Noticias

Galicia celebra el Día Internacional del Libro uniendo las plazas de las ciudades con el poema Negra Sombra de Rosalía

Seis ciudades gallegas componen con libros los primeros versos del poema Negra sombra, de Rosalía de Castro, en una iniciativa de la Consellería de Cultura y la Fundación Cumulum para unir las plazas gallegas a través de la poesía. Galicia conmemora el Día Internacional del Libro con esta iniciativa titulada: Ágora Libros. Os libros nas prazas.

Nota de prensa remitida por la Consellería de Cultura e Turismo de la Xunta de Galicia:

A Xunta de Galicia vén de conmemorar o Día Internacional do Libro coa iniciativa ÁgoraLibros. Os libros nas prazas, na que se empregaron miles de volumes para escribir o poema Negra sombra de forma simultánea en Santiago, A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo. A acción de homenaxe a Rosalía de Castro, no 125 aniversario do seu pasamento, enmárcase nos actos de celebración do Ano do Libro e da Lectura e contou coa participación de voluntarios, institucións e centros de ensino que colaboraron na colocación dos libros e na lectura de poemas.

O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, en Santiago; o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, en Ourense; e os delegados territoriais da Xunta de Galicia en A Coruña, Pontevedra, Lugo e Vigo nas súas respectivas demarcacións realizaron a lectura da declaración institucional do Goberno galego con motivo da conmemoración do Día Internacional do Libro, aprobada no Consello da Xunta.

Nesta declaración, a Xunta de Galicia amosa o seu compromiso coa palabra escrita e coa lectura e valora especialmente a capacidade da industria editorial galega e das creadoras e creadores galegos para manterse nos mellores planos da cultura contemporánea. Do mesmo xeito, o Goberno galego recoñece o interese das lectoras e dos lectores de Galicia, que fan posible incorporar dun xeito frutífero a produción exterior e facela parte de nós mesmos.

Na celebración enmarcada no Ano do Libro e da Lectura como rúbrica ao ano Xacobeo 2010, a Xunta de Galicia manifestou o apoio incondicional ao libro como creación humana de comunicación e entendemento e como o gran decantador da expansión intelectual das persoas e das sociedades. Na declaración institucional lida hoxe polos conselleiros e delegados territoriais, o Goberno autonómico define ao libro como o lugar onde teñen cabida os avances en todas as materias e en todos os aspectos da nosa presenza como seres humanos a través do tempo e a fórmula de transmisión que nos permite construír novos estratos a partir da herdanza recibida e as achegas das persoas e dos pobos que nos acompañan no tempo presente.

A conmemoración do Día Internacional do Libro e a homenaxe a Rosalía de Castro completouse o poema Negra Sombra de Rosalía de Castro dende a praza maior de Ourense ata a Explanada de Palexco en A Coruña, pasando pola praza maior de Lugo, a praza da Estrela en Vigo, a praza da Ferrería en Pontevedra e a devandita praza do Obradoiro en Santiago de Compostela.

A iniciativa “ÁgoraLibros. Os libros nas prazas” foi organizada pola Consellería de Cultura e Turismo, a Fundación Cumulum e a Fundación SEUR. A Praza do Obradoiro en Santiago de Compostela converteuse no epicentro dos actos celebrados hoxe e contou coa presenza dos distintos representantes das entidades organizadoras e colaboradoras, o conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, a artista e presidenta da Fundación Cumulum, Luz Darriba e a membro do padroado da Fundación SEUR, Teresa Debelius. Preto de 28.000 libros escribiron no chan a estrofa “Si cantan, es ti que cantas, si choran, es ti que choras, i es o marmurio do río i es a noite i es a aurora” do poema Negra Sombra completada cunha estrofa en cada unha das outras prazas galegas.

En Ourense, o conselleiro de Educación, Xesús Vázquez Abad foi o encargado de darlle voz á declaración institucional. Preto de 300 persoas, entre eles unha trintena de nenos, participaron na iniciativa desenvolta na praza maior de Ourense onde máis de 20 mil libros escribiron a primeira estrofa do verso de Rosalía de Castro, Negra Sombra “Cando penso que te fuches, negra sombra que me asombras. Os libros serán repartidos entre os cidadáns que se acheguen á praza maior á última hora da tarde de hoxe”. Ao acto institucional asistiron asemade o delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, o tenente alcalde da cidade, Andrés García Mata e membros do grupo popular na corporación municipal.

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Raquel Arias, foi a encargada de ler o manifesto institucional do Día do Libro diante de máis de 200 persoas, entre as que se atopaban representantes do ámbito político e cultural da provincia, numerosos escolares, pertencentes na súa maioría ao IES A Nosa Señora dos Ollos Grandes de Lugo e membros de colectivos sociais como Alcer ou Cogami. A Praza Maior de Lugo luciu a estrofa de Rosalía “ó pé dos meus cabezales, tornas facéndome mofa”. formada con preto de 9.000 libros dispostos sobre o chan.

Cerca de medio millar de persoas, entre autoridades, veciños, libreiros, e nenos, participaron no acto celebrado na praza da Ferrería de Pontevedra. O delegado territorial de Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, estivo acompañado do presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, da alcaldesa en funcións da cidade do Lérez, Teresa Casal, e do portavoz da oposición, Telmo Martín, así como dos xefes territoriais de Cultura, José María Picallo, e de Educación, César Pérez. Trala lectura da declaración institucional, varios alumnos do CEIP Manuel Vidal Portela deron lectura ao poema de Rosalía de Castro, rematando o acto coa entrega de varios libros da editorial Kalandraka entre os rapaces participantes, provenientes de ata sete colexios da cidade, que colaboraron na creación dos versos de Rosalía.

En Vigo, preto de 700 persoas, entre elas 270 nenos e nenas de 4º, 5º e 6º de Primaria de cinco centros educativos da cidade, participaron esta mañá na construción da estrofa “i eres a estrela que brila, i eres o vento que zoa”, confeccionada con case dez mil libros. Ao acto institucional, asistiron ademais da delegada territorial Lucía Molares, diversas autoridades locais coma a presidenta da Autoridade Portuaria, Corina Porro; o vicepresidente da Diputación de Pontevedra; José Manuel Figueroa, así coma os concelleiros da Corporación municipal de Vigo, Iolanda Veloso, Jorge Conde e Elvira Larriba, ademais de representantes de asociacións veciñais, de comerciantes e do mundo editorial, que axudaron a conformar unha última letra da estrofa ubicada na Praza da Estrela. Posteriormente, cinco alumnas e alumnos leron o poema Negra Sombra de Rosalía de Castro para rematar coa lectura da Declaración Institucional por parte da delegada Lucía Molares. Unha vez rematado o acto, todos os nenos e nenas ademais dos cidadáns que se achegaron ata a praza, leváronse todos os exemplares.

A escritura do poema de Rosalía finou en A Coruña, onde preto de 20 mil volumes escribiron no chan da Explanada de Palexco “En todo estás e ti es todo, pra min i en min mesma moras, min me abandonarás nunca, sombra que sempre me asombras”. O delegado da Xunta de Galicia en A Coruña, Diego Calvo, acompañado polo xefe territorial da Xunta de Galicia en A Coruña, Manuel Varela e membros da corporación municipal, procedeu á lectura da declaración institucional ante máis de 200 persoas, entre elas medio centenar de rapaces que leron as poesías de Rosalía na conmemoración do Día do Libro.

Ao remate da xornada procederase á deconstrución dos tapices e agasallaranse os libros aos viandantes que se achegaran ás prazas. Para esta acción procurouse a participación de milleiros de persoas que cederon os seus libros e de máis de douscentos centros de ensinanza, fundacións, museos, institucións públicas, bibliotecas públicas e privadas, servizos de publicacións ou editoriais que contribuíron á recompilación dos milleiros de volumes e á construción dos mosaicos nas diferentes prazas galegas.

O día 23 será a gran festa do Libro. Unha festa na que as librerías de Galicia agasallarán aos compradores cun exemplar, editado pola Consellería, e no que o libro conta como protagonista a historia da súa existencia, tanto a nivel universal como galego. Este libro de agasallo leva por título A grande aventura do libro.

Asemade haberá outras accións promocionais nas librerías, visibilizando o libro nos puntos de venta, así como a presenza do presidente da Federación de Libreiros, Xurxo Patiño Pérez, no espazo televisivo Palabra de autor ao remate dos informativos da TVG.

R., 2010-04-23

Actualidad

Foto del resto de noticias (aqui-tamen-se-fala-2024.jpg) O evento, que reunirá na cidade herculina a artistas contemporáneos do talle de Grande Amore, Boyanka Kostova, Lontreira e Leria, nace co obxectivo de potenciar a música actual en galego, e se enmarca na iniciativa cultura homónima nacida no Equipo de Dinamización da Lingua Galega do instituto Rafael Dieste co obxectivo de promover o uso do galego entre a mocidade. A día de hoxe, involucra máis de 200 centros de toda a comunidade e preto de 50.000 estudantes que, a través de entrevistas, actuacións e campañas nas redes sociais, animan a rapazada a falar na lingua propia de Galicia.
Foto de la tercera plana (dron-bfa.jpg) A Business Factory Aero, o programa de incubación, aceleración e consolidación de empresas do sector aeroespacial, promovido pola Xunta de Galicia e xestionado pola Fundación CEL Iniciativas por Lugo, foi escollido pola Fundación de las Cajas de Ahorro (Funcas) e pola Universidad Rey Juan Carlos como a mellor Aceleradora en 2024 na categoría de Avanzadas. Este primeiro posto no ranking nacional supón un importante recoñecemento ao labor desenvolvido polo Goberno galego, no marco do Polo Aeroespacial de Galicia, para a retención e atracción de talento no sector e para a creación de emprego de alta cualificación na comunidade.

Notas

O Seminario de Inicio do Proxecto Caprif-CC: Comunidades activas e paisaxes resilientes a incendios forestais e cambio climático, desenvolveuse no Centro de Estudos Avanzados da USC, onde o inaugurou a vicerreitora de Titulacións e Internacionalización da USC, María José López Couso; o director da Fundación Juana de Vega, José Manuel Andrade; e o director da Fundación CEER, Ángel Miramontes.
Definida como a rama da política que se encarga das relacións entre estados, a diplomacia asociouse historicamente á actuación dos executivos nacionais. Non obstante, nun mundo marcado pola globalización, tanto os gobernos autonómicos como os locais levan a cabo iniciativas de acción exterior, do mesmo xeito que as actuacións de institucións como os parlamentos teñen unha incidencia internacional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES