
O Centro Dramático Galego coproduce coa creadora Cris Balboa e o Centro Dramático Nacional o espectáculo Roland mon amour, que se estrea mañá no Teatro María Guerrero de Madrid, onde permanecerá en cartel ata o 20 de abril. Desde a sede da compañía pública estatal porá rumbo cara á da unidade teatral da Xunta de Galicia, no Salón Teatro de Santiago de Compostela, para ofrecer unha función o 10 de maio como parte do festival Escenas do Cambio, promovido pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude. Cris Balboa é a autora, directora e intérprete desta peza de artes vivas, que ela mesma define como monodrama de desexo e música e na que mestura o son electrónico, a acción escénica e o movemento para converter o teatro nun acto de conexión íntima e compartida.