Gonzalo López Abente
1878-1963
A Rouca voz de Fisterra
Toda a longa vida de López Abente transcorreu na súa vila natal de Muxía, no corazón da áspera Costa da Morte, excepto o tempo dos seus estudios (licenciouse en Dereito por Compostela) e as súas viaxes por Francia e os Países Baixos. Aínda que estivo relacionado cos galeguistas da súa xeneración, foi home de vida intelectual moi retirada. Traballou nunha sucursal bancaria da súa vila, na que foi director.

Publicou varias novelas curtas, polo regular de ambiente mariñeiro, de non moito valor, e unha peza de teatro ?sen maior trascendencia" no dicir de Fernández del Riego.

A súa obra poética iniciase con Escumas da ribeira e Alento da raza, ambas sen ano (Ferrín supón 1913 e 1918). Seguen D'Outono (1924), Nemancos (1929), e Centileos nas ondas, (1958). No 1966 publicouse o póstumo Decrúa, que recolle poemas de varias épocas.

López Abente é sufridor dunha das maiores inxusticias da memoria literaria de Galicia. Se ben a súa obra se inicia con poemas eivados por un sentimenta-lismo maldito un tanto romanticoide, os seus libros posteriores depúranse e ofrecen unha poesía de esquisita feitura, chea de ecos de Pondal (que era seu parente), pero tamén dunha rouca e valorosa voz propia. En D'Outono móstrase un dos mellores sonetistas galegos de tódolos tempos, en Centileos nas ondas canta o duro mar da súa terra cunha forza por veces estremecente.
CENTILEOS NAS ONDAS
Lostregueante choviscar de estrelas
No escuro seo dunha noite en calma;
Labarada de anceios e de arelas
A arder na seca gándara da ialma

Anceios meus de lles roubare aos mares
Rondas de escuma, pérolas nacradas.
Rebrilos de ronseles estelares
Nos albos colos das mariñas fadas.

Ladrón, a vixiar nas penedías,
Nas pardas lombas dos adustos cabos,
No fervente balbor das ardentías,
Nas mouras furnas, nos rochedos bravos

No brancore dos seixos dos coídos,
No morno abrigo das arnelas fondas...
Só puiden apañar estes louridos
Centileos nas ondas

Principal