Notas de prensa

Presentado en Rianxo o proxecto de catalogación universal da obra de Castelao

Diante do monumento a Castelao, o conselleiro de Cultura da Xunta reivindicou a universalidade da cultura galega a través de proxectos como a catalogación da obra do escritor e galeguista recoñecido.

O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela asistiu á presentación do Proxecto de Catalogación universal da obra de Alfonso Rodríguez Castelao, iniciativa común levada a cabo pola Consellería de Cultura e Turismo e a Fundación Castelao. O conselleiro considerou esta iniciativa como “a mellor homenaxe posible a unha das figuras totémicas da cultura do noso país, pois supón a culminación, simbólica, significativa e produtiva, da viaxe de retorno emprendida en 1984, cando os seus restos foron trasladados ó Panteón de Galegos Ilustres”. O acto contou coa presenza do delegado territorial da Xunta de Galicia en A Coruña, Diego Calvo, o presidente da Fundación Castelao, Avelino Pousa Antelo, e unha representación das autoridades locais.

Tras o acto celebrado no Auditorio Municipal, realizouse unha ofrenda floral diante do busto do escritor. Para Roberto Varela, “este emprazamento simbólico pola relevancia de Castelao dentro e fóra das nosas fronteiras convértese no lugar idóneo para reivindicar, unha vez máis, a universalidade da cultura galega”. O conselleiro avogou por “traballar incansablemente a prol da difusión internacional e a promoción dos nosos autores”. Neste sentido, Roberto Varela asegurou: “o meu compromiso en defensa da nosa cultura é irrenunciable”.

Roberto Varela lembrou o traballo que Castelao realizou durante tres lustros, “por e para Galicia, máis alá das nosas fronteiras, fixo que quedaran pegadas da súa inxente produción artística en cidades tan dispares coma A Habana, Nova York ou Moscova, e, por suposto, en múltiples lugares de Sudamérica”. A dispersión da súa obra responde, segundo Varela, “ás desafortunadas circunstancias históricas que moveron a Castelao ó exilio”, así como, “á súa natural curiosidade polas diversas expresións creativas do seu tempo, ó seu afán de universalizar a nosa cultura sen renunciar ás súas raíces”.

A labor de recuperación, dixitalización e catalogación da obra deste galego universal supón reimportar a Galicia o seu legado, un total de máis de tres mil obras gráficas. Segundo Varela, valorizar o noso patrimonio artístico e histórico significa, “ante todo, mantelo vivo, permitir que siga xerándose ó seu redor coñecemento e cultura”. Roberto Varela definiu a catalogación que se presentou hoxe como “un proxecto en expansión, que constitúe dende xa mesmo unha óptima base de datos, unha ferramenta en rede que axilizará a divulgación da extraordinaria obra de Castelao”. “Era moi importante actuar inmediatamente, evitando que os traballos presentes en coleccións privadas de todo o mundo puidesen perderse co paso do tempo”, engadiu.

Creacións inéditas

A preparación deste catálogo permitiu xa importantes avances, como descubrimento de obras inéditas, mellor documentación dos orixinais ou datación máis precisa dos traballos. O conselleiro de Cultura e Turismo afirmou que “coñecer mellor a Castelao supón coñecernos un pouco mellor a nós mesmos, a través dun referente ineludible para repensarmos hoxe a cultura galega”.

Douta banda, Roberto Varela gabou o traballo “aparentemente inabarcable de rastrexar, estudar e rexistrar unha produción a miúdo esquecida en bibliotecas, apartamentos e caixóns de medio mundo” dos responsables da Fundación Castelao, investigadores, bolseiros e todos aqueles que desinteresadamente fixeron posible coa súa entrega esta base de datos.

No remate da súa intervención, Roberto Varela recuperou unha prosa “vehemente, apaixonada e certeira do propio Castelao” que afirmaba que ‘a verdadeira tradición non emana do pasado, nin está no presente, nin se albisca no porvir; non é serva do tempo. A tradición é a alma eterna de Galiza. A tradición non é a historia, a tradición é a eternidade’. O conselleiro de Cultura concluíu afirmando que con este catálogo “achegamos un pouco máis a Castelao, á súa obra, ó seu legado e á eternidade que este artista merece”.

Obra en todo o mundo

O Proxecto de Catalogación universal da obra de Alfonso Rodríguez Castelao foi coordinado polo vicepresidente da Fundación Castelao, o historiador Miguel Anxo Seixas Seoane, e contou cun grupo de cinco especialistas que acudiron tanto a institucións públicas como privadas (en España e en América, que gardan parte da obra do galeguista), hemerotecas xornalísticas e mesmo a particulares na procura da obra inédita.

A dificultade de esta iniciativa residiu en que a obra do escritor rianxeiro está integrada por colaboracións literarias, creacións en prosa, textos teatrais, artigos, discurso parlamentarios, cartas, manuscritos, debuxos... repartidos polos lugares nos que foi transcorrendo a súa vida: Galicia, Madrid, Arxentina, Estados Unidos, Cuba, México, Chile ou Venezuela. O traballo presentado reúne case 3.800 entradas. Cada unha das fichas aporta información sobre a localización da obra, as súas reproducións, a súa participación en exposicións, a datación, etc.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia, 2010-01-29

Actualidad

Foto del resto de noticias (setecidades-setesabores.jpg) Os chefs representantes de cada cidade son: Adrián Pérez de Sinxelo (Ferrol); Carlos Montes de La Sifonería Gastrobar (A Coruña); Rodrigo Seoane de ArteSana Gastrobar (Santiago de Compostela); Rubén González de El Cafetín de La Alameda (Pontevedra); Rebeca Guede de La Orensana (Vigo); Beatriz Alcalá de La zapatería del abuelo (Ourense) e Jose Luis Pardo de El Boni (Lugo). Os sete cociñeiros competirán por dous galardóns e serán outorgados por un xurado profesional e outro popular, integrado polos invitados á gala, que utilizará un sistema de televotación. Todos eles valorarán cada tapa segundo a súa complexidade técnica, creatividade, presentación e sabor.
Foto de la tercera plana (trens-turisticos-2026.jpg) Presetouse a segunda parte da campaña de Trens Turísticos de Galicia, que inician estee sábado 6 de xuño unha nova quenda de viaxes coas saídas da Ruta dos Faros e a da Ribeira Sacra polo Sil. Os trens que inician saída neste mes son o das Rutas dos Faros (con saídas 6 e 20 de xuño, 4 e 18 de xullo, 29 de agosto e 26 de setembro, todas vendidas); os da Ribeira Sacra polo Sil (6 e 27 de xuño e 11 de xullo, xa vendidas; e 1 e 22 de agosto e 12 de setembro, aínda con prazas á venda); a da Ribeira Sacra polo Miño (13 de xuño, esgotadas, e 5 e 26 de setembro); e a dos Mosteiros (20 de xuño -xa vendidas- e 25 de xullo). O programa de Trens Turísticos de Galicia é unha iniciativa de Turismo de Galicia, en colaboración con Renfe e o INORDE. En total, en 2026 realizaranse 13 rutas e 33 saídas, cunha ruta -a da Camelia- xa realizada.

Notas

A USC será do 10 ao 12 de xuño o punto de encontro da comunidade universitaria dedicada á Tecnoloxía Educativa co desenvolvemento das XXXIII Xornadas Universitarias de Tecnoloxía Educativa (JUTE 2026). O congreso, que reúne profesorado, persoal investigador e estudantado de universidades de toda España e do estranxeiro, regresa á Facultade de Ciencias da Educación baixo o lema ‘Alfabetización Dixital Crítica para unha Convivencia Híbrida’.
O Centro de Investigación Mariña da UVigo celebrou a súa primeira década de existencia, na que se consolidou como un dos polos científicos máis dinámicos do sistema galego integrado na Rede Cigus e como un referente no arco atlántico europeo. Foi nun acto institucional que tamén serviu para conmemorar os 20 anos da Estación de Ciencias Mariñas de Toralla, unha infraestrutura singular que forma parte da rede europea EMBRC e que dá soporte a unha comunidade científica de máis de 200 investigadores dedicados ao estudo do océano.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES