Velaquí unha Fisterra. Un bo lugar
para a diaria morte do sol que os Romanos viñeron presenciar.
Pero especialmente un bo lugar para vivir desde que o home habitou
a terra.
Alguén proclamouna a terra “dos mil ríos”.
Os poetas cantaron as súas planicies, os seus vales, os
seus cumes... Galicia é un pequeno país tan vario
que abarca desde os altos cumes ás repousadas praias das
rías baixas; das agrestes e altas rías da súa
costa norte ós feracísimos vales do interior. Desde
a ampla Terra Chá da primeira canle do Miño ó dourado
país das terras do ouro.
Un
país de case trinta mil quilómetros cadrados e
tres millóns de habitantes. Con lingua e cultura propias,
con goberno autónomo e unha conformación individualizada,
de modo que a mesma xeografía marca que o noroeste da Península
Ibérica, é un lugar perfectamente delimitado para
que a historia constante que esto é GALICIA.
Os
textos escolares establecen que Galicia limita ó norte
co Mar Cantábrico. A el ofrécese a terra en constante
loita, formando as rías altas, comparables unicamente ós
fiordes nórdicos.
Ó
oeste, o Atlántico. Aínda hai lugar nel para as fortes
rías altas, pero de seguida comezan as baixas, nas que o
mar e a terra se unen para formar un perfecto tratado de turismo.
Ó
sur, Portugal, o país de “máis alá do
Miño”. Tan lonxe durante tanto tempo. Tan preto en
costumes, en historia, en lingua, no corazón... Se dous
mares son perfectos límites para norte e oeste, o Miño é en
boa parte liña de demarcación polo sur.
Polo
este, outro río, o Eo, marca límites con Asturias.
E desde o Eo, cara ó sur, altos montes forman barreira para
separarnos ou unirnos ó resto das Españas. A máis
alta Galicia sabe de cumes brancos, e completa a nosa xeografía
-dulcísima e ruda á vez- marco incomparable para
a vida das xentes do país da fin do mundo.
Os habitantes desta terra tiveron, sen embargo, que
emigrar para gaña-lo sustento. E hoxe somos quizais máis galegos
na diáspora que os tres millóns que vivimos en Galicia.
E as colonias galegas de Bos Aires, Madrid ou Barcelona, son tan
populosas como calquera cidade deste País.
Santiago,
a capital administrativa, política e relixiosa,
meta final de tódolos Camiños de occidente.
A
Coruña, a cidade vital do comercio, o turismo e a cultura.
Lugo,
2000 anos de historia, con vontade de futuro... vida que xorde
e reborda da muralla romana que
o abraza.
Ourense,
a capital das terras do Ouro.
Pontevedra,
a cidade antano mariñeira.
Ferrol,
a cidade de ferro.
Vigo,
a gran cidade industrial do sur de Galicia.
Hoxe
pódese falar da Galicia das cidades, pero hai esa outra
Galicia das pequenas vilas ou dos minúsculos pobos, aldeas
ou lugares, xa que este País ten máis de 9,000 núcleos
habitados no seu diseminado vivir.
Os galegos somos, case é un tópico, producto dun
crisol de razas. Pero é certo. Fomos invadidos por case
todos. Polos camiños de montañas que conducían ó centro
da península chegaron os suevos, os romanos, os árabes,
os franceses... Polo mar, os fenicios, os bretóns,
os normandos...
E
no final do mundo, nesta fisterra,
aprendemos -ó longo
dos séculos- a convivir, a recibir ó viaxeiro como ó propio...
aprendemos a ser xentes pacíficas, amigables, acolledoras...
acostumadas a ver pasar ante nós
a vida e a integrarnos nela.
Conservamos
da noite da historia vellas crenzas que afloran no noso
folclore,
nas nosas costumes...
E
facemos lume
para celebra-lo
solsticio de verán... levamos exvotos ós lugares
de culto... ou camiñamos por sendas milenarias para dar
culto á auga, ó sol, ós astros, ás
pedras.Os habitantes deste país temos un idioma propio con
fortísima vitalidade que está dando e deu singulares
contribucións á cultura dos últimos séculos...
Deste idioma, o galego-portugués (en tempos o idioma culto
de toda a Península Ibérica), é o maior monumento
das Cantigas de Santa María, do Rei Alfonso X, o Sabio.
Nunca a maior altura brillou o idioma que cando serviu para expresa-la
devoción dun Rei sabio que viviu hai setecentos anos. E
nunca máis preto da esencia da galeguidade que nos versos
da mellor poeta que o romanticismo alumeou e que para este País
representa o maior piar da súa literatura moderna: Rosalía
de Castro.
A
nosa historia. Galicia tiña xa unha riquísima actividade á chegada
do romano, hai máis de dous mil anos. Roma colonizou a infinidade
de pobos que aquí vivían, construíu calzadas,
fortificacións, pontes, faros... E deixounos as súas
leis, o seu idioma, a súa
cultura...
O
mesmo romano recoñeceuno... Foi este o lugar de máis
difícil conquista de todo o seu mundo. E os últimos
galegos refuxiáronse no Medulio, lugar hoxe descoñecido,
onde foron asediados por auga e por fame, preferindo morrer antes
que renderse ó invasor.
Con esta xesta comezaba a nosa
historia escrita.
Bárbaros, normandos, árabes... invadiron este país
a sangue e lume. Pero a cada razzia ou destrozo, os galegos ían
recompoñendo o destruído, reconstruíndo o
País.
Señores feudais que levantaron fortalezas. Irmandiños
populares que as derrubaron para logo reconstruílas á forza...
Xentes de fe que levantaron singulares construccións pétreas
para maior gloria de Deus... Xentes sinxelas fixeron día
a día, século a século, este País
que hoxe recibimos como o
maior dos tesouros.
O
noso saber histórico mestúrase coas tradicións
e lendas, producto de que sabe que crenzas, quen sabe que culturas
esquecidas... E crese que cada lagoa desta terra acolle unha cidade
mergullada, cuberta polas augas para expiación dos pecados
das súas xentes.
Hai
pontes con lenda que se cre -é o caso de Pontedeume-
que foron construídos polo demo nunha soa noite para gaña-la
alma dunha aflixida doncela que así puido cruza-lo gran
río e ver, por última vez, ó seu
amado.
Hai
lendas de tesouros
sen conto, do tempo “dos mouros”,
que estarían soterrados nos castros, nas mámoas,
en calquera monumento megalítico.
Hai
sagradas pedras, conservadas durante séculos porque
os nosos sabios antepasados souberon asignarlles lenda previsora...
Unha, está repleta de ouro, e que o consiga será o
máis rico mortal... Pero a outra está chea de alcatrán,
e se non se soubo elixir
inundarase o mundo
con el.
Perviven
neste pequeno-gran
país costumes ancestrais que
nin a técnica nin a modernidade poderán
facer desaparecer...
As
feiras populares, ocasión de reencontro, diálogo,
trato e convivencia de xentes campesiñas...
As
romarías a santos milagrosos, onde atopan un lugar adecuado
de expansión as firmísimas crenzas; a devoción
popular.Os traballos artesáns con tradición de séculos,
para lograr humildes obxectos cargados de significado moito máis
que utilitario.Os lentísimos e coidados procesos para a
obtención de productos, especialmente os gastronómicos,
que evidencian un amoroso coidado que só os
habitantes dunha
terra vella poden
proporcionar.
E
todo iso compatible cun desenvolvemento
que os
tempos depararon...
que comprende
unha importante
infraestructura
industrial
na transformación
da madeira, na construcción naval, na agricultura, gandería
e pesca, na extracción, no sector de servicios... pero tamén
nas novas tecnoloxías, no turismo, na moda... Galicia está dando
un gran paso cara diante. Busca o seu futuro sen renunciar ó pasado.
Aposta forte por ser un País moderno, pero funde con firmeza
as súas raíces no rico acervo da tradición,
da historia.
Mil
ríos, dos mares, duras cumes e plácidos vales...
Sete grandes cidades... Un idioma riquísimo e milenario...
Dous mil anos de historia escrita e un camiño aberto cara ó futuro.
Esto é Galicia: Un pequeno-gran País.. |