen na fala gaélica dos taxistas nocturnos; a orde caótica dos autobuses de dúas plantas (unha boa mostra do multiculturalismo do lugar), a luz da vela que, na prisión de Kimainham Gaol (a mesma na que o atractivo Daniel Day Lewis demostrou o seu talento interpretando a Gerry Conlon en “In the name of the father”) iluminou a triste cerimonia nupcial con posterior execución de Joseph Plunkett e Grace Gifford, cuxo único delito, coma o de tantos outros asasinados alí, foi o seu forte sentimento nacionalista; o amencer revestido cunha claridade maina que invita a comezar ben o día; o Spire, ese falo xigante de cento vinte metros que, erguido no centro da cidade, acomplexa ós transeúntes; o sabor dos bombóns artesanais do Butlers; o Wonderwall de Oasis tocado polos músicos da rúa que se gañan a pulso o pan nas noites do Temple Bar e a elegancia xeorxiana das portas de cores que parecen formar parte da paleta dun pintor obsesionado co verde, ese verde de tódolos matices que salpica a paisaxe irlandesa abrazado ás rochas que xorden no tule esmeralda coma ágatas brancas entre a herba. Dos arredores quedo co misticismo das lagoas de Glendalough, as simpáticas focas do porto de Howth e os vertixinosos debuxos naturais dos Cliffs of Moher.

Pero se hai un intre que concentra o espírito irlandés -ben distinto, por certo, do carácter distante dos seus veciños ingleses- é o ambiente dun auténtico pub, deses coa gaiola de paxaros pendurando a carón da porta da entrada e un bo número de músicos concentrados na preparación de arpas, frautas e violíns antes da función. Logo o laio enérxico dos instrumentos celtas tocados en directo flota no ar animando o ir e vir de camareiros, coas bandexas cheas de pintas baleiras, que sortean as mesas repletas de irlandeses bébedos e colorados. As conversas flúen en gaélico, con ese acento forte que semella brotar da gorxa despois dun trago de Guinness e calquera nativo afincado na barra, con esas mans grandes e aparentemente torpes que lembran a unha peza de madeira sen tallar, é bo para intercambiar impresións e practicar un pouco de inglés. Nese momento penso que Dublín é un lugar marabilloso e Irlanda unha enorme esmeralda en bruto que cada visitante pode puír ó seu antollo.
Pallares Vilar, Nerea
Pallares Vilar, Nerea


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES