Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O tempo no home e a angustia crítica

viernes, 20 de septiembre de 2013
Explico este título, para intentar deixar claros os conceptos previos. Tal vez sexa conveniente que no home distingamos entre o “tempo da vida” e o “tempo psíquico”. Polo primeiro vamos a entender o tempo medido, o tempo cronolóxico, que ven a ser unha SUCESIÓN de AGORAS que van pasando ao pretérito, no que desaparecen. Neste tempo o home enfróntase a distintas situacións nas que lle xorden diferentes problemas. Por iso, das situacións temos que saír, ben ou mal, como sexa, contando sempre coas posibilidades de que dispoñemos en cada unha delas: Un bo exemplo del pode ser o tempo que vostedes perden lendo este artigo.

O tempo psíquico ofrece outras particularidades; pero quero só falar dunha delas, que bastan para o meu propósito: O AGORA de cada instante, neste tempo, non deixa de ser presente para ser pasado, porque aquí o mesmo pasado avanza cara ao futuro, incorporado ó agora. Xa non se trata dunha SUCESIÓN de agoras, senón máis ben dunha PRECESIÓN.

É importante ter en conta que o AGORA deste tempo non se presenta como un instante, un punto, senón como un globo que se vai inchando, ata o final da nosa vida, con todas as experiencias e vivencias da mesma: Vai traendo todo o pasado cara ao futuro, por iso, o AGORA que vamos a vivir despois deste, é o mesmo, aínda que máis rico en vivencias e experiencias.

Da angustia tamén poderíamos dicir moitas cousas; pero aquí vou só a referirme a esa angostura (en grego, angustia ven de “aggos”- léase “ángos”-=recipiente), congoxa, temor, profunda preocupación, que pouco a pouco vai embargándonos, así como enchendo os nosos recipientes sentimentais.

Pero aquí, como ven, referímonos a angustia cualificada como CRÍTICA. Por qué?. Sinxelamente, porque falamos da mesma, fundamentalmente, en canto activada nos tempos de crise. Limitámonos, pois, a ela neste traballo.
É lacerante esta que sentimos hoxe en día, que, por o temor a perder o traballo e non poder recuperalo, non poder axudarlle aos nosos achegados, incluso perder as situacións de privilexio, exposición a pasar unha vellez sen recursos e atencións sanitarios, ver como España está desembocando nunha especie de indefinición constitucional e de despiadado e carraxento ataque constitutivo, contemplar como os posibles entes nacionais e esperados integrantes dunha xa en proceso globalización están convulsionados por contendas prebélicas e bélicas, etc., está destruíndo iniciativas, atrancando sistemas de convivencia, selando actividades creativas, debilitando ós comportamentos humanos minimamente éticos, apagando, co ruído das salvas partidistas e fanáticas actitudes, as poucas voces autorizadas (e non precisamente polos votos) con que contan os países, etc.

Incluso estamos angustiados polo que somos, lembrando o que debíamos haber sido, porque nese “globo” do agora do noso tempo psíquico almacenamos vivencias dun pasado non sempre exemplar, no que emerxen erros transcendentes, que están aí e navegan cara a un futuro que tamén angustia, porque tememos a resposta a un reto que só podemos presentar con eses elementos traumáticos do pasado e dun presente socialmente patolóxico, ofrecidos pola memoria, polo coñecemento adquirido e polas vivencias actuais.

(Fai poucas horas que os españois puidemos ver en televisión unha escena que incorporamos ó noso “globo” do agora psíquico: Uns nenos cataláns portando cadaquén globos e bandeiras con aire de propaganda política, coma no ano 1.936 ocorreu con nosoutros, nenos de cinco anos, coas frechas que o xefe local da falanxe nos puxo na solapa das nosas chaquetas nun colexio público).

Lembramos aquelas xentes famélicas das crises anteriores, lembranza esta acentuadamente ferinte na actualidade pola contemplación das fileiras de rostros entristecidos ás portas de Cáritas e outras institucións benéficas, non precisamente a cargo dos partidos políticos e demais instrumentos sociais do Estado, salvo os de obrigada, e legalmente comprometida, atención.

Neste ”globo” viaxan as insensateces dun pasado, as nosas, pero tamén as dos gobernos, que, desde posturas partidistas e ideolóxicas, soen trocar os medios en fins, destruíndo os contextos nos que se fomenta o traballo e a convivencia pacífica, e sacrificando os motivos humanitarios ao servizo dos propósitos políticos, de tal maneira que o cidadán non pode fundamentar a esperanza nesas condutas tan pouco consecuentes coas esixencias dun marco de crise económica, institucional, axiolóxica e sen un horizonte globalizado no que buscar solucións.

Pero o grave das situacións angustiosas é que desencadean a busca das necesarias seguridades para planificar proxectos de vida, e, aínda que as físicas poidan ter un remedio científico, as psíquicas adoitan desembocar en saídas inapropiadas, en ideas e supostas crenzas das máis aproveitadas charlatanarías, que moitas veces dimanan de xentes con serias responsabilidades políticas.

E por se isto fora pouco, xorden aquí mecanismos de protección: Estamos agachados pola situación...?, pois non perdamos a ocasión de exhibirnos ben dereitos en manifestacións festivas con evidentes dispendios; temos a empresa en bancarrota...?, aproveitemos para lucir un coche de gama alta, para pasmo das vítimas dos Eres; perdemos peso social ou político...?, agarrémonos as identificacións nacionalistas, ou intentemos saír a calle coma líderes improvisados; etc.

Porque a angustia crítica tampouco respecta ós estamentos socias elevados. A todos, antes ou despois, visítaos este “sambenito”, xa que tampouco están libres do temor e da preocupación de que o seus soportes económicos e de prestixio social se creben: O que moito ten e cisma que moito máis necesita, tamén é vítima de profundos e punzantes desacougos anímicos, como nos recorda a sabedoría grega: “Non é rico o que ten moito, senón o que ten bastante”.

Se seguimos extrapolando estas modestas reflexións á nosa situación en España, sen dúbida caemos no fastío e a teima da repetición, pero dende outra perspectiva. Sen embargo, parece necesaria esta insistencia, porque, esencialmente, nada cambiou, e ocorre que calquera realidade considerada con afán cognitivo, e canto máis complexa con máis razón, non pode ser percibida nunha visión de totalidade: Temos que abordala polas diversas perspectivas que nos ofrece. Permítenme que isto xustifique o contido deste artigo...?.

Dende esta postura, quixera preguntar en que medida a “prudencia imprudente” do noso Señor Presidente do Goberno, os tan pouco habilidosos recursos dos nosos líderes da oposición a unha temática de acoso tan reversible para si mesmos, as carraxentas actitudes dalgúns nacionalistas e os histrionismos mímicos e verbais parlamentarios, de todos eles, contribúen a mitigar os desacougos dos españois fustrigados por esa angustia crítica.

Nada impacienta máis o cidadán que a “calada por resposta”, ás propostas de propaganda partidaria e aquelas dirixidas ós afiliados para mantelos aglutinados en torno os obxectivos partidistas, preterindo evidentes intereses xerais, sen solucións atractivas para o campo, sen seguridade contra os roubos, e sen estratexias adecuadas para resgardar ós labregos dos desacougantes ataques ás súas colleitas e ós animais domésticos polos salvaxes, que están a gozar dunha protección tan incompatible coa vida normal no campo como racionalmente insoportable.

Ecoloxía, SI; extremar afanosamente as esixencias do menos decisivo, mentres se abandona o verdadeiramente importante, despoboando o campo e facéndoo escasamente rendible, NON. Porque isto, amén de considerables prexuízos, tamén desencadea inquietudes, incertezas e angustias!.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES