Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Marcial González Vigo: virar a mirada para non deixarte de mirar

miércoles, 09 de octubre de 2013
Marcial Gonzlez Vigo: virar a mirada para non deixarte de mirar A perda física dun amigo sempre é desgarradora. Pero aínda máis se o amigo o é por partida doble. Este é o caso de Marcial González Vigo, amigo do meu pai e da miña mai e amigo meu tamén directamente. Amigo de vello dos meus pais e novo amigo meu ó coñecelo hai poucos anos con motivo do certame de Paradela. Ó momento de coñecelo, trasvasouse nun segundo a amistade herdada dos meus pais. Foi así gracias ó amistoso e sinxelo carácter do Marcial, gracias á súa sensibilidade de poeta e gracias ó agarimoso talante do seu corazón. Un corazón que no físico estaba algo maltreito, como nos comentaba en numerosas ocasións, pero que no espiritual gozaba dunha saúde que de certo segue a gozar no ceo dos galegos, bautizado así polo amigo común Xulio Xiz, dende onde estou seguro que hoxe está lendo este escrito.

Fixeches moito ben na vida, Marcial, e deixas un importante legado fundamentalmente como o magnífico profesional da comunicación que fuches. Pero eu quixera recordarte como un poeta amigo. Os poetas teñen a virtude de ver máis alá, de ensinar e facer reflexionar coa palabra e de convertir a palabra en arte feita poesía.

No ano 2011, Marcial adicáballe un poema ó meu pai, que poden ver a continuación na súa totalidade. Nun fragmento dicía:

Quixera verte un momento,
para terte, nun mirar.
...Estás na verea alta!
Na senda da tua aurora!
Eu trato de me ir contigo
no teu camiño de volta,
co corazón a deshora
e sangue que me convoca!

(Marcial González Vigo)

Premonición ou non, Marcial e Manuel están xa xuntos. Xuntos no ceo dos galegos e xuntos nos corazóns dos que aínda vivimos nesta vida de corazóns físicos febles, que deixan de funcionar nos nosos amigos e tamén o farán en nós. Os mesmos corazóns corporais febles que se fan fortes e sensibles, rexos e poesía en persoas que merecen permanecer no noso recordo individual e colectivo, persoas que mereceron e merecen a pena, amigos ós que hai que virar a mirada para non deixar de miralos, benqueridos amigos como Marcial González Vigo.

Manuel (30-11-2011)

(Ao poeta Manuel Rodríguez López)

Vira a herba, vira a rosa;
vira a arboriña sen nome.
Vira o loureiro secreto.
Vira Andreade e a mimosa.
Vira o Camiño da Costa.
Vira o sino do silencio.
Vira, nun mirar, o tempo.
Vira a lúa. Vira o vento.
Vira todo o firmamento.
Para oir o teu cantar!
Vira o serán descosido
Vira o aire entremetido.
Vira a tarde nun suspiro.
Viran as augas do río.
Vírase, en mornura, o frío.
Vira a brisa nun virar.
Víranse as follas no outono,
víranse os carballos longos
ao ritmo do teu cantar.

Viran os amendoeiros.
Vira o desfeito caneiro.
Víranse os terróns dos prados.
Viran, por turno, os salgueiros.
Viran, vermellos, os sargos.

No teu cadencial cantar
vai Paradela en tenrura
abrazada a trinta pelgos
de doncel doce frescura.

Ao compás do teu cantar
vírase O Miño, en verdura,
co desliz de lodo e ferro,
co adozo da treixadura.
Por escoitar teu cantar
vírase o tempo do tempo...
Quixera verte un momento,
para terte, nun mirar.

...Estás na verea alta!
Na senda da tua aurora!
Eu trato de me ir contigo
no teu camiño de volta,
co corazón a deshora
e sangue que me convoca!.

Marcial González Vigo

Accésit de Poesía na XVII Edición do Certame Manuel Oreste de Paradela
Rodríguez López, Santiago
Rodríguez López, Santiago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES