Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Visionarios, artistas

viernes, 26 de diciembre de 2008
A luz difusa dos farois, das fiestras entornadas e da pantasma de aceiro dos tranvías semella emerxer do propio corazón dunha cidade que ten as horas, os minutos e mais os segundos contados. A masa humana de rostros impersoais e medorentos precipítase ás rúas estreitas que se asfixian na súa escuridade. Os edificios, liñas curvas de vangarda nerviosa, están a piques de derrubarse perante a catástrofe inminente que abraza ó ambiente. O azul e o negro, nunha fusión de espanto, son as cores que pintan o rostro do mal. Son tempos de guerra e o espectro bélico xa comezou a chuchar o corazón daqueles que, agora, xa non son humanos. Nunca máis o volverán ser; consumidos polas súas feroces ansias de dominio que son corrosivas e miserentas a un tempo. Sinto unha sorte de inquieto pánico ante este panorama nauseabundo que Jakob Steinhardt pintou en 1913 nun cadro ó que chamou sinxelamente A cidade. Escenario fetiche do capricho do caos escollido polos integrantes do grupo pictórico Os patéticos (Richard Janthur, Ludwing Meidner e o propio Steinhardt) para plasmar os subterfuxios dos que se serve a expresión orixinaria do mal. Cidades de ferro e bágoas que proferían os berros apocalípticos dun atinado presaxio.

Este cadro e moitos outros, testemuñas do anticipo bélico que foron capaces de predicir os artistas, atópanse na exposición ¡1914! La Vanguardia y La Gran Guerra que se pode contemplar no Museo Thyssen de Madrid ata o 11 de xaneiro. Unha oportunidade única para viaxar con imaxinación colorista pola vitalidade dos movementos de vangarda que ninguén que se pasee nestas datas por terras madrileñas debería perderse.

Fascíname, dun xeito especial, comprobar, coa mirada cativada pola xenialidade de cada unha desas xoias pictóricas, cómo os verdadeiros artistas foron quen de retratar a penuria do pobo con mágoa sublime, de facer da maior das desgrazas unha belísima denuncia de arrepío en trazos curvos, de revelar unha realidade superior facendo entendibles os máis complexos conceptos e, sobre todo, fascíname comprobar cómo foron capaces de predicir o futuro con exactitude profética afastados da ineptitude de dirixentes políticos demasiados inmersos no seu propio egoísmo como para atender a outra cousa que non foran os seus intereses.

Son os músicos, os poetas, os pintores…os Artistas con maiúscula que, en última instancia, coa súa envexable sensibilidade na pescuda do talento, atopan as respostas para as nosas preguntas.

Pallares Vilar, Nerea
Pallares Vilar, Nerea


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES