María Mariño
Palabra no tempo
Naceu en Noia no ano 1918. Despois de vivir en varios sitios de Galicia e de fóra, sobre o 48 asentouse no Courel, onde morreria prematuramente no ano 1967. No 1963 publicara Palabra no tempo, libro que espertara grande atención da critica de doutros poetas, ainda que o público en xeral a penas o percibiu. Moitos anos despois, xa en 1990, o Concello de Noía publicou o seu inédito Verba que comenza.

Trátase dunha poeta totalmente fóra da vida literaria, próxima por veciñanza, amizade e poesía a Novoneyra, que presentando o seu libro dicia: «En M. M. confírmase o mito da profundidá da alma galega. Angustia, Espranza, Memoria, Nostalxia e Arelanza: todo o mundo do esprito. Unha poesía de son esencial— muitas voces no xeito da canción popular e sempre no estilo de Galicia que é o estilo da fala—donde o misterio nos chega».

Mais segundo Ramiro Fonte, con quen cadramos conformes, tamén «foi resaltada en exceso a súa relación con Novoneyra», pero «Maria Mariño brilla con luz propia, e o seu mundo lírico é un dos máis persoais entre os poetas galegos da posguerra. É coincidente co poeta do Courel o tema propiciado pola serra e o seu cosmos, a ansia de ver o seu "ser" transcendido no ámbito da Natureza (...) ...Pero se en Novoneyra nunca adiviñaremos se quen fala son os ecos silentes da terra ou o poeta, na nosa poetisa sempre se escoita a voz do eu empírico na súa máis intrínseca esencia do existir».
De forte ollar, amiga,
de frio que non se quenta,
Amiga, que eres de todos
e por ninguén esquencida.

Soia co teu silencio
na forza do teu poder,
un por un de cada ser
levas do fin ó comenzo,
descansar a túa fonte.

........................................

E logo d'ali cansiños,
amiga, dinos pra onde?

Deixa, amiga, ós nosos pes,
frios polo teu ver,
algo do noso sentir,
do són que tí fas fuxir
amiga, por aquíl nacer....