Notas de prensa

As webs dos centros escolares dispoñen dunha aula virtual aberta para intercambios de coñecemento

A iniciativa enmárcase dentro do Proxecto Webs Dinámicas que está a ser actualizado pola Consellería de Educación da Xunta e na que todos os recintos educativos que o desexen poden solicitar formar parte. Educación quere pór a disposición da comunidade educativa unha ferramenta de clara dimensión colaborativa entre estudantes e docentes.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria vén de poñer en marcha a Aula Virtual Aberta, no marco do proceso de mellora e actualización do proxecto ‘Webs Dinámicas’, polo que está a dotar ás webs dos centros escolares galegos de novas aplicacións.

Tendo en conta que na nova Sociedade da Información, a forma de compartir o coñecemento muda dun xeito radical, Educación quere pór a disposición da comunidade educativa unha ferramenta de clara dimensión colaborativa, na que estudantes e docentes poderán intercambiar traballos, experiencias, coñecementos e proxectos. Así mesmo, todos os profesores e profesoras que estean a elaborar cursos virtuais relacionados co proxecto ‘Webs Dinámicas’, Software Libre, ou outros temas relacionados coas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) e a Sociedade da Información, e queiran compartir os seus coñecementos coa comunidade educativa, poderán facelo nesta Aula Virtual Aberta, ou incluso xestionalos desde ela. Unhas achegas ás que poderán ter tamén acceso os convidados, non usuarios habituais da plataforma.

Tamén no marco deste proxecto, permanece aberto o prazo de matriculación nos cursos sobre Webs Dinámicas para o profesorado, que se van impartir a través da Plataforma de Teleformación Galega (PLATEGA). Este ano a oferta comprende dous cursos de 30 horas de duración cada un, sobre ‘Formación a distancia en administración das Webs Dinámicas’, e ‘Formación a distancia en Webs Dinámicas para o emprego didácticos nos centros educativos’. A maiores, todos estarán dispoñibles, en aberto, sen titorización nin certificación, na Aula Virtual Aberta.

Proxecto ‘Webs Dinámicas’

A Consellería de Educación está a ofrecer de forma totalmente gratuíta aos centros educativos a participación no proxecto ‘Webs Dinámicas’, co que quere promover a comunicación e colaboración entre os membros da comunidade educativa a través de plataformas web 2.0. Esta iniciativa xorde do feito de que, aínda que a maioría dos colexios e institutos contaban cun espazo propio en internet, non eran froito dun traballo colectivo da comunidade educativa, polo que foron quedando esquecidas, ou tendo pouco seguimento por parte dos docentes e o alumnado.

Ademais, o proxecto fomenta a utilización das TICs, no marco da Sociedade da Información, permitindo o achegamento real de contidos educativos dixitais ás aulas, a través de tecnoloxías innovadoras. O obxectivo último é contribuír á difusión do coñecemento libre nun marco altamente colaborativo e de licenzas abertas, en consonancia coas novas tendencias na Sociedade do Coñecemento, e reducir dese xeito a fenda dixital existente.

Eliminar barreiras

Conscientes das dificultades que supón empregar linguaxes de programación, ferramentas máis ou menos complicados de edición de webs, e aloxalas nun servidor, factores que rematan por derivar en que as páxinas deixen de actualizarse; desde Educación ofértase aos centros unhas aplicacións dinámicas en contorno web preinstaladas nos servidores da Consellería.

Trátase, fundamentalmente, da instalación e configuración de tres ferramentas: Drupal, como xestor de contidos; Moodle, como aula virtual; e Coppermine, como galería de imaxes. Todas elas están baseadas na tecnoloxía da web 2.0, polo que para poder usalas tan só é necesario dispoñer de conexión a Internet e un navegador do tipo Internet Explorer ou Mozilla Firefox.

Estas aplicacións dispoñibles en 'Webs Dinámicas' non precisan que os usuarios teñan coñecementos previos de linguaxes informáticas, facendo máis doadas as actualizacións, e permitindo definir múltiples estilos de páxina. Así, elimínanse as diferenzas entre centros educativos de alta cualificación tecnolóxica con aqueles menos alfabetizados.

En consonancia con este espírito, é o propio equipo técnico da Consellería quen se ocupa da instalación e configuración destas ferramentas, así como das actualizacións, parches de seguridade, novos temas e módulos, buscando a uniformidade dos compoñentes instalados aos centros participantes. Un asesor do departamento educativo acude, ademais, aos colexios e institutos para explicar o seu uso.

Este servizo, co que a Consellería traballa en favor dunha introdución integral das TIC na educación galega, está a disposición de todos os centros, que poden solicitalo enviando un correo electrónico ao enderezo websdinamicas@edu.xunta.es. Para máis información sobre a iniciativa, poden visitar a web do proxecto en http://centros.edu.xunta.es/websdinamicas/.


Gabinete de Comunicación da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, 2009-11-30

Actualidad

Foto del resto de noticias (setecidades-setesabores.jpg) Os chefs representantes de cada cidade son: Adrián Pérez de Sinxelo (Ferrol); Carlos Montes de La Sifonería Gastrobar (A Coruña); Rodrigo Seoane de ArteSana Gastrobar (Santiago de Compostela); Rubén González de El Cafetín de La Alameda (Pontevedra); Rebeca Guede de La Orensana (Vigo); Beatriz Alcalá de La zapatería del abuelo (Ourense) e Jose Luis Pardo de El Boni (Lugo). Os sete cociñeiros competirán por dous galardóns e serán outorgados por un xurado profesional e outro popular, integrado polos invitados á gala, que utilizará un sistema de televotación. Todos eles valorarán cada tapa segundo a súa complexidade técnica, creatividade, presentación e sabor.
Foto de la tercera plana (trens-turisticos-2026.jpg) Presetouse a segunda parte da campaña de Trens Turísticos de Galicia, que inician estee sábado 6 de xuño unha nova quenda de viaxes coas saídas da Ruta dos Faros e a da Ribeira Sacra polo Sil. Os trens que inician saída neste mes son o das Rutas dos Faros (con saídas 6 e 20 de xuño, 4 e 18 de xullo, 29 de agosto e 26 de setembro, todas vendidas); os da Ribeira Sacra polo Sil (6 e 27 de xuño e 11 de xullo, xa vendidas; e 1 e 22 de agosto e 12 de setembro, aínda con prazas á venda); a da Ribeira Sacra polo Miño (13 de xuño, esgotadas, e 5 e 26 de setembro); e a dos Mosteiros (20 de xuño -xa vendidas- e 25 de xullo). O programa de Trens Turísticos de Galicia é unha iniciativa de Turismo de Galicia, en colaboración con Renfe e o INORDE. En total, en 2026 realizaranse 13 rutas e 33 saídas, cunha ruta -a da Camelia- xa realizada.

Notas

A USC será do 10 ao 12 de xuño o punto de encontro da comunidade universitaria dedicada á Tecnoloxía Educativa co desenvolvemento das XXXIII Xornadas Universitarias de Tecnoloxía Educativa (JUTE 2026). O congreso, que reúne profesorado, persoal investigador e estudantado de universidades de toda España e do estranxeiro, regresa á Facultade de Ciencias da Educación baixo o lema ‘Alfabetización Dixital Crítica para unha Convivencia Híbrida’.
O Centro de Investigación Mariña da UVigo celebrou a súa primeira década de existencia, na que se consolidou como un dos polos científicos máis dinámicos do sistema galego integrado na Rede Cigus e como un referente no arco atlántico europeo. Foi nun acto institucional que tamén serviu para conmemorar os 20 anos da Estación de Ciencias Mariñas de Toralla, unha infraestrutura singular que forma parte da rede europea EMBRC e que dá soporte a unha comunidade científica de máis de 200 investigadores dedicados ao estudo do océano.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES