Manuel Rodríguez López
O obreiro na fábrica
Naceu en Paradela, Lugo, en 1934, e trasladouse de neno a Barcelona. Cursou estudios eclesiásticos, que non rematou, e acabou formándose en contabilidade e técnicas empresariais.
Pasou case toda a súa vida na capital catalana ata que, perdido o seu posto de traballo asalariado, se afincou en Lugo, onde a súa familia rexentaba unha céntrica pensión. A súa actividade publicistica fixose ainda máis intensa, tanto no xornal local coma noutras publicacións. A morte levóunolo o ano 1990.
Os seus dous volumes de Galegos en Catalunya (1983 e 1985) recollen unha serie de crónicas, xa antes publicadas na prensa diaria, que constitúen un documento humano de grande interese. Na mesma ou parecida liña se inscribe o seu libro de Viaxes con Ánxel Fole (1988).
Publicou tamén os contos de Reencontro caa aldea (1983).
Pero a vocación de Manuel Rodríguez era fundamentalmente poética. Desde os Poemas populares galegos ata a súa última obra, pasando por Saudade nobulleiro ou Soldada minima, o universo lirico deste poeta céntrase na nostalxia da terra natal e na vida do emigrante proletario, coa autenticidade de quen coñeceas cousas por dentro. Nos seus versos fai gala dunha polimetría fácil de estirpe máis romántica ca clásica; e a gran musicalidade dos seus poemas converteunos con frecuencia en letras de cancións de Suso Vaamonde e outros cantantes.
Pouco antes de.morrer fixo en impecable verso branco unha traducción galega do grande poema épico L'Atlantida de Verdaguer, que foi publicado pola Xunta de Galicia.
Castrapo. Si, meu neno,
Falan castrapo.

Son siñoras da vila.
Falan bruando.
Chaman ós seus meniños
con berro estrano.
Empregan unha lingoa
de xeitos raros,
deprendida na escola,
nos vellos pazos,
na botica, no cine
e no igrexario.

Pra distinguirse sempre
do pobre aldeano,
interpoñen adrede
ise valado
entre a caste dos ricos
i a dos escravos.

Isas mais ós meniños,
anxos xugando,
ensinan o linguaxe
dos castelanos,
esmaiolado o probe,
con erros tantos,
que un burgalés chorara
se ouvir falalo.

Elas coidan ¡Ou parvas!
que o castelano
abriralles camiño
ós fillos, doado,
e mañá fará diles
cregos... fidalgos...
Non saben que o seu circo
élles vedado
i en Castela tamén
o mesmo fado
atenaza ós que viven
do seu traballo.

Atende o rogo, neno,
que hoxe che fago:
Non cambielo galego
polo castrapo.
Adeprende lingoaxes
dous, tres ou catro.
Ingrés, ruso, francés
e castelano,
pro endexemáis renegues
do idioma patrio.

O xeito pra barrer
o cacicado,
non se dá ca humildade
nin con aleudos,
que canto mais os lubes,
ou malpocado,
mais te esmagarán iles
ben esmagado.

A unión da nosa caste
fará o miragro;
desvencellados, somos
parias escravos.

Xamos e lacós sobran,
sobran regalos.

O que queira comelos,
poña traballo.

Se iles son dunha caste:
"O cacicado"
nos somos doutra caste:
?A do traballo"

Se iles falan e pensan
no seu Castrapo;
nosoutros falaremos
o Idioma Patrio.

Vencellados, meu neno,
Nos "Os escravos"
crevarémolo Sino
en mil anacos.