Buscador
Noticias
A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 317, deles 73 son da área da Coruña, 64 da de Lugo, 18 da de Ourense, 6 da de Pontevedra, 122 da área de Vigo, 24 da de Santiago, e 10 da de Ferrol. Do total de pacientes positivos, 4 están en unidades de hospitalización e 313 no domicilio. Non hai pacientes positivos en UCI. Polo de agora, en Galicia hai un total de 10.649 persoas curadas, rexistrándose 619 falecementos. O número de PCR realizadas é de 188.328. A Xunta continúa a traballar desde a máxima coordinación interdepartamental e co Ministerio de Sanidade, tamén mantendo o contacto con todos os axentes socioeconómicos de Galicia.
Investigadores da USC acaban de descubrir un mecanismo de mutación implicado no desenvolvemento dos cancros humanos que pon no punto de mira aos retrotransposóns, rexións de ADN ata agora ignoradas que explican a orixe e progresión de certos tumores e abren novas vías de prevención e tratamento desta enfermidade. O traballo, o maior realizado ata a data no campo da xenómica do cancro, inclúe a análise xenómica de tumores en case 3.000 pacientes e 38 tipos diferentes de cancro. Este traballo enmárcase no consorcio internacional Pan-Cancer, unha iniciativa de enorme envergadura para o estudo das bases xenéticas do cancro, na que participaron durante sete anos preto de 1.000 investigadores de todo o mundo.
Galicia volveu cumprir en 2019 os obxectivos de déficit e débeda fixados no orzamento e pagou aos provedores na metade de tempo que a media autonómica. Segundo o informe presentado pola Consellería de Facenda, sobre o avance do peche do exercicio 2019, Galicia de novo cumpriu o obxectivo de déficit previsto, que era do 0,1% e quedou no entorno do 0,09%, executando o orzamento aprobado polo Parlamento de Galicia, que incluíu como ingresos os preto de 200 millóns de euros da mensualidade do IVE do ano 2017. No que atinxe ao endebedamento, a comunidade volveu cumprir en 2019 o seu tope máximo autorizado e baixou a débeda.
Escenas do cambio o Festival de inverno de teatro, danza e arte en acción da Cidade da Cultura encara xa a súa segunda e derradeira semana da edición de 2020 coa representación de cinco pezas, entre as que se atopa o relato contado, cantado e bailado dunha sobrevivente do xenocidio de Ruanda e un xuízo real ao personaxe literario Hamlet para o que se contará cun xuíz, fiscal e psiquiatra en activo e no que os espectadores exercerán de xurado popular. O festival desprazarase ao casco histórico de Santiago para estrear en España e no Teatro Principal de Compostela Samedi Détente. Trátase dun relato en primeira persoa de Dorothée Munyaneza sobre o asasinato de 800.000 tutsis, cometido en Ruanda a medidos dos anos 90 polo goberno hexemónico hutu.
A iniciativa conta con dous itinerarios diferenciados, un para directivas e outro para socias e traballadoras. O itinerario para directivas está enfocado a responsables de dirección e/ou de goberno para ofrecerlles unha formación co fin de potenciar as capacidades directivas con perspectiva de xénero como factor clave no seu desenvolvemento profesional. Os contidos que se traballarán son os de xestión das organizacións de economía social, habilidades directivas e proxectos colaborativos. Ademais as alumnas contarán cun acompañamento personalizado durante toda a formación para axudalas a mellorar o seu desenvolvemento profesional. O curso ten unha duración de 60 horas de duración e desenvolverase entre o 6 de marzo e o 12 de xuño.
A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia ascende a 3.235, deles 787 son da área da Coruña, 227 da de Lugo, 632 da de Ourense, 194 da de Pontevedra, 768 da área de Vigo, 476 da de Santiago, e 151 da de Ferrol. Do total de pacientes positivos, 37 permanecen en UCI, 261 están en unidades de hospitalización e 2.937 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 5.981 persoas curadas, rexistrándose 557 falecementos. O número de PCR realizadas é de 101.036
Galicia acadou en 2019 os mellores datos turísticos da súa historia rexistrando cifras récord en indicadores como a demanda ou a competitividade e consolidando a súa aposta pola calidade, a descentralización e a sustentabilidade. En total, segundo os datos do Instituto Nacional de Estadística (INE), Galicia rexistrou máis de 5,1 millóns de visitantes que realizaron preto de 11 millóns de pernoitas nos distintos establecementos de aloxamento regrado, acadando así a cifra de demanda turística máis elevada desde que hai rexistros, que se produce en paralelo a unha mellora nos aspectos vencellados á repercusión económica e cualitativa deste sector. Así, Galicia afronta o novo ciclo xacobeo no mellor momento do seu turismo.
Galicia comeza 2020 con 7045 parados menos que hai un ano, o que supón unha baixada do -4,03% e un nivel de desemprego moi inferior ao rexistrado hai once anos. Por sétimo ano consecutivo redúcese o paro en Galicia nun mes de xaneiro. Estes datos sitúan Galicia como a segunda Comunidade que rexistra unha maior baixada de desemprego, superando a media española (-0,97%) en máis de tres puntos. O paro tamén baixou nas catro provincias galegas e nas 7 grandes cidades (agás A Coruña), así como en todos os sectores económicos e nos colectivos prioritarios para a Xunta: menores de 30 anos, parados de longa duración e mulleres.
A Xunta solicitoulle ao Goberno de España a creación dunha comisión de seguimento das obras do AVE que se reúna con periodicidade mensual. A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, remitiulle hoxe un escrito ao secretario de Estado de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Pedro Saura, demandando a creación dun foro sobre a alta velocidade ferroviaria similar ao establecido polo Executivo central con outras autonomías.O Goberno galego considera conveniente que a primeira xuntanza desa comisión de seguimento se celebre xa neste mes de febreiro, coa fin de achegarlle á cidadanía galega información oficial, clara, concreta e certeira sobre a evolución desta infraestrutura estratéxica, unha vez constatado o incumprimento do acordo político de rematar as obras a finais de 2019.
O reitor da USC Antonio López e a conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, presentan dende este luns en Bruxelas o II Cumio Académico e do Coñecemento UE-CELAC, que se desenvolverá en Compostela en xuño. A comitiva mantén ata este martes encontros e reunións bilaterais con diferentes autoridades internacionais, entre eles o embaixador de México, Mauricio Escanero Figueroa; eurodiputados e embaixadores do grupo de América Latina e Caribe diante das Nacións Unidas. A finalidade é informar dos detalles do programa e avanzar nos obxectivos do encontro.