Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Toña e Manuel, soíños, pero non de todo

jueves, 26 de septiembre de 2013
DOUS VELLOS E UNHA SOA SOEDADE (I)

TOÑA E MANUEL, SOÍÑOS, PERO NON DE TODO

Como anunciara na colaboración anterior, iniciamos hoxe esta serie de dez capítulos, da que serán principais protagonistas unha Toña e un Manuel que xa eran vellos hai máis de trinta e cinco anos,cando se escribiu a peciña teatral “Dou vellos e unha soa Soedade”, da que eles son principais protagonistas. Xa finaron os dous e descansan en paz, pero como segue habendo algunhas Toñas e algúns Manueles pola nosa Galicia adiante, é coma se seguisen vivos. De maneira que falaremos deles en presente, non en pasado. E feita esta aclaración, comezamos xa.

A Toña e o Manuel son, por desgraza, testemuñas privilexiadas do agoniar do seu barrio. Este barrio, que ben podería chamarse Bouza Vella, tivo nos seus mellores tempos unhas vinte casas con lume. Pertence á parroquia de Suscastros, pois foi nacendo ao pé de calquera dos máis de catro mil castros cos que conta a nosa terra galega.

Non se garda memoria de cando comezou a nacer Bouza Vella, pero o que se está vendo xa é o remate da súa longa vida, pois desas vinte casas doutros tempos só quedan abertas dúas, por obra e desgraza dunha transformación social que esixe a desaparición de gran parte da poboación rural, dunha política agrícola e gandeira de desfeita, causante de que as nosas aldeas teñan cada día máis necesidades de curas que axuden a ben morrer a aqueles aos que quen tiña que facelo non sabe ou non quere axudarlles a ben vivir.

Pouco a pouco este barrio e toda a parroquia á que pertence foron perdendo o aprecio por si mesmos, polos seus costumes e pola súa cultura, pois niso si que foi moi eficaz a axuda recibida dende moitos estamentos múltiples e variados, mesmo dende a Igrexa, xa que, sen dicírllelo, déuselles a entender que Dous non só non fala galego, senón que tampouco o entende.

Mentres, no castro próximo, xentes con estudos desenterran as raíces dos que foron seus antigos moradores e sementadores de culturas das que sempre quedan rastros, por máis que algúns ignorantes queiran negalos. Alí no castro pescúdanse os fundamentos da nosa identidade de fillos dunha terra eminentemente campesiña. Pero a poucos metros do castro os piares erguidos sobre eses fundamentos van esborrexendo.

Toña e Manuel foron quedando soíños na súa casa e case no seu barrio. Aínda que soíños de todo na casa non pode dicirse que estean, porque conservan a compañía da Linda, dun xatiño co que esta vaca teixa os agasallaba con periodicidade matemática, dunha porquiña de cría, de catro galiñas, dun gatiño que gusta máis de durmir no colo de Manuel ca no de Toña, e do refillo dunha pereira vella.

Tiveron dous fillos que no amencer dunha outonía saíron camiño de Bélxica fendendo a brétema. Tras deles quedou un costurón na néboa e dúas feridas abertas en dous corazóns de pais resignados a perderen os seus fillos para que estes puidesen saír da pobreza.

Cando os dous fillos saíron da casa aínda se chamaban Xulián e Xosé. Despois de pasaren dez anos en Bélxica, e case vinte, un deles en Tarrasa e outro en Barcelona, e de casaren con dúas irmás murcianas, chámanse Julián e José; pero nestes relatos seguiremos referíndonos a eles como Xulián e Xosé, que así é tamén como lles seguen chamando seus pais.

E seguiremos con segundo capítulo para a semana que vén.
Carballo, Xosé Manuel
Carballo, Xosé Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES