|
Ademáis das bandeiras, hai outros símbolos ou elementos visuais que representan a pobos, nacións asociacións,
vilas, concellos, apelidos ou grupos familiares. Son sinais moito máis vencellados á realidade que designan do que o están as bandeiras.
Tal é o caso dos escudos.
Galicia conta hoxe cun escudo oficial, como a través destas páxinas logo describiremos. Pero históricamente o noso escudo presenta unhas particularidades moi complexas, por conviviren no trascurso dos
séculos múltiples variantes ou propostas a partir dun elemento substancial que case sempre se mantivo
inalterable: un cáliz ou copón.
Desde moi antigo (tal vez desde o século XIV), os nosos artistas, deseñadores e pintores sentiron a necesidade
de representar Galicia, de maneira simbólica, por medio do debuxo e das cores. O problema estivo en que
cadaquén procedeu individualmente, obedecendo as pautas do que él consideraba máis fermoso, e isto contribuíu a desvirtuar e a complicar a unificación da obra resultante.
Por iso mesmo estamos en presencia do símbolo máis diversamente interpretado que ten Galicia.
Non é o noso propósito relacionar aquí a denominación concreta das partes dun escudo, tema do que se ocupa
especificamente a ciencia heráldica. Trátase neste caso de darmos unha idea de como é o noso escudo e
do que representa. Como xa vimos, case todas as variantes teñen algo en común: a presencia dun cáliz con
patena no seu centro. Soe levar tamén no extremo superior unha coroa. A partir deste escudo simplificado
e sinxelo que mostran as imaxes, o campo pode encherse e complicarse moito máis. Imos ver todo isto pouco
a pouco.
O feito de que no centro apareza un cáliz, fainos pensar nas orixes relixiosas deste escudo e en vinculalo
de modo moi concreto a lendas referidas ó milagre do Cebreiro (na montaña de Lugo) ou a misterios como
o do Sacramento. Co paso do tempo (nunca antes dos séculos XVI e XVII), ó pé do cáliz foron aparecendo
cruces (primeiramente seis e despois sete), así mesmo de orixe relixiosa, como pode apreciarse na serie
dos escudos.
A máis antiga referencia coñecida por nós do escudo de Galicia aparece nun manuscrito conservado na Biblioteca do Escorial.
Figura alí unha breve descrición do Reino de Galicia e da xente que o habita e, a pé de texto, un debuxo
pobre e rudimentario que representa o blasón de Galicia en forma de copón.
Como copón ou cáliz reprodúcese tamén, xunto a outros emblemas, nunha publicación alemana do ano 1518.
Así mesmo, representando un cáliz de ouro, incorpórase noutra obra alemana de 1555, con múltiples escudos
europeos.
Nun libro de heráldica editado en Lyon en 1581, aparece o noso escudo cun copón ó centro e o campo sementado
de cruces, seis delas completas e ben perceptibles.
E na segunda edición da Enciclopedia francesa de Diderot (1782), sobre unha bandeira branca de Galicia,
reprodúcese un cáliz acompañado de seis cruces, tres por cada lado.
Pola súa singularidade, hai que facer mención dun escudo real gravado en pedra procedente dunha casa desaparecida
da Praza de San Fernando na cidade de Tui, blasón que hoxe se conserva nun lateral do claustro daquela
Catedral. Data dos comezos do século XVIII. Trae o escudo incorporadas no seu centro, en lugar preferente,
as armas propias do Reino de Galicia: un cáliz sumado de hostia, coroa e cruz en xefe. Debido a este uso
histórico, tamén no escudo real de España hoxe vixente debe ser incorporado, centrando o campo, o blasón
de Galicia en calquera acto oficial no que se exhiba.
Na opinión dos heraldistas, certas cruces do campo acabaron representando, no transcurso da historia,
as antigas provincias do Reino de Galicia (Santiago, Lugo, Ourense, Tui, Mondoñedo, Betanzos e A Coruña),
prácticamente todas de carácter marcadamente relixioso pola súa condición episcopal. Nalgunhas ocasións,
estas cruces poden aparecer transformadas en vieiras, símbolo santiaguista. En calquera dos casos, a colocación
habitual destes sete elementos é a seguinte: tres a cada lado e unha na parte superior do cáliz.
Nos vellos escudos eran incluso frecuentes varios elementos figurativos máis, como a cruz de Santiago,
a presencia de lendas e de anxos e outros motivos ornamentais diversos. Isto é debido tanto ó afán dos
artistas por encheren o campo como a preocupacións ideolóxicas diversas, mais sempre dentro dunha idea
xeral de enaltecer Galicia. Luís Amado Carballo, por exemplo, quere ver nas sete cruces do escudo outras
tantas estrelas nun seu xogo poético.
Sete estrelas, como pombas que tornan ao seu pombal
Lendas ou lemas como Hoc misterium firmiter profitemur e In hoc misterium fidei profitemur, en latín,
como as de case todos os escudos, fan referencia clara ó motivo relixioso do cáliz. Na proposta feita
por Castelao nos anos trinta de cambio radical do noso escudo, figura este lema de signo libertador para
os galegos: Denantes mortos que escravos. Algúns dos elementos deste escudo foron hoxe incorporados ó
emblema ou distintivo do Consello da Cultura Galega.
O escudo de Galicia hoxe oficializado e adoptado xunto coa bandeira e mais o himno pola máxima institución
que representa a todos os galegos contaba xa no pasado coa aprobación da Real Academia Galega. Trátase
sen dúbida do que con máis frecuencia foi reproducido. Trae, en campo de azur, un cáliz de ouro sumado
de unha hostia de prata e acompañado de sete cruces recortadas do mesmo metal, tres a cada lado e unha
no centro do xefe. Ó timbre, coroa real, de ouro.
|