Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Velaí o Camiño

jueves, 12 de septiembre de 2013
Afeitos como estamos, nos últimos anos, a contemplar fotografías de salóns de actos dos catro puntos cardinais da provincia ateigados de xente expectante convocada para organizar unha plataforma contra as obras de non sei qué ou contra a instalación de non sei cánto, sinceramente, como ourensán que non quere renunciar a ver futuro para os seus cando otea o horizonte desde calquera outeiro desta terra, hai uns días prestoume sobremaneira contemplar, neste mesmo xornal, a imaxe dunha rebosante sala da Casa da Cultura de Xinzo de Limia (e felicito, polo tanto, á asociación de empresarios, gandeiros e agricultores da Limia, convocante) asistindo a unhas xornadas destinadas a analizaren o futuro da súa comarca.

E é que, afeitos como estamos a interiorizarmos o noso futuro fundindo ó negro e a que os líderes sociais que idolatramos teñan máis valor por seren coñecidas voces resistentes contra isto e contra aquilo ca por xurdiren como promotores de iniciativas sociais e económicas a favor daquilo outro... E, aínda máis, a que, como consecuencia disto, os colectivos que teñen xurdido por aquí e por acolá, teñan nacido en proporción cuántica e case sempre con data de caducidade (e non quero dicir con isto que non teñan que xurdir cando deban), máis como reacción a algo ca como elementos impulsores de proxectos de futuro, o feito de comprobar que unha asociación -sexa de empresarios, comerciantes, agricultores, gandeiros ou do que sexa- se poña á fronte dunha proposta envolta en papel de compromiso de futuro, resulta cando menos gratificante e amosa que algo está mudando na nosa conciencia colectiva.

Porque, afeitos como estamos a que de cando en vez veñan visitarnos grandilocuentes iluminados ofrecéndonos o ouro, o mouro e o seu cabalo derreado, e vendéndonos ademais a moto sen freos de que nos van redactar un plan estratéxico de 'aquí te espero' co que non soñaron nin sequera no Golfo Pérsico, para logo decatármonos de que o tal plan (previo pago de non sei cantas ducias de miles de euros) non deixa de ser unha enquisa-tipo á que nós mesmos respostamos, transformada logo nun relatorio de posibles potenciais económicos que nós mesmos coñecemos e, colocadas todas elas nun formato máis ou menos de deseño e axudadas cun audiovisual cuxas imaxes nós mesmos lles fornecemos, para explicarnos nun acto colectivo -iso si, ben organizado- o que xa sabemos... Repito, afeitos como estamos por desgracia a todo isto, creo pouco a pouco ímonos decatando de que é hora de que nós mesmos -sen a intermediación de iluminados foráneos- decidamos camiñarmos cara onde creamos que é o mellor camiño.

E un exemplo -elemental- dese mellor camiño amosouno Emilio Rial na contradición seguinte: Coren importa cada mes 50 mil toneladas de cereais para a elaboración de penso, mentres hectáreas e hectáreas do lago Bión serán moi literarias, pero permanecen ermas.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES