Ás veces nas exposicións podemos seguir facilmente o progreso e a evolución da arte. Nesta que argalla a Asociación de Pintores Lucenses no Salón Almírante do hotel Méndez Núñez da cidade de Lugo, reflíctese a relación e as inquedanzas directas dos artistas coa súa terra.
Estou encantado de ver e é pra min unha honra, comentar o traballo, a plástica, o debuxo e a cor excepcíonal. Gústame, por riba de todo, o trazo enérxico, inquedo, substancial, nidio, de febra prominente co que se orixinan as obras fermosas.
Teño reparado coma os artistas tómanse en serio o estilo que sempre se paga con des-ánimos e tristuras.
Calquera público que se achegue ó Salón Almirante corroborará que o xuízo estético non deixa de ser perceptible. Recoñecerá que o arrebato no se foi. A súa vida experimentará un troco coma o que experimenta o lector dun bo libro ou dun bo poema despois de lelo.
Cando se distribúa este catálogo, antes, durante e despois da mostra, en Lugo coñe-ceremos máis xente que fale de pintura, de escultura e de fotografía dunha maneira mental, intelectual e non incidental, deixando a un lado, porque non existe outra maneira de facelo, os aspectos secundarios e externos, como son a cuestión do éxito, da moralidade e dos propósitos...
Eu mesmo si algunha vez tivese sido un fósil, deixaría de selo coa única relación na creación destes artistas.
As creacións pictóricas, as esculturas ou as fotografías que se amosan non teñen vin-callos; sostéñense a sí mesmas coa forza do estilo, coma terra se sostén no ar. As obras de arte máís fermosas son aquelas nas que hai menos materia. Canto máis se achegan á expresión do pensamento; canto máis se peguen ás nosas retinas e logo desaparezan, máis belas resultan. Creo, sen dúbida, que o estilo e o porvir creador dos artistas que nesta exposición mostran a súa arte vai por esas derrotas.
Nas pinturas decatamos tensións. Unhas acentúanse por liñas ben marcadas e outras por medio da cor. Paisaxes, miradoiros, panoramas, vistas, horizontes, figuras, retratos, debuxos, láminas, tons, matices, luz e cor, xogos de luz; metáforas que o artista manifesta a través de imaxes poéticas. Nunha segunda percepción vemos naturezas mortas mesturadas e variadas nun filme abstracto de cores vistos dende diferentes relacións ópticas.
O público sempre terá que afanarse en fixar cada unha das tensións da maneira máis esquemática, sinxela e certa posible. Non vou describir se tal obra concorda cos adxectivos do catalogo no que se clasifican as artes; se tal estilo é expresionista, futurista, impresionista, cubista, dadaísta, manierista, surrealista, abstracto ou se encaixa dentro do pop art, porque quero ser cego ante formas aceptadas ou rexeitadas pra poder expresarme; de todos os xeitos, cada artista envorcouse cara á súa vida interior e empregou os medios autorizados ou prohibidos.
Estas belas artes harmoniosas son verdadeiros fenómenos enerxéticos de tensión. A fotografía fixada pra sempre dunha maneira mecánica sobre o papel, semella cobrar vida coma cando o cine crea de novo cada representación. Poderemos descubrir un complexo de creacións abstractas, asisadas; achados artísticos de esculturas autónomas; das formas cóncavas e convexas con todas as súas posibilidades de compenetración. Estructuras estáticas e en movemento, con liñas imaxinarias claras ou enmascaradas e as súas distintas posibilidades.
Percibiremos a aparición da figura humana coma un ser encantado polo espacio. Sinalaremos en cada artífice unha determinada maneira de facer. Cadros, vultos, fotos e espacios producen un ambiente nas paredes e territorios da exposición que parecen actores nunha danza espacial, nunha danza das formas, nunha danza dos xestos. Diante deles estamos os asistentes notando o labor, a obra, a actuación, a trama, o movemento, a posición, a forza da cor e recoñeceremos que no intre no que se converteron nunha parte do teatro, son seres encantados por outra dimensión,
En resumo que diante deles, arredor deles, estamos os espectadores tendendo a calquera estimulo ou acción, e detrás deles a parede que lles da seguridade resgardándolles as costas.