Uxío Novoreyra
Poeta sacerdotal, palabra que libera
Naceu en Parada de Moreda, na Serra do Caurel, o ano 1930, e ali viviu ata 1945. Rematou o Bacharelato en Lugo, e fixo algún curso de Filosofia e Letras en Madrid, onde escribiu algúns poemas "prehistóricos? en castelán. Fixo o servicio militar en Santiago canda Manuel Maria, que daquela xa tiña publicado un libro en galego, e no 1952 comezou a escribir na lingua nativa, que xa nunca abandonaria.

Entre o 53 e o 62 estivo na casa paterna, recuperándose dunha grave doenza pulmonar. En 1962 foise para Madrid de novo, e traballou na radio e na televisión. Volto ó Caurel no 66, botou outra vez varios anos na serra.
O seu libro Os eídos, editado no 1955 e reeditado varias veces con engadegas, representou a consagración absoluta de Novoneyra.
As Elexias do Caurel e outros poemas sairian no 1966, e desde aquela recollas con varios títulos que inclúen poemarios e poemas dispersos deste poeta de obra parca, depurada e única, na cal máis dunha vez un só poema (como é o caso da Letanía de Galicia) contén en si tanta materia e tanta forma coma noutros un libro enteiro.
A súa poesia ten pouco ou nada que ver coa dos outros "paisaxistas" galegos. Novoneyra é un poeta de gran silencio, e os seus poemas van moito máis aló do texto, precisamente porque as palabras están postas entre si de tal portentosa maneira que invocan mundos infinitos, interiores e exteriores, persoais e colectivos, coma nun berro mínimo esencial rodeado de xesto, forza motriz anxélica. O grande caurelao é un poeta xamánico, sacerdotal, dono da palabra sagrada que desata. Uxío Novoneira finou en novembro do 1999.
LETANÍA DE GALICIA
GALICIA digo eu/un di GALICIA
GALICIA decimos todos GALICIA
ate os que calan din GALICIA
e saben sabemos

GALICIA da door chora á forza
GALICIA da tristura triste á forza
GALICIA do silencio calada á forza
GALICIA da fame emigrante á forza
GALICIA vendada cega á forza
GALICIA tapeada xorda á forza
GALICIA atrelada queda á forza.

libre pra servir
libre pra non ser
libre pra morrer
libre pra fuxir

GALICIA labrega GALICIA nosa
GALICIA mariñeira GALICIA nosa
GALICIA obreira GALICIA nosa

GALICIA irmandiña
GALICIA viva aínda

recóllote da TERRA estás mui fonda
recóllote do PUEBLO estás n'il toda
recóllote da HISTORIA estás borrosa

recóllote e érgote no verbo enteiro
no verbo verdadeiro que fala o pueblo
recóllote pros novos que vein con forza
pros que inda non marcou a malla d'argola
pros que saben que ti podes ser outra cousa
pros que saben que o home pode ser outra cousa

sabemos que ti podes ser outra cousa
sabemos que o home pode ser outra cousa

De tanto calar xa falo eu solo.