Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A alta responsabilidade no accidente de Santiago

lunes, 16 de septiembre de 2013
A alta responsabilidade no accidente de Santiago Dous autos recentes do xuíz Alaéz, instrutor das dilixencias do accidente de Angrois, viñeron a poñer as cousas no seu sitio apuntando á responsabilidade directa de altos executivos que pretendían irse de rosiñas e lavar as mans, como os Pilatos que teñen por costume ser os moi ben pagos presidentes de Adif, Renfe, Caixanova, CaixaGalicia ou Pescanova: eles estaban alí de turistas e si che vin non me lembro.

O auto de 20 de agosto –mal redactado e ás veces incomprensible; ese é outro asunto- aborda o fondo da cuestión: o condutor, cuxa responsabilidade non se discute, tiña todas as habilitacións legais e o tren tamén cumpría todos os requisitos; pero a vía non. A vía estaba e está mal trazada e ata o día do accidente estaba mal sinalizada: apenas un sinal de 80 km./h. colocado cen metros antes da curva “cando o tren necesita de varios quilómetros para realizar esa redución progresiva de velocidade [de 200 a 80] en condicións de seguridade para os usuarios”.

“Existiu unha omisión de cautelas elementais”, di o Xuíz, o que é un delito imprudente do que –resumindo o auto- serían culpables “os responsables de garantir a seguridade”, de adoptar esas cautelas que evitasen o desgraciado accidente. “Esa desatención da seguridade ten conexión co descarrilamento” e o Xuíz considérao un descoido grave. O primeiro auto conclúe pedindo a Renfe e ADIF que identifiquen aos responsables da seguridade e sinalización da vía.

Coa respostas na man –revisadas polo Ministerio de Fomento-, o Xuíz dita un segundo auto o 9 de setembro no que xa imputa aos presidentes e vocais do consello de ADIF desde a entrada en servizo da liña ata o 24 de xullo; así como ao director de seguridade, xerente do área de seguridade do Noroeste, xefe de inspección e inspectores da xefatura Noroeste, todos eles tamén de ADIF.

Os altos cargos, di o Xuíz con claridade, non están de adorno e non poden lavar as mans. Aínda que o presidente e o consello teñan delegada a seguridade, seguen tendo obriga de vixiar si se está a cumprir ou non esa función. Non vale dicir: ¡Ai, eu deleguei no Director de Seguridade!

Non, vostede, señor presidente de ADIF, e os seus conselleiros, altos executivos ben pagos e se supón cualificados para o cargo, seguen tendo obriga de vixiar que na súa empresa se cumpran as normas de sinalización e seguridade máis elementais. Era o seu deber facelo, recórdalles o Xuíz, e non o fixeron. A responsabilidade afecta “non só a quen están en contacto directo –xefes, inspectores- senón tamén aos órganos directivos e xestores afastados que debían velar polo cumprimento da seguridade, (…) polo que son imputables obxectivamente todos eles, pois todos, delegantes e delegados, teñen un dominio real sobre a fonte de perigo e todos deben ser considerados potenciais autores do delito imprudente”.

Oxalá este auto do xuíz Aláez sente precedente e noutros moitos casos se esixa responsabilidade a delegantes e delegados: aos mandos intermedios que cargan co peso e aos seus xefes, presidentes e ministros que, cada vez que ocorre unha desgraza –xa sexa Angrois, o Prestige, un incendio forestal ou o afundimento do Titanic Pescanova-, píllalles de vacacións ou cazando osos e elefantes.
Carrera, Valentín
Carrera, Valentín


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES