Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Laretando acerca da vellez

viernes, 01 de noviembre de 2013
LARETANDO ACERCA DA VELLEZ.
(Lembranza dos Finados).

Dicía Quatrefages, antropólogo francés do século XIX, que os pobos e culturas que achara podían carecer de moitas cousas; pero sempre tiñan vestixios de matiz relixioso. E Zubiri estuda moi seriamente o que el chamou “dimensión teologal da realidade humana”, que pode servir para explicar os achados do antropólogo. A verdade é que crentes e non crentes contan con espazos temporais nas súas vidas para lembrar ao pai, á nai, ao esposo, á esposa, ao amigo, etc., que consumaron o seu decurso vital. Aproveitamos estas fechas para laretar un pouco sobre a vellez.

Empecemos por unha reflexións sobre o home / a muller, para, dito sexa sen afán sentencioso e en clave coloquial, abrirlle camiño á conversa. Tal vez non nos fixamos moito en que o home é o único vivente que pode mirar cara a atrás. Non se sorprendan, só quero dicir que ten un PASADO, mentres o animal soamente ten un ANTES, que se manifesta nos seus efectos, que el sente como estímulos.

O home articula o ANTES, o AGORA e o DESPOIS, como realidades que lle ofrecen posibilidades de realización no agora e nas súas proxeccións para o despois. Aquí aínda non fuxiu o matiz coloquial; pero hai que diluílo para explicar que envellecer na bioloxía, coma o animal, non é o mesmo que facelo na biografía, pola condición de animal biográfico do home, que fai que os eventos teñen un significado para el. Os que saben disto diríanos que o animal ten só ZÓE; pero nosoutros, o home e a muller, temos tamén BIOS, e, por tanto, somos suxeitos biográficos.

Dende o presente adoitamos buscarlle un sentido a nosa vida (permítanme o plural da primeira persoa), precisamente interpretando o pasado e proxectando o futuro. Non pasamos tan descoidados polo tempo que non nos decatemos abondo para apropiarnos del. E esta apropiación é moi rica, porque, para nosoutros, o ANTES non está definitivamente escrito, xa que o vamos interpretando en cada intre, e o DESPOIS vámolo vendo en función da diversidade dos proxectos. Xustamente por isto o home pode mirar cara a atrás, e osmar máis aló do AGORA. Así enténdese que os teólogos aborden a REVELACIÓN, que aplican nestas datas, na mesma clave.

De aquí que canto máis vella sexa unha persoa, dentro do nivel de capacidade que posúa, tantas máis experiencias do pasado terá dispoñibles, achegas a unha sociedade de xeracións tan eficientes coma necesitadas de sabedoría, que non é o mesmo que coñecementos científicos e técnicos.

Polo tanto, non parece intelixente levar ao ancián a un verdadeiro apartheid, non só porque necesita vivir en sociedade, senón tamén porque a sociedade necesítao a el: Sen impulso das novas e activas xeracións a sociedade anquilosaríase; pero tamén sen os freos da sabedoría desbocaríase, perdería referentes valiosos e, incluso, dinamismo. Si, “dinamismo”, que non é o mesmo que actividade: refírese, ao menos aquí, a un certo grao de estabilidade, non de quietude ou estatismo.

Os anciáns (e falo coa experiencia de oitenta e dous anos) non podemos perder a curiosidade intelectual, nin angustiarnos pola palabra ou pensamento remisos, porque son esixencias do noso estado e responden a necesidade de manter a maior ponderación posible. O que temos que evitar é caer nun ocio total, traballando adecuadamente, se non queremos acabar nunha situación de soidade no seo dun contexto de comunicación que xamais lembrou a Humanidade.

É mester potenciar á “razoabilidade” como consecuencia da racionalidade científica e técnica. Non podemos cerrarnos ás evidencias, senón razoar a súa posición e papel na altura dos tempos, evitando poñer atrancos teimosos por inercias dunha vellez preguiceira de información.

Se a poboación envellece a causa de certos progresos científicos no campo das terapias e debido a uns métodos de vida máis sans, teríamos que comprender que non se nos pode soster moitos anos en estado de xubilación, e é necesario introducir regulacións axustadas ás circunstancias. Aquí os políticos xa podían deixar o embrollo a que nos teñen acostumados e encomendar o estudo desta problemática a fondo.

Tampouco deberíamos caer os anciáns nos tópicos interesados e insensatos a hora de situarnos na nosa verdadeira idade. Para a maioría de nosoutros son vellos non os que teñen máis ou menos os nosos anos, senón os que nos levan dez ou máis, e isto impídenos asimilar a proximidade da morte.

Porque morrer é unha realidade irrenunciable, persoal e intransferible. É algo co que temos que apandar, normalmente, desde a experiencia previa das diminucións, angosturas, declives, etc., camiño da culminación da nosa tarefa de vivir persoalmente; pero todo isto non é óbice para conferirlle sentido a vida. Ortega y Gasset dicía que o home en cada idade podía aínda soportar o peso da vida se era capaz de darlle sentido na súa circunstancia cun proxecto persoal.

Non deberíamos pechar a apertura a aqueles sentimentos que nos permitiron sentirnos agosto con nosoutros mesmos (EUPATÍA), tamén cos demais (SIMPATÍA), coa personalidade configurada autonomamente no decurso da nosa vida pasada, sentíndonos satisfeitos de habela vivido (ANÁSTASIS).

Sería bo que os últimos anos da nosa existencia non nos pecharan cun complexo de incapacidade e inutilidade (CACOPATÍA), vendo inimigos por todas partes (DISPATÍA), e devindo vítimas dun sentimento de dependencia e dominio (HETEROPATÍA), e de que nada valeu a pena (CATÁSTASIS), sendo nada máis, como di o filósofo, que vidas arroxadas á existencia.

Escritos os termos técnicos así con maiúsculas entre parénteses, porque denotan e resaltan aqueles campos nos que familiares, médicos, coidadores, directores espirituais, amigos, etc., deberían despacharse con habilidade, delicadeza e eficacia.

Recordar estes días, como crentes ou non, ás persoas queridas que xa non están con nosoutros, comporta o exercicio dunha mirada ao pasado con vistas ao noso futuro; a un pasado non poucas veces compartido na indiferenza dos valores que dan sentido á vida, e cos que aínda podemos reconducila polo camiño da “anástasis”.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES