Actualidad de Cultura

Noticias cultura

Reputados expertos e responsables de museos picassianos de España e Francia recalarán o 24 de marzo no Museo de Belas Artes da Coruña para participar na Xornada 'Picassiana. Os museos como centros de investigación', unha iniciativa deseñada e coordinada polo equipo técnico do Museo na que ofrecerán novas perspectivas da obra e traxectoria do pintor, como os seus vínculos coa arte alemá, o proceso creativo da súa etapa de mocidade, a súa formación literaria ou o seu paso pola Escola de Belas Artes da Coruña.
O Instituto Cervantes de París é o escenario do peche dun ano de reivindicación do legado de Laxeiro, un dos pintores galegos máis relevantes do século XX e figura destacada da vangarda pictórica española. Hoxe finaliza na capital francesa o percorrido da exposición itinerante Foi un home. Laxeiro en América (Buenos Aires, 1950-1970), que sumou nesta última estadía internacional, entre o 27 de xaneiro e o 13 de marzo, máis de 1.000 visitantes. A iniciativa xurdiu despois de que a Real Academia Galega de Belas Artes decidise dedicarlle a Laxeiro no 2022 o Día das Artes e viuse reforzada coa implicación do Instituto Cervantes de París e da Embaixada de España en Francia.
A obra, que pasa a engrosar a sección clásicos de Xerais, recompila os case 40 anos de creación poética dunha das voces líricas máis importantes da segunda metade do século XX. Introducido por un limiar de Alonso Montero e ilustrado con seis imaxes do artista da Limia Xosé Lois Carreira, o volume presenta os textos ordenados en 12 seccións: A procura da identidade, Saudade das paraxes de outrora, O paraíso da infancia, A defensa dos desherdados, O panteísmo animista, O nihilismo, O pensamento: a vida, o medo, Deus, a morte, O amor o erotismo, a Tucha, Contra a inxustiza e a opresión, A reivindicación da lingua, A palabra creativa e Varia.
Guerrilla Girls. Portfolio Compleat, 1985–2016 é unha escolma da produción desde mediados dos 80 ata 2016 do colectivo Guerrilla Girls, formado en Nova York en 1985 como un grupo anónimo de artistas de acción feminista. Definida polo propio colectivo como unha mostra da “conciencia do mundo da arte”, as obras incluídas na mostra aprópianse da linguaxe visual do márketing publicitario para transmitir as súas mensaxes feministas dunha forma directa. Coñecidas por utilizar máscaras de gorilas para ocultar o rostro, as Guerrilla Girls identificáronse co nome de mulleres artistas falecidas como Frida Kahlo, Eva Hesse, Paula Modersohn-Becker, Käthe Kollwitz, Gertrude Stein ou Georgia O’Keeffe, entre outras.
O Museo das Peregrinacións de Santiago de Compostela foi o escenario da presentación da comedia Códice-K, a nova achega escénica que Ainé Producións estreará o venres 24 ás 20,30 h. no Teatro Principal, onde poderá verse tamén o sábado 25 á mesma hora. Tito Asorey e Noemi Rodríguez dirixen esta 'intrahistoria extra oficial' sobre o roubo do Códice Calixtino na catedral compostelá a partir dun texto de Manuel Cortés. As actrices Lucía Veiga, Marita Martínez, Graciela Carlos e Patricia Castrillón meteranse na pel de múltiples personaxes para ofrecer moi diferentes puntos de vista sobre esta historia. Ademais, unha DJ dará cobertura sonora e dramática á súa posta en escena.
A organización do Festival Internacional de Música Pórtico do Paraíso anunciou hoxe o cartel da súa 16ª edición, que se celebrará do 5 ao 14 de maio en diferentes espazos dos concellos de Ourense, Cea e Nogueira de Ramuín. Así, o Mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil, en Nogueira de Ramuín, acollerá o 7 de maio a actuación de Fabio Álvarez, mentres que o de Santa María de Oseira, en Cea, será o escenario para o recital de peche o 14 de maio a cargo do cuarteto vocal The Orlando Consort, procedente de Reino Unido.
A MICE, que terá lugar do 15 ao 21 de marzo, pon o foco no cine de contido antropolóxico e no seu papel como ferramenta documental e pedagóxica. Nesta edición, o concepto de rururbanía como intersección entre o rural e o urbano será o eixe temático de toda a programación, desde as seccións competitivas Galicia e Internacional con Santiago Teijelo, Sara Traba, Eloy Domínguez Serén e Samuel Moreno Álvarez como representantes galegos, ata os apartados paralelos Trazas, Lindes e Impropias, pasando polas accións formativas e o resto das actividades do festival.
Foi convocada a XIII edición do Encontro de Artistas Novos Cidade da Cultura – EAN que, co obxectivo de apoiar o talento emerxente, ofrece a 40 novas figuras da creación contemporánea a oportunidade de participar nunha estancia de catro días no Gaiás, durante a que presentar o seu proxecto creativo persoal e compartir coñecementos e aprendizaxes con outros artistas noveis, e tamén consolidados nomes do panorama contemporáneo. O EAN13 estará novamente dirixido por Rafael Doctor, un dos máis recoñecidos nomes da xestión cultural e a arte contemporánea en España cunha dilatada traxectoria como comisario de exposicións, que coordina o Encontro de Artistas Novos desde a súa primeira edición.
Os comisarios da exposición, Antón Reixa e Xosé Luís García Canido, e o equipo técnico da Cidade da Cultura desenvolveron os traballos de colocación da peza na que será o seu fogar temporal ata o vindeiro 11 de xuño. As tarefas foron supervisadas a través de videoconferancia pola arquivista e xefa adxunta de Arquivos da Literaturarchiv Salzburg, Lina María Zangerl. Stefan Zweig (Viena, 1881 – Petrópolis, Brasil, 1942) foi un escritor enormemente popular, tanto na súa faceta de ensaísta e biógrafo como na de novelista, converténdose en maxistral testemuña e cronista da desintegración europea do século XX e nun dos narradores máis lidos e queridos por crítica e público.
A Filmoteca de Galicia conmemora o Día da Muller durante todo o mes de marzo cunha carteleira eminentemente feminina, na que 35 das 42 sesións programadas ofrecen traballos de directoras a través de tres novos especiais sobre Márta Mészáros, Kinuyo Tanaka e Helena Wittmann, así como do regreso do ciclo Olladas de muller, que como cada ano organizan conxuntamente a cinemateca da Xunta e o Consello da Cultura Galega. Esta programación arrancou xa onte na Sala José Sellier da Coruña coa proxección de A rapariga, de Márta Mészáros, que poderá verse tamén hoxe xoves ás 18,00 h. Esta será a primeira das 12 películas da directora húngara incluídas nesta retrospectiva, que se estenderá ata o vindeiro mes de abril.
| 35,3  de  278 | Siguiente »

Notas cultura

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade premiou a trece escolares de Lugo que resultaron gañadores do certame de Poesía de Nadal que convoca a Biblioteca Pública Provincial en colaboración con outras bibliotecas públicas da provincia. Na fase final participan os traballos que resultaron vencedores nos distintos certames municipais.
O estudo da percepción que os residentes dos concellos galegos teñen do Camiño de Santiago, así como a análise da eficiencia dos Centros Especiais de Emprego en Galicia conforman as dúas investigacións galardoadas no VIII Premio de Investigación en Economía de Galicia Valentín Paz Andrade que outorgan o IDEGA da USC e o Consello Económico e Social de Galicia.
Alternativa aos festexos do Entroido, o ciclo de poesía do Concello da Coruña celebrará este vindeiro luns 28 a súa sesión mensual correspondente a febreiro. POETAS DI(N)VERSOS, que reúne un luns ao mes o mellor da poesía galega e do resto do mundo, volverá ao Auditorio do Ágora coma sempre en horario das 20h do serán, con entrada aberta e gratuíta para todo o público interesado.
'Este libro sobre A Bela Otero, é froito de moitos anos de traballo e procura incesante de documentación sobre unha muller galega que, como moitas, rebeláronse contra o seu destino e amosaron ser quen nun mundo onde o feito de ser home anulaba por completo a muller. Ela, por si mesma conseguiu chegar a ser unha das mulleres máis importantes do mundo na Belle Époque'.
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, anunciou hoxe na Cidade da Cultura de Galicia a concesión do Premio de Honra Fernando Rey da Academia Galega do Audiovisual á xornalista, escritora, investigadora, docente e cineasta Margarita Ledo Andión. Este recoñecemento outórgaselle no marco dos XX Premios Mestre Mateo do Audiovisual Galego.
'Din que non falan as plantas (...) pero non é certo, pois sempre cando eu paso, de min murmuran e exclaman...'. Estas verbas son tan só nun exemplo da 'fascinación' que Rosalía de Castro sentía pola natureza. Así o constataron os investigadores da USC María López Sández, Fernando Cabo Aseguinolaza e Maria do Cebreiro Rábade Villar no seu estudo da obra da escritora galega que permitiu organizar o denominado Herbario de Rosalía
O Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira volve coa que será a súa edición máis longa, pois terá lugar do 10 ao 17 de xullo, con Tanxugueiras e Red Hot Chilli Pipers como dous das súas cabezas de cartel. Despois de dúas cancelacións consecutivas por causa da pandemia, o Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira presenta as primeiras confirmacións de grupos asistentes.
A Cátedra José Ángel Valente de Poesía e Estética da Universidade de Santiago de Compostela acaba de publicar o libro ‘Valente epistolar (Correspondencia de José Ángel Valente con sus amistades)’, no que catorce especialistas estudan outras tantas importantes e reveladoras relacións epistolares do poeta citado con intelectuais relacionados coa súa vida, coa súa obra ou coa súa tradución.
Fomentar unha reflexión académica en torno á performance é o propósito central do Congreso Internacional de Arte de Acción Fugas e Interferencias, que o grupo de investigación PE4 Imaxes e Contextos, da Facultade de Belas Artes, promove coa colaboración da Vicerreitoría do campus de Pontevedra e o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC).
O Corpus de Referencia do Galego Actual (CORGA) que abrangue dende 1975 ata a actualidade, ten como obxectivo fornecer datos para o estudo da lingua galega actual dende múltiples perspectivas: léxica, morfolóxica, sintáctica, fraseolóxica, terminolóxica ou comunicativa, entre outras. A versión 4.0 presentada este xoves, consta de 43.162.364 palabras ortográficas (51.451.088 elementos gramaticais).


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES