Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

San Fernando, un albergue necesario

miércoles, 30 de octubre de 2013
A semana pasada recibín a iniciativa que Quique Basanta colgou en Change.org para instalar no cuartel de San Fernando, en Lugo, un albergue para xente sen recursos. Este cuartel protagonizou a polémica máis avivada en Lugo dos últimos tempos (fóra de certos casos tan tristes como soados nos medios de comunicación).

O cuartel de San Fernando foi construído por Francisco Sabatini en 1779, baixo o reinado de Carlos III. A súa función era a de cuartel de inválidos e de infantería. Foi un proxecto sinxelo que procuraba a funcionalidade do edificio constando de cociña, enfermería e nove cuartos para as tropas.

Ao redor do cuartel formuláronse dous proxectos que trataron de darlle un novo uso ao monumento. Un deles era o de Auditorio, co que moitas persoas non estivemos de acordo. Despois propúxose facer alí o Museo da Romanización, proxecto que non se levou a cabo probablemente pola crise.

Non entanto, sabemos que é necesario que todo patrimonio teña un uso que non o faga obsoleto aos ollos da cidadanía; neste sentido San Fernando tiña pendente a súa reformulación unha vez que o citado Museo ficou parado como proxecto.

A iniciativa de Quique Basanta, home involucrado en distintos ámbitos da vida social e cultural luguesa, responde a unha necesidade crucial dos tempos que nos tocan vivir, que fan da solidariedade unha obriga moral que todos deberíamos asumir. Coido que nesta situación, xa non ten sentido falar de proxectos máis alá de loitar polo benestar da xente sen recursos.

Neste sentido, e defendendo o edificio como parte dun entorno clásico que afecta á muralla e que polo tanto, debemos coidar e conservar, penso que esta iniciativa conxuga un beneficio social coa necesaria conservación do patrimonio.

O cuartel ten todo o necesario para converterse en albergue e sería unha solución para a situación de risco que moitas persoas están vivindo. Quique Basanta lanzou este proxecto co obxectivo de acadar 200 firmas das que a día 24 de outubro ten 108. Cómpre animar a quen lea este artigo a apoiar esta iniciativa que se pode converter en imprescindible para moitas persoas ao tempo que lle dá un novo pulo a un edificio que forma parte do entorno histórico da nosa cidade.

Animo ás lectoras e lectores a firmar no seguinte enlace:
http://www.change.org/petitions/ciudad-de-lugo-albergue-en-antiguo-cuartel-de-s-fernando?share_id=bCyAbahVOY&utm_campaign=autopublish&utm_medium=facebook&utm_source=share_petition

Ao tempo que felicito a Quique Basanta pola iniciativa.
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES