Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A maxia galega é un acubillo para os soños

jueves, 04 de diciembre de 2008
Galicia posúe un gran número de ilusionistas sublimes que fan as delicias do público

“Técnica que por medio de trucos, xogos de mans e artificios, provoca o erro dos sentidos, facendo que se tome por real ou posible algo que non o é”. Así é como define o dicionario da Real Academia Galega o termo maxia. Pero a min nunca me convenceu esta definición e decidín lanzarme á procura doutras novas. Non tardei en descubrir que a maxia é o arte de crear ilusións e debuxar sorrisos. Di o mago Juan Tamariz que os ilusionistas son “los titiriteros de los sueños”. En Galicia, temos un amplo abano de prestidixitadores que día a día fan posible o espectacular artificio dun mundo tan descoñecido coma apaixonante. O mago Antón, o mago Romarís, Kiko Pastur, o mago Teto, Cayetano Lledó, o mago Vituco, Dani García, o mago Richard, Martin Camiña…todos eles e moitos máis configuran unha lista de artistas que deleitan ó público coa calidade da súa maxia en cada actuación.
Para defender e impulsar o ilusionismo galego e situalo nun espazo propio dentro do panorama cultural da nosa comunidade nace a asociación de Magos Profesionais de Galicia (MPG) que pretende que a maxia sexa considerada coma “unha arte con entidade propia”. Nunha conversa, Antonio Romarís – mago, produtor, director de espectáculos de maxia e un dos fundadores desta asociación – confesoume que este colectivo ten coma finalidade “defender os intereses económicos da maxia en Galicia”. Así mesmo aclarou que, un dos obxectivos deste organismo – a futura creación dunha Escola Máxica en Galicia – é “un proxecto a longo prazo, dependente da Xunta e de difícil realización porque primeiro teñen que existir bases de futuro que garantan o traballo das xeracións vindeiras”. Unhas bases polo momento inexistentes xa que a maxia profesional é aínda “unha actividade moi recente”. Quizais isto explique que moitos magos se decanten por dotar a esta arte dunha dimensión máis comercial e procuren poñela ó servizo das empresas. Romarís opina que “a opción profesional é traballar para a Xunta” se ben recoñece que non todos os ilusionistas van apostar por iso. Non obstante, tamén pensa que a maxia, para ser considerada coma tal, precisa dunha “atmosfera determinada sen a cal o mago só poderá ser un entretedor-artista”. Ademais, esta asociación trata de fomentar o uso da lingua galega dentro do ámbito da prestidixitación xa que “a maxia galega ten denominación de orixe, é especial por moitos motivos e un deles é o idioma”.
Tamén tiven ocasión de conversar con Xesús Carreira -mago amateur membro do Colectivo Máxico Waldemar e dono do Mesón do Forno de Lugo, un local con moita maxia onde se reúnen cada mércores un bo número de artistas- quen me falou de tódolos aspectos relativos a ese mundo de fantasía e ilusión.
- Di o mago Vituco que “para aquellos que creen no hacen falta explicaciones. Para los que no creen, ninguna es suficiente”. Segundo isto; ¿podería ser a maxia unha especie de relixión?
- Non. A min gústame a xente lista que lle interesa saber cal é o truco porque é humano que pensen como se fai. A min os que cren non me gustan.
- ¿Que se precisa para ser un bo mago?
- Ser un bo mago é ser un bo comunicador; un artista que debe ter unha cultura moi ampla e coñecer as demais disciplinas que ten que dominar; non podemos deixar que se introduza calquera. A maxia precisa dunha “cultivación” coma a pintura ou coma a música. Ten moito de tódalas artes; é coma a ópera.
- Nese caso, ¿é positivo a mestura de disciplinas – pantomima, globoflexia, teatro, danza…- nos espectáculos de maxia ou fai que esta perda o seu sentido inicial?
- Eu creo que a maxia e as súas artes afines deberían estar separadas. Non podemos mesturar un malabarista cun mago. Son disciplinas semellantes pero non son a mesma cousa. Hoxe en día confundimos todo con todo e iso é un erro moi grande.
- ¿Pensas que a crise chegou á maxia?
- Non, ó contrario: a máis crise, máis maxia. Os magos somos xente que ofrece ilusión e algo máis, somos artistas que precisamos dunha formación e dunha sensibilidade.
- Sendo necesario ese talento previo, ¿un mago nace ou faise?
- Eu penso que se nace en branco, se ben é certo que se precisa unha inclinación que hai que traballar. O único talento do mago é poder penetrar na mente dos demais.
- ¿Como Anthony Blake?
- Por exemplo. El é un mago como o das cartas só que traballa coa mente.
- ¿Son os nenos o mellor tipo de público por ser máis permeables á maxia?
- Non, os nenos son o público máis complicado porque sempre atopan solucións aínda que sexan falsas.
- ¿Por que hai tan poucas mulleres magas?
- Porque non lles interesa. As mulleres non son románticas: son pragmáticas, teñen os pés na terra. Cando ven un xogo de maxia pregúntanse para que sirve e non lle atopan utilidade. Prefiren aquilo que teña unha función, coma botar as cartas que serve para ver o futuro. Desilusiónanse cando descobren como se executa un xogo; en cambio os homes, unha vez que saben como é, practícano. Hoxe en día, unha muller maga tería moito éxito porque non hai competencia; as que hai son, case exclusivamente, fillas de magos.
- ¿Que opinas da asociación de Magos Profesionais de Galicia que loitan por dotar o mundo da prestidixitación dunha dimensión profesional?
- Penso que é unha asociación cun único obxectivo: sacar cartos.
- ¿A maxia é universal?
- Claro. Eu fágolle trucos a xente francesa, inglesa, rusa… incluso a xordomudos.
- Para ti, ¿por que merece a pena este oficio?
- Porque, aínda que eu son afeccionado, aplico a maxia no meu traballo. O ilusionismo abre as portas e o corazón a todo o mundo.
Non debe pasar desapercibida a reflexión que o mago Antón -un dos pioneiros desta andaina prestidixitadora galega- fai con respecto a este mundo e o papel que o ilusionista desempeña nel: “A maxia é unha substancia de liberdade que se reencarna en homes e mulleres de distintas épocas e lugares afastados. ¿Quen son eu nesa longa cadea? Apenas un nome e un rostro, por tras dos cales tomaron vida os poderes e os soños de Merlín”. Cando Antón lle confesou ó seu pai que quería ser mago xa se imaxinaba a réplica que ía vir a continuación: ¿pero fillo; estás tolo? Agora asegura que leva vinte anos exercendo de tolo. Quizais o ilusionista húngaro Harry Houdini non ía tan desencamiñado cando afirmaba que “non é necesario estar completamente tolo para ser un bo mago, pero serve de axuda”.

Maxia e ciencia
Mentres a Neurociencia Cognitiva continúa intentando buscarlle explicación ós efectos que as falacias dos magos teñen sobre a mente humana a través da Teoría da Mente ou da chamada “cegueira por inatención” os ilusionistas, en palabras de David Copperfield, ó igual que os políticos: “fan o que non din, din o que non fan, non fan o que din… e non din o que fan”. O sublime da maxia radica no feito de que a procura dunha explicación é algo prescindible e innecesario, pois ten sentido por si mesma. Quizais deberiamos facer caso do consello que o mentalista Anthony Blake repite tras cada actuación: “todo lo que han visto es producto de su imaginación. No le den más vueltas: no tiene sentido”. Que así sexa. Que a maxia e a universalidade que a caracteriza -pois non entende de fronteiras, de razas, de relixións, de sexos, de idiomas ou de ideoloxías- sexa a verdadeira ponte entre o mundo visible e o invisible e que nos leve polo único camiño que paga a pena percorrer: o dos soños.

Pallares Vilar, Nerea
Pallares Vilar, Nerea


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES