Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Os poemas de Fernández Abella

miércoles, 23 de octubre de 2013
Os poemas de Fernndez Abella Coñezo e admiro a Xoán Xosé Fernández Abella desde hai tempo, e quérolle ben porque se fai querer. Coincidimos de xeito especial nas celebracións que Xermolos (Alfonso de Guitiriz) organiza e de xeito especial as que levan o cruño da Irmandade Manuel María da Terra Chá. En todas está Xoán Xosé Fernández Abella movido por un entusiasmo irrefrenable, e de cando en cando fai oir a súa voz forte e segura recitando poemas nos que fai abrollar sentimentos, experiencias, querencias...

Pero agora veño de ler o seu libro POEMAS DE AMOR, LOANZA, CONDENA E OUTROS que algún día presentará no seu Monforte natal, e nesa presentación agardo poder tomar parte.

O libro veu a luz hai xa dous anos, pero foi neste setembro cando lle botei ollada detida e cando sobre el escribo, e cando me fixo nunha declaración de intencións que ten case oito lustros, onde indica que escribe “co propio corazón” e que “o ouro do mundo non é quen a torcer o seu camiño”.

O libro, é a antoloxía dun tempo e dunhas creacións non por puntuais menos esplendorosas, reflicte o traballo poético deste profesor, agora xubilado, licenciado en dereito, que sabe de emigración e de amor á terra, de querencias firmes e afortunadas fixacións sobre xentes, feitos e xeitos.

Son poemas de amor, de loanza e de condena, creados no decurso de case sesenta anos, desde o cincuenta e cinco do século pasado ata case agora mesmo.

O limiar é de Alonso Montero, quen proclama que “a musa de Fernández Abella comparece en canta ocasión nobre se produce en Galicia desde hai moito tempo”, estimando “o ben que farán os seus versos – desde os amorosos aos celebratorios, sen esquecer os satíricos e de denuncia- a moitos lectores que gustarán desta poesía”. Califica ao autor de “home de ben, alma nobre”, rematando por indicar que moitas das das páxinas do libro “formúlanse con palabras, cos ritmos e cos modos que converten o pensamento ético de Fernández Abella en discurso poético, en textos estéticos”.

Nos seus poemas aparecen os grandes de Galicia de todo ese tempo, e os que antecederon, e respira terra por todos os seus versos, e respira patria, e respira devocións, e respira poesía...

Gosto de escoitar a Abella cando recita porque ademais do contido poético forte achégalle, insúflalle, un fervor militante, un entusiasmo no dicir que reflicte o entusiasmo no sentir. Abella é un poeta con sentimento, con forza interior, que cando respira poesía faino como se cantara, como se berrara, como se se consumira ao dicir o poema como quere dicilo, como debe dicirse.

Para dar aquí unha mostra do labor poético de Abella, permítome tomar cadanseu anaco de dous poemas e transcribir íntegro un terceiro. Teñen como denominador común a súa dona, o seu amor, Mercedes, de quen Alonso Montero lembra que foi a “delicada ilustradora” do primeiro libro en galego de Fernández Abella – ESCOLMA DE POEMAS. ESPIGUEO- que morreu en 1991, e que neste libro vive para sempre na lembranza que o poema comparte con todos nós:

TEU NOME (Á miña dona)

E teu nome, Mercedes, que aquí escribo,
porto de amor e paz na miña vida,
estrela e meta para min nacida,
o meu sono de sempre no que vivo.
(1986)

Á MIÑA MULLER, MERCEDES ÁLVAREZ LAGE
....
Gracias douche, Señor, por atopala
no meu camiño, que cambiou por ela.
Que menos que chorala,
que menos que loala,
se era a miña estrela,
miña luz, miña guía,
miña dona e amiga, e compañeira,
a axuda máis total e verdadeira,
o pleno amor que ao meu carón vivía?
...
(1992)


AMAR, AMOR (A Mercedes)

Amar é compartir todo na vida,
xa sexa na ledicia ou na tristura,
vivir a realidade da dozura,
achar a plenitude apetecida.

Amar... a seguir sempre nos convida,
non sabe de cansazo ou de fartura.
Se é lume de verdade, sempre dura.
Fronte a trevóns é luz inextinguida.

Dúas vidas son, no amor, plena unidade,
que, claridade ou escuridade,
non son quen de tirarlle o resplandor.

Que é luminoso o camiñar fecundo
do milagre meirande deste mundo,
infinito milagre, infindo amor.
(2004)

(O libro POEMAS DE AMOR, LOANZA, CONDENA E OUTROS, de Xoán Xosé Fernández Abella, con limiar do profesor Xesús Alonso Montero, foi publicado dentro da colección OS LIBROS DO LOUREIRO, por Edicións Follas Novas de Santiago de Compostela, en setembro de 2011).
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES