|
Desde mediados do século XIX, a nosa lingua, na que na Idade Media escribiran mesmo os reis, volve a ser
utilizada na escritura polos mellores autores de Galicia. Foron os máis significativos Rosalía de Castro,
Manuel Curros e Eduardo Pondal.
Pondal, o autor da letra que adoptou o noso himno, cavilaba nas glorias e grandezas da Galicia do pasado,
e determinou darnos memoria delas para que os galegos do futuro nos servisen de espello. No seu libro
de versos Queixumes dos pinos puxo a falar ós piñeiros de temas tan vitais que nos afectan ós galegos
de calquera tempo. Estas árbores falábanlle ó poeta e fálannos a nós- da nosa historia e do noso porvir,
de liberdade e de esperanza, dos pobos e persoas que son veciños nosos e do respeto e intención que gardan
para o noso país e as nosas cousas
Pondal soñaba unha Galicia grande e digna e agachaba o propósito de que así mesmos os seus fillos a sentisen.
Coñecía por dentro tan ben a nosa terra que lles deu voz ós piñeiros, desde sempre tan nosos, como se
de bos galegos se tratase. Os rumorosos, que así lles chama ós pinos, fálannos na hora do prácido luar;
nesa paz silenciosa, as súas agullas (o escuro arume arpado) vanse convertendo en arpas musicais tanxidas
polo vento. E o piñeiral enteiro murmura unha conversa en tres tempos diferentes, canto máis vai con máis
folgo.
En efecto, o Fogar de Breogán (Galicia) permanece durmindo hai moitos séculos. No seu sono, perdeu de
si a conciencia e púxose a falar con voz allea e tamén a respirar noutra cultura e noutras cousas que
non son as súas propias. E porque sofre unha inxuria que a enche de vergoña, Galicia (o Fogar de Breogán)
ten que despriguizarse do sono que a mata e ten que revirarse contra os que a maltratan.
Mais este despertar de Galicia dínolo Pondal nos queixumes dos piñeiros- non é entendido nin atendido
aínda polas nacións veciñas, e nin sequera por todos os galegos, pois só atenden e entenden os bos e xenerosos,
os que respetan ós pobos como son, os que permiten que unha comunidade sexa dona de si e afirme e ame
o propio.
Ben nos decatamos que as persoas, canto máis ignorantes e ruíns sexan elas, menos entenderán tamén as
liberdades e o dereito que outros pobos e persoas teñen para ser donos de si mesmos. Queren unificar,
no seu desprecio e intolerancia, o que a mesma natureza fixo libre e diverso. Os piñeiros que Pondal fai
falar chámanlles a estes homes intransixentes e perseguidores, imbéciles e escuros.
As palabras que entoamos no noso propio himno anúnciannos que o tempo das verdades chegou a nós na voz
dos bardos celtas, na do bardo Pondal e na dos poetas galegos do presente e do futuro. Esta voz, que é
memoria do pobo, vai acabar co sono e as vaguedades a que a noite da historia nos tivo encadeados. Como
berros de afirmación ou como liras, érguense así os piñeirais de Ponteceso, en nome e representación de
Galicia, para pregoaren ó vento a redención e liberdade da nación de Breogán.
Galicia tivo a sorte de saber escoller para a letra do seu himno un excelso poema que acerta en transmitirnos
como poucos a memoria da historia, da nosa propia historia. Pero o himno galego é un acerto pleno así
mesmo na música, nesta ocasión debida a Pascual Veiga.
De feito, un poema xa é por si unha música. Se recitamos en voz alta os versos de Eduardo Pondal, iremos
notando que, á par do que eles din, son un enxame de sonoridades e acentos musicais: as sílabas fortes
repártense coas débiles dun modo regular, rítmico e armónico. Reparade en Galicia
Como poucas outras terras, Galicia está envolveita na musicalidade, no ritmo e na armonía. Nela están
case sempre ben marcadas as estacións do ano, como se fosen andaduras musicais diferenciadas nos seus
catro tempos: verde, amarelo, acastañado e branco. As nevadas invernizas que observamos nas serras son
como un caldeirón ou pausa musical no trafego das aldeas e das vilas. O zunido dos piñeirais, das carballeiras
e soutos, das bidueiras, freixos e capudres é un ostinato suave e permanente nas terras do país. A eixada
que ata hai pouco manexaban os labregos cavando o monte para colleren pan viría sendo o golpe seco e rústico
dun bombo. Os nosos zoqueiros pandeiretearon na madeira galega do ameneiro ou do bido coa gracia e coa
beleza dun ballet de chinelas de petar lizgairo, como para seren movidas no escenario. E os pratillazos
da música galega ben poiden escoitarse nos peiraos, nas rochas e nos cons, onde a escumante auga se desfai
cos seus sons apagados e perdidos
Cada mañá ó mencer, Galicia abrolla en música. Por iso un home dos privilexiados, dos bos e xenerosos,
compuxo a súa Alborada. Pero non lle abondaba a Pascual Veiga esta expresión. Non quería captar só a musicalidade
da amencida. No seu atento paso pola historia, quixo deixarnos un compendio de Galicia feita son, sensibilidade
e fermosura, intelixencia e pobo. E compuxo para o poema de Pondal Os Pinos unha partitura con notas
manseliñas de ríos e regueiros, de lagos e lagoas, e notas máis barís dunha auga brava que non é menos
nosa: dos turbións e das fervenzas, dos pinchos e tronadas, do mar fero e pestifle. Colleu sons suaviños,
casemente inaudibles, do ballón, da néboa e da orballada. O vento que meteu no fol das gaitas ora se asemella
ó noso bris dos montes e das rías, ora ó xistral que fura fino e engorde polas chairas. Fixo dos palitroques
do tambor estoupar de muxicas nas lareiras e nas tólas. As xostradas do sol no lombo de mariñeiros e labregos
son os pandeiros doentes marcando a música do traballo da xente.
Todo debía estar e está representado na música do himno, de maneira que instrumentos moi diversos, conxuntados,
poidan executalo. E a colectividade dos galegos, e os coros que o cantan, son por iso mesmo tamén pluralidade.
As voces xúntase cada dúas ou catro, entre altas e baixas, ben combinadas nun xuntoiro de instrumentos
e individuos, é dicir, de galegos, que pretenden reconstruír ó unísono a fermosa unidade de Galicia.
Mesmo estando representada Galicia por calquera dos tres símbolos que vimos presentando, é seguramente
o himno (pola significación do seu poema e pola riqueza e variedade musical) o máis solemne e excelso
deles e o que máis reclama a unidade dos galegos na fidelidade ó seu país e mais na fe en si mesmos. Por
iso soe cantarse levantados; por iso coroa os actos significativos, e por iso é capaz de conxuntar a tantos
corazóns.
|