Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Este ceguiño que vedes cantando

miércoles, 16 de octubre de 2013
Fai tempo que veño lendo a través publicacións de Mini e Mero coplas e cantares de cego. Os merlos da Terra Cha, como gusto de chamarlles, foron ano a ano tripando camiños para recoller os tesouros gardados na memoria dos avós. Eran coplas de cego que cantaban historias de risa, de medo e mesmo de reprimenda á cidadanía.

Nos libros de Mini e Mero podemos ler os máis terribles crimes, entón o cego era unha especie de “periodista” que traía e levaba sucesos chocantes en forma de coplas que estremecían o facían rir ós oíntes. Lendo as recollas destes dous amigos semella que unha parte da nosa historia pode ser cantada con música de cego, certo é que non se conta de maneira obxectiva, e que os señores das coplas sempre as facían como lles conviña, pero que historia se conta de maneira obxectiva?.

Teño falado coa miña avoa Florinda de como na súa mocidade paraban na súa casa a cega de Parga e a Chambelona, que sempre traían unha sorte de coplas que forxaban amenceres de gargalladas. Disque a cega de Parga viña cunha filla que era moi guapa, e miña avoa lembra unha cantiga titulada “La parrala”, que soa como aquela que no colexio aprendemos como “La tarara”. Imaxino que da cega de Parga ou de Chambelona tamén aprenderon aquela de “Éranse dos jovencitos” ou “Merceditas tenía un novio”, coas que a miña avoa e o meu tío Pepe me amenizaban as viaxes longas.

Eran historias de amores imposibles, truncados pola morte e pola traizón, a Merceditas morreulle o seu Manolo e Elena traizoada por Juan morreu de amor.

É curioso como a literatura e a música popular foi capaz de gardar en coplas a intrahistoria do acontecido, esa que relata como viviu o pobo un determinado feito histórico. Resulta interesante escoitar casos como a caída de Manuel Ponte, guerrilleiro no 36, que canta A Quenlla no disco “Silencios na memoria” ou como os sermóns de Entroido repasaban os sucesos máis destacados do ano.

Todo isto lévame a pensar que non debemos ver a cultura popular como algo morto, senón, como unha oportunidade para recrear e contar o noso hoxe con versos de sabor popular. Actualmente hai moitos motivos para sacarlle punta á realidade que vivimos, e debemos de facelo porque como xa teño dito no humor xorden ideas moi interesantes.

Sería marabilloso cantar en lira de cego os diversos casos de corrupción que infectan o noso día a día. Quizais así seriamos capaces de ver camiños máis alá do catastrofismo e das mentiras.

O libro de Mini e Mero está adicado aos cegos “ que non ven (o que pode ser unha desgracia) e ós que non queren ver (que eso si que é unha gran desgracia)”. Pois cantemos a realidade coa lira de quen non ve, e non coa de quen, ademais de non querer ver, quere obrigarnos a ver o que lle convén.
Eu fico coa música daqueles cegos que en moitas ocasións abríanlle os ollos ao seu pobo.
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES