Xosé Vázquez Pintor
A terra e o pan
Naceu en Melide en 1946. Estudiou Maxisterio, Historia, Xornalismo e Pedagoxía, pero exerce vococionalmente de mestre, ou de amigo dos nenos, como lle gustaba máis dicir. Desde hai moitos anos xa reside nunha aldea de Cangas do Morrazo.

Vázquez Pintor é un entregado activista cultural, dinamizador de diversas iniciativas de base, e fortemente dedicado ó teatro, eido dentro do cal ten escrito e dirixido espectáculos de mimo e pantomima que non teñen recibido, nin con moito, as louvanzas e honras que merecen.
Tamén é autor dalgunha obra narrativa, coma por exemplo o libriño de relatos De ida e volta, e algúns contos de carácter infantil.
Como poeta, comezou publicando Gándaras, Terra e pan, O espertar tamén é noso, e figurou na antoloxía Os novísimos da poesía galega. Naqueles primeiros tempos cultivaba preferentemente a poética do social, non con xeral fortuna. Pero a partir de Ofidios de diario Vázquez Pintor madurece como poeta e comeza a entregar os seus mellores versos, fuxido xa dun certo prosaísmo anterior e entrando nun novo territorio de soño cunha maneira de dicir moi persoal. O seu libro de poemas No corazón mancado recibiu o premio Esquio no ano 1989, e xa anteriormente fora galardoado co Cidade de Ourense de Poesía por Na vertical da noite.
LINGUA
Língua,
ámote así, na boca,
como se ama a moza no limiar do coíto,
porque sabes a esencia e patrimonio,
porque es miña e nosa a un tempo,
cando vou na soedade do xardín,
e teño espacio para estar contra o designio,
nese cáliz da rosa permanente que ti es
desde o máis antigo sol
que chama na mañá polos insectos.