Archivo (11 del 2019)

Buscador

Noticias

A Facultade de Medicina converteuse esta semana en centro neurálxico de intercambio de coñecementos sobre células nai e medicina rexenerativa no marco da reunión da Rede de Terapia Celular (TerCel). Neste foro déronse cita un centenar de investigadores e expertos na materia que puideron intercambiar os seus puntos de vista e establecer sinerxías ao longo de dous días na USC. Dende o xoves, sucedéronse as conferencias e comunicacións orais de cada un dos grupos da Rede de Terapia Celular, como é o caso de NeuroCel que se ocupa da investigación con células nai en enfermidades neurodexenerativas; CardioCel, relativa ás enfermidades cardiovasculares; e OshiCel, enfocada ás enfermidades inflamatorias e inmunohematolóxicas.
A Xunta e o Consorcio Zona Franca de Vigo lanzan hoxe a primeira convocatoria da High Tech Auto (HTA), a nova incubadora para o sector de automoción que vai complementar o labor da Business Factory Auto (BFAuto) no desenvolvemento de iniciativas innovadoras nun sector estratéxico para Galicia e prioritario dentro da Estratexia Europea de Especialización Intelixente (RIS3). A nova aceleradora de proxectos tecnolóxicos enmárcase no Programa Operativo Plurirrexional de España e conta co cofinanciamento da Fundación Incyde a través dos fondos Feder da Unión Europea. Desde Vigo apoiará proxectos da automoción e da industria auxiliar co obxectivo de validar ideas e tecnoloxías que dean lugar a modelos de negocio innovadores.
O Produto Interior Bruto (PIB) de Galicia medrou un 1,7% en taxa interanual no terceiro trimestre do ano, ao tempo que se crearon neste período 8.118 novos empregos a tempo completo, segundo as Contas económicas trimestrais publicadas hoxe polo Instituto Galego de Estatística (IGE). Os datos da primeira estimación publicados polo organismo estatístico autonómico mostran que, co dato do terceiro trimestre, o PIB galego acumula seis anos (25 trimestres consecutivos) con taxas positivas. O crecemento trimestral –sobre o trimestre anterior- foi do 0,3%, o mesmo que o anterior, polo que a economía galega acumula 27 trimestres consecutivos con taxas positivas.
O espectáculo Fang, da compañía circense Animal Religion, poderá verse este domingo no Salón Teatro de Santiago, que retomará así a súa actividade escénica tras un mes maioritariamente dedicado ás proxeccións do festival Cineuropa. A función insírese na programación da cuarta edición do Encontro de Formación e Innovación no circo D10!. A compañía, fundada e dirixida polo artista catalán Quim Girón, chega a Galicia cun espectáculo polo que en 2017 obtivo o premio especial da revista de circo e artes circenses Zirkolika, recoñecemento que se suma a destacados galardóns obtidos polas anteriores montaxes.
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reiterou hoxe que Galicia non renunciará á totalidade dos 700 millóns de euros que lle debe o Goberno central e avanzou que a Comunidade galega proporá varias solucións para que as comunidades e as entidades locais conten coa mensualidade do IVE de 2017 antes de que remate o ano. Durante a rolda de prensa do Consello, Feijóo reiterou que dos 700 millóns, ata o momento, Galicia tan só recibiu 167 millóns de euros. E o único que garante o Goberno central, a través dun Real Decreto Lei, son as entregas a conta: 334 millóns de euros que “estaban comprometidos para este mes de novembro”, rexeitando pagar os 200 millóns da mensualidade do IVE de 2017 e os 170 millóns dos incentivos.
Máis do 80% dos concellos galegos están xa adheridos ao convenio de protección das aldeas subscrito entre a Xunta, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e a empresa pública Seaga para a posta en marcha dun sistema público de xestión da biomasa preto das vivendas. En total son 252 os entes locais incorporados ao acordo e outros tres están ultimando os trámites para adherirse (Laxe, Foz e Muxía). Así, dos municipios galegos adheridos, 84 pertencen á provincia de Ourense, 70 á da Coruña, 50 á de Lugo e os 48 restantes á de Pontevedra. Deles, son en total 124 os que xa dispoñen de plans municipais de prevención e defensa contra o lume.
A décimo segunda edición de Culturgal conta cun convidado que até o momento só asomara o nariz en anos anteriores. O sector do videoxogo é unha das presenzas novidosas desta Culturgal, que se desenvolve do 29 de novembro ao 1 de decembro no Pazo da Cultura de Pontevedra. Na tarde do venres 29 a I Xornada do Videoxogo quere cimentar un espazo común no que atoparse entre si no sector e atoparse co público. Un foro aberto a todas as persoas interesadas. No recinto feiral, empresas e proxectos destacados expoñen o traballo ao redor do videoxogo en Galicia: stands, demos e presentacións dirixidas a todas as idades. Na 12ª Culturgal, a programación inclúe ademais o sábado 30 e o domingo 1 obradoiros de robótica dirixidos a público infantil.
Os viños galegos amparados con selos de calidade incrementan o valor das súas vendas no mercado español, na canle da alimentación. No último ano medrou arredor do 6% o valor das vendas do viño galego no mercado español, na canle da alimentación, o que implica unha revalorización do produto que chega aos fogares. Ademais, o viño con denominación de orixe sitúa a Galicia no terceiro posto por comunidades autónomas -só superada pola Rioxa e Castela e León- en termos de valor, con respecto á cota de mercado nacional. Na canle de alimentación, especificamente, os viños galegos melloran a súa cota de mercado nacional ata un 5,4% en volume e ata o 6,6% en valor, grazas á súa mellora en participación nos hipermercados e supermercados.
Xesús Alonso Montero, Soledad Penalta, Monicreques de Kukas, Amancio Prada, a serie de televisión O sabor das margaridas, Pilar Ponte Patiño, a restauración do Pórtico da Gloria e o programa Galego en Londres son os galardoados dos Premios da Cultura Galega 2019. Os premiados foron distinguidos nas modalidades de Letras, Artes Plásticas, Artes Escénicas, Música, Audiovisual, Lingua, Patrimonio Cultural e Proxección Exterior, respectivamente.
As principais conclusións do Informe GEM, que analiza o proceso emprendedor, foron presentadas esta martes no Museo Pedagóxico de Galicia. O documento constata que o 57,66% da actividade emprendedora en Galicia está liderada por mulleres. O incremento da actividade emprendedora en Galicia, detecta o informe, derívase do aumento asociado á actividade emprendedora feminina, que pasa dun 4,52% no 2017 a un 6,43% no 2018. A actividade emprendedora das mulleres continúa así a súa tendencia á alza desde 2016, acadando o segundo maior valor para toda a serie 2005-2018, e superando á masculina galega e a media feminina española. En relación ao grao de innovación, obsérvase no 2018 un incremento nas iniciativas emprendedoras innovadoras con respecto a 2017.
« Anterior | 1  de  6 | Siguiente »

Archivo

2024 (167)

2023 (515)

PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES