Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Os Cruceiros de Cospeito (I)

martes, 27 de septiembre de 2005
Os Cruceiros de Cospeito (I) Os Cruceiros de Cospeito (I) Os Cruceiros da Terra Chá. Algunhas tipoloxías dos Cruceiros de Cospeito

No eido etnográfico, un dos aspectos que máis chama a atención da comarca da Terra Chá é o seu elevado número de cruceiros. Estes presentan unha peculiar tipoloxía, pois boa parte deles son obra de dinastías de canteiros, como a dos Carboeira.
O perigo de destrucción e desaparición que afecta a estas construccións aumentou considerablemente nos últimos tempos: apertura e ensanche de pistas, camiños e estradas; roubos, etc... A estes factores hai que engadirlles os producidos polo paso inexorable do tempo. Polo tanto, para levar a cabo unha protección eficaz dos cruceiros chairegos, moitos deles con máis dun século de antigüidade, urxe, como primeira medida, a realización dun inventario e catalogación correspondente. Este é o obxectivo que nos formulamos na realización do “Programa Carboeira”, denominación tomada da xa citada ilustre familia de canteiros.
A catalogación, iniciada en 1993 gracias a unha axuda da Consellería de Cultura e Xuventude -que non volveu a convocar- para a realización de inventarios do Patrimonio Etnográfico, recolle todos aqueles cruceiros que, independentemente da súa titularidade, teñen unha función pública. Por iso, incluímos tamén algunha cruz e excluímos cruceiros, que se atopan como elementos decorativos en propiedades privadas, agás os que teñen unha certa antigüidade e son orixinarios da comarca.
Como corresponde a un inventario, elaboramos de cada cruceiros unha ficha, indicando a súa parroquia e o lugar, así como a súa situación, a propiedade, o estado de conservación, a súa descrición e posibles observacións. Esta ficha compleméntase, cando existen, coas oportunas referencias bibliográficas, ademais das correspondentes fotos (1).

Algunhas Tipoloxías dos Cruceiros de Cospeito
Imos facer un breve resumo dos cruceiros deste concello atendendo a unha serie de aspectos: parroquia, situación que ocupan, elementos da súa composición, policromía, materiais empregados e como remate a datación destes.
Con respecto ó número de cruceiros por parroquia, distinguimos un cruceiro nas parroquias de Arcillá, Bestar, Bexán, Lamas, Momán, Rioaveso, Seixas, Támoga e Vilapene; dous nas de Pino, Roás, Sta. Cristina e Sisoi; tres nas de Cospeito e Muimenta; catro nas de Sistayo e Xustás; cinco na de Goá e seis na de Xermar.
En relación á situación encontramos dúas cruces e doce cruceiros nun cruzamento de viarios (2), dúas cruces e oito cruceiros o carón dun viario (3), unha cruz e catro cruceiros preto dun viario (4), catro no adro da igrexa (5), tres o seu carón (6) e dous preto (7), dez no interior dunha propiedade e oito o carón dunha casa (8).

Cruceiro de Algara (Vilapene)
Por outra banda o cruceiro amosa, con respecto a súa composición, os seguintes elementos: a plataforma, a base, o fuste, o capitel e a cruz.
1. A plataforma amosa un chanzo na cruz do Claudio (Goá) e nos cruceiros da Casiña (Pino), de Queimosa (Rioaveso), de Anidos (Sta. Cristina), do santuario da Feira do Monte (Sistallo), de Támoga. Pola contra presenta dous chanzos en oito cruceiros (9), tres nunha cruz e en doce cruceiros (10), catro en catro (11). Tamén hai unha cruz e tres cruceiros que non amosan plataforma (12).
2. A base presenta diferentes formas:
2.1. Unha base cúbica coas arestas superiores rebaixadas na Cruz da Regueira (Cospeito) e nos cruceiros da Xoca (Goá), da Escanavada (Xustás) e no do Matodoso (Xustás).
2.2. Unha base composta por tres elementos: o inferior de forma paralepípeda, o central cunha moldura en cima recta ou gola e o superior tamén de forma paralepípeda pero máis estreito que o inferior, en nove cruceiros (13).
2.3. Unha base de dous elementos, separados por unha moldura en escocia: o inferior de forma paralepípeda e o superior troncopiramidal cos bordos superiores redondeados nos cruceiros de Paredes (Cospeito) e de Nicolás (Sisoi).
2.4. Unha base composta de dous elementos: o inferior de forma paralepípeda e o superior cunha moldura en caveto cos bordos superiores redondeados nos cruceiros da Lamela (Goá) e do Porto do Sal (Muimenta.
2.5. Unha base de dous tramos: o inferior de forma paralepípeda e o superior cunha moldura en caveto nos cruceiros dos Muíños (Roás) e da igrexa (Sta. Cristina).
2.6. Unha base cun primeiro tramo paralepípedo e un segundo troncopiramidal, en seis cruceiros (14).
2.7. Unha base de dous elementos: o inferior paralepípedo e o superior percorrido por dúas molduras cóncavas e unha convexa moi pronunciadas nos cruceiros do santuario da Feira do Monte (Sistallo) e de Támoga.
2.8. Unha base formada por dous elementos: o inferior paralepípedo e o superior tendente á troncopiramidalidade cunha moldura en caveto nos cruceiros do Piñeiro (Xermar) e de Reximil (Xustás).
2.9. Unha base de dous elementos: o inferior paralepípedo e o superior tendente á troncopiramidalidade cunha moldura en caveto e os bordos superiores rebaixados nos cruceiros do Eirixado (Xermar) e de Matocovo (Xermar).

NOTAS
1. ARRIBAS ARIAS, F. e BLANCO PRADO, J.M. Catálogo de Cruceiros da Terra Chá. Cruceiros de Castro de Rei e Outeiro de Rei. Cadernos do Seminario de Sargadelos nº 76. Sada: Ed. do Castro, 1998.
ARRIBAS ARIAS, F. , e BLANCO PRADO, José Manuel. Catálogo de Cruceiros da Terra Chá. Cruceiros de Guitiriz. Cadernos do Seminario de Sargadelos nº 81. Sada: Ed. do Castro, 1999.
ARRIBAS ARIAS, F., e BLANCO PRADO, José Manuel. Catálogo de Cruceiros da Terra Chá. Cruceiros de Begonte, Cospeito e Rábade, Cadernos do Seminario de Sargadelos nº 87. Sada: Ed. do Castro, 2000.
ARRIBAS ARIAS, F., BLANCO PRADO, J.M. e SAAVEDRA, Mario. Catálogo de Cruceiros da Terra Chá. Cruceiros, Cristos e Cruces da Pastoriza. Sada: Ed. do Castro.
2. Cruceiro do Calvario (Arcillá), cruz do Campo da Aldea (Bestar), cruceiro de Fontela (Bexán), cruz do Claudio (Goá), cruceiros do Tumbo (Goá), da Xoca (Goá), de Momán de Abaixo (Momán), do Porto do Sal (Muimenta), de Anidos (Sta. Cristina), do Arco ( Sistayo), de Támoga (Támoga), do Calvario (Xermar), do Eirixado (Xermar) e da Granda (Xermar).
3. Cruceiro de Paredes (Cospeito), cruz do Toiral (Cospeito), cruceiros da Casiña (Pino), de Ancares (Sisoi), do Galán (Sistallo), do santuario da Feira do Monte (Sistallo), de Matocovo (Xermar), do Piñeiro (Xermar), cruz de Moinelos (Xustás) e cruceiro de Reximil (Xustás).
4. Cruceiros de Lamas (Lamas), da praza (Muimenta), dos Muiños (Roás), de Algara (Vilapene) e cruz da Salgueirada (Xermar).
5. Cruceiros da igrexa (Muimenta), de Queimosas (Rioaveso), da igrexa (Sta. Cristina) e do santuario da Feira do Monte (Sistallo).
6. Cruceiros de Lamas (Lamas), de Algara (Vilapene) e do Piñeiro (Xermar).
7. Cruceiros das Carballas (Seixas) e de Nicolás (Sisoi).
8. Cruceiros de Paredes (Cospeito), da Casiña (Pino), dos Muiños (Roás), de Ancares (Sisoi), de Nicolás (Sisoi), de Matacovo (Xermar), da Escanavada (Xustás), de Reximil (Xustás).
9. Cruceiros do Calvario (Arcillá), da igrexa (Sta. Cristina), de Ancares (Sisoi), do Arco (Sistallo), de Algara (Vilapene), do Calvario (Xermar), do Piñeiro (Xermar) e da Escanavada (Xustás).
10. Cruz do Campo de Aldea (Bestar) e cruceiros de Fontela (Bexán), de Paredes (Cospeito), do Tumbo (Goá), de Momán de Abaixo (Momán), da igrexa (Muimenta), do Porto do Sal (Muimenta), da praza (Muimenta), de Anllo (Roás), das Carballas (Seixas), de Nicolás (Sisoi), do Galán ( Sistallo) e de Matacovo (Xermar).
11 .Cruceiros da Lamela (Goá), da Xoca (Goá), do Eirixado (Xermar) e de Reximil (Xustás).
12. Cruz da Regueira (Cospeito) e cruceiros de Lamas, dos Muiños (Roás) e da igrexa (Sistallo).
13. Cruceiros de Fontela (Bexán), de Anidos (Sta. Cristina), das Carballas (Seixas), de Ancares (Sisoi), do Galán (Sistallo), do Arco (Sistallo), de Algara (Vilapene), do Calvario (Xermar) e da Granda (Xermar).
14. Cruceiros do Tumbo (Goá), de Lamas, de Momán de Abaixo (Momán), da praza (Muimenta), de Queimosas (Rioaveso), de Anllo (Roás).

NOTA: Os mapas de localización do concello de Cospeito foron realizados polo delineante José Cancio Fernández e as fotos dos cruceiros por Fernando Arribas Arias.
Blanco Prado, José Manuel
Blanco Prado, José Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES