Farruco Sesto Novás
De lonxe un aire novo
Naceu en Vigo en 1943, e en 1962 emigrou canda a súa familia a Venezuela, onde estudiou a carreira de Arquitectura na Universidade Central, na que despois se faría cargo da cátedra de Deseño Arquitectónico. É un dos arquitectos máis destacados do seu pais de adopción, onde ten proxectado e construído importantes edificios públicos en colaboración con Óscar Tenreiro, tamén de orixe galega. É tamén debuxante e pintor.

Farcuco Sesto é destacado militante da esquerda venezolana e está firmemente arraigado naquel país, pero conserva o galego como lingua literaria de seu. Mais a súa obra poética fora sempre publicada en América e en edicións xeralmente moi breves, case imposibles de conseguir acó. O público de aqui a penas tivo outro coñecemento del
có da pequena mostra con que figurou en Os novísimos da poesía galega, antoloxía publicada por María Victoria Moreno Márquez en 1973, e na cal Farruco Sesto salientaba xa coma unha estrela.

O seu libro Da estrela e da fouce, nunha fermosa edición de 200 exemplares a multicopista, saíra en Caracas xa no 1967. Despois viñeron UPG poemas (1973?) Por unha muller (1976, escrito cinco anos antes), Porta Aberta (1976), e Arte Poética. Poema de Amor a Rosalía [1985].Por fin, en 1990, o libro Isolda publicouse en Galicia.

Henrique Monteagudo afirma que Porta Aberta «é un libro autenticamente precursor do desenvolvemento posterior da nosa poesía». Xa Heriberto Bens (heterónimo de Méndez Ferrín) escribira nunha ocasión que F. S. «como case ninguén sabe, é o mellor poeta galego vivo».
Non facia falla máis ca ler Da estrela e da fouce e mais a entrega dos "novísimos" para decatarse de que estabamos ante un gran poeta. Por eso faría un grande servicio a editorial que publicase toda a súa poesía deica Isolda.
CATALUÑA / CANZÓN
Para Felisa ista canzón como
si fose unha rosa bermella

Na man esquerda do vento este
o corazón arrente as nubes
Cataluña sempre de pé

cando a mareía da barbarie sobe
cando na terra chora o tempo
Cataluña sempre de pé

desamañados dias de loíta
morto silenzo para sempre
e Cataluña sempre de pé

a espranza vai e ven co vento
cantan os galos e non cantan
e Cataluña sempre de pé

E así na noite decretada
sempre de pé Cataluña sempre
Cataluña sempre de pé