Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O caxato do amigo de seu pai

viernes, 04 de octubre de 2013
É sabido que en todas partes podemos encontrar persoas máis ou menos orixinais. E aquí Alfoz non ía ser unha excepción. Había un señor, un bo carpinteiro de carros, que cumpría ben os requisitos da orixinalidade. As xentes saben del moitas anécdotas, pero eu vou contarlles a vostedes dúas nesta colaboración.

En Ferreira do Valadouro, todos os sábados se celebra un mercado, e as xentes dun e doutro lado xúntanse para vender produtos do campo e roupa, principalmente. Os labregos levaban, e aínda levan, patacas, castañas, ovos, conexos, pitos, queixos, balugas de manteiga, etc. Co diñeiro que obtiñan, aforrando sempre algo, compraban as nais roupa para os fillos, e tamén o tabaco para o home que, nalgúns casos, non podía faltar, so pena dunha boa rifa.

O caso é que un día a pobre da muller do carpinteiro presentouse no taller do home moi arregladiña e coa carabela na man: Ía para o mercado de Ferreira, pero equivocouse de día, non era sábado, e tiña que andar uns tres ou catro quilómetros. Parece que a conversa foi máis ou menos así:

--E logo para onde vas?.
--Xesús...!, e vou para o mercado..., para onde diaños vou ir?.
--Xa...!; pero non te deteñas moito que pola tarde hai que encaixarlles as bandas a estas rodas.
E deixouna ir.

O crego vivía cerca e, ás veces, aparecía polo taller botar un parrafeo. Ese día tamén foi e preguntoulle pola muller.

--Ah...!, ela?!. Vai no mercado.
--Hoxe, ooh...?!. E como non lle dixeches que non era sábado?.
--Así apréndeo mellor.
Pero a este homiño gustáballe o viño, e collía algunha que outra corza. Un destes días dedicados á esmorga, chega un rapaz a taberna onde el estaba, acércase ao mostrador e pide un vaso de viño. Acercouse a el o carpinteiro y preguntoulle:

--E logo..., tu de quen es?.
--Son de Pepe de Abeledo.
E non ven acabou de dicirllo recibe un golpe co caxato do señor.
--E que lle fixen eu...?, por que me cimbrou este “cachabazo”?.
--Porque es fillo dun bo amigo e non quero que te poñas bébedo. Vaite para a casa...!.
....................................................................................................................
Cada vez que escribo algo crítico acerca dos políticos en xeral e dos mesmos partidos, ou leo críticas alleas, penso se non estaremos representando o papel do carpinteiro. E imaxínome este diálogo con eles.
--Por que – dirán - nos dan tantos “cachabazos?.
--Porque sodes fillos dunha amiga, da DEMOCRACIA, e non me gustan as borracheiras políticas, nin que non se aprenda dunha vez que o espazo político non é un mercado todos os días. Ademais, creo que podo apuntar algunhas razóns máis:

. Que hai unha perigosa desafección política en aumento, en moitos sectores do noso país, preséntasenos con indiscutible evidencia, e os únicos que non parecen valorar ese perigo son os políticos.

. Que isto está levando a unha desacougante desconfianza cara ás institucións fundamentais do sistema democrático, como ocorre cos partidos, cos liderados, cos sistemas electorais, coas administracións do Estado, co Parlamento, etc., basta tomar en consideración a baixa porcentaxe que acadan nas enquisas, cando se producen.

. Que de aquí derivan importantes consecuencias, ninguén seriamente se atrevería a negalo.

. Acaso non son consecuencias o crecente desafecto a todo o que é público e ese non disimulado desinterese por todo o que cheira á política?.

. Pero...non estamos poñendo en tela de xuízo a mesma lexitimación do sistema democrático, con este divorcio entre os electores e o seus representantes legais?: Uns foméntano por primar aparencias de fidelidade ideolóxica en contextos de excepcionalidade, outros para ocultar a incapacidade de ofrecer solucións, coa nebulosidade dunha demagoxia con estridencias de fondo e distorsións calculadas, de forma, e uns terceiros, no poder, utilizando o apaxado recurso a semántica, evitando chamar as cousas polo seu nome, xerando serios desconcertos.

. Aos cidadáns inquietos pensar que poderes estraños a estrita actividade política estean provocando situacións de inxustiza distributiva, consentidos polos seus representantes, con responsabilidades de goberno.

. Acentúase a heteroxeneidade da sociedade, a fragmentación da mesma, de tal maneira que os mesmos partidos políticos, que hoxe aínda teñen certo control, chegarán a verse con serias dificultades para reconducir a situación dentro das institucións políticas correspondentes; esperar a que o tempo resolva problemas decisivos para esta recondución parece que ten moito máis que ver coa miopía dunha oportuna xestión política que coa prudencia de deixar que o tempo os resolva.

. Parece que tampouco se ve o camiño que collerá o que o pobo se sinta obrigado a tratar de resolver os problemas por canles propias, xerando novos tipos de conflitividade.

. Non hai dúbida de que moitos de todos estes problemas están estendidos a outros países da contorna; pero poden acometer a súa solución dende unha identidade perfectamente definida, mentres que España terá que realizar operacións previas, non só de impulso constitucional, senón tamén de concertación funcional en todos os sectores, mediante unha pedagoxía política encamiñada a neutralización das frecuentes crispacións, un valado que está imposibilitando accións consensuais razoables.

. Insisto, a historia xustificará ou rexeitará a oportunidade dos “cachabazos” aos integrantes constitutivos da democracia e tampouco descoidará, por suposto, as nosas irreflexivas e imprudentes permisións irresponsables, porque o siso é un tributo que o cidadán ten que pagar a sociedade na que vive e constitúe, xa que non é ningunha realidade allea e independente del.

--E se non queredes dar solucións a esta situación, ídevos para a casa, non sexa o diaño que vos propoñades vivir toda a vida dos privilexios políticos, bébedos dunha empachosa autoestima; que tamén se foi, sen renxer, o fillo de Pepe de Abeledo, e non esperou tantos “cachabazos” (non era tan correúdo...!). E no voso caso, as viaxes ao mercado para aprender polos erros pode traer consecuencias irreparables e o pobo debe advertilo.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES