Ricardo Carballo Calero
Un Poeta Erudito
Naceu en Ferrol no ano 1910. Cursou Dereito e Filosofia e Letras en Santiago, onde se distinguiu xa pola súa actividade política e cultural.
Foi membro do Partido Galeguista, e durante a Guerra Civil loitou no exército leal á República, no que alcanzou o grao de capitán. Despois da derrota sufriu prisión, e saído dela ensinou en varios colexios privados, e máis tarde nun instituto de Santiago. Logo foi o primeiro catedrático de Lingüística e Literatura Galega na Universidade de Santiago, ata a súa xubilación en 1980.
Nos seus anos derra-deiros, cambiando o pensamento lingüístico implicito na súa Gramática elemental del gallego común, abandeirou as posicións lusistas ou reintegracionistas.
Cultivou extensamente todos os xéneros literarios, e no eido da erudición é importantísima a súa Historia da Literatura Galega. Como poeta, en 1931 saiu o seu primeiro libro, Vieiros. Tres anos despois publicou O silenzo axionllado, e xa despois da guerra, Anxo da terra, Poemas pendurados dun cabelo e Salterio de Fingoi. En 1980 e 1982 saíron os volumes Pretérito imperfecto e Futuro condicional, que recollen a súa poesía galega édita e inédita.
E ainda no 1986 saIíu o seu derradeiro libro, Cantigas de amigo e outros poemas. Postumemente publicouse a poesia en castelán que el mantivera inédita moitas décadas.
A poesia de Carballo Calero caracterízase principalmente pola preocupación metafisica. É unha poesía intelectualizada e rigorosa, máis movida polo pensamento ca polo sentimento.
¿Onde está a paz? ¿Onde está a guerra?
¿Onde está o demo? ¿Onde está o deus?
¿Onde está o ceibe? ¿Onde esta o escravo?
¿Onde está o mal? ¿Onde esta o ben?

¿Onde está o negro? ¿Onde está o branco?
¿Onde o traballo? ¿Onde o lecer?
¿Onde está a morte? ¿Onde está a vida?
¿Onde está o mal? ¿Onde está o ben?
Onde está o verso? ¿Onde está a prosa?
¿Onde está o home? ¿Onde a muller?
¿Onde está a arte? ¿Onde a politica?
¿Onde está o mal? ¿Onde está o ben?

¿Onde está o novo? ¿Onde está o vello?
¿Onde está a injúria? ¿Onde está a lei?
¿Onde está o amor? ¿Onde o desejo?
¿Onde está o mal? ¿Onde está o ben?

¿Onde está a direita? ¿Onde a esquerda?
¿Onde o fastío? ¿Onde o pracer?
¿Onde a verdade? ¿Onde a mentira?
¿Onde está o mal? ¿Onde está o ben?