Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Celebrar a amizade

martes, 10 de septiembre de 2013
CELEBRAR A AMIZADE É UNHA NECESIDADE

Por fortuna son moitas as xuntanzas de amigos e amigas que se van repetindo de ano en ano ou máis a miúdo se pode ser. Paréceme que ben mirado eses encontros non se quedan en divertimento, senón que son unha necesidade, porque a amizade se é auténtica tira polos amigos para encontrárense sempre que sexa posible e para comunicárense de moitos xeitos diferentes.

Dicíame hai anos unha amiga, despois de levarmos bastantes meses sen vernos coa escusa de falta de tempo: Se na vida non hai tempo para encontrarse os amigo, a vida non paga a pena. É certo, pero ao mesmo tempo tamén o é que non sempre andamos sobrados de vagar e iso ten o seu perigo, xa que as amizades que non se celebran acaban perdéndose.
Tamén a amizade con Deus.

O 28 de agosto xuntámonos un grupo de amigos e amigas que pasamos todos dos sesenta anos e que nos fixemos amigos na infancia ou na mocidade. Afortunadamente iso non é noticia, xa que, como dixen, moitos o fan. Penso que un dos grandes proveitos deses encontros é que revivir experiencias dos tempos da infancia ou da xuventude é unha maneira moi eficaz de retardar a vellez.

Nesta xuntanza do día 28 volveunos a pasar o mesmo ca noutras: durante as cinco horas que estivemos xuntos cada un esqueceu os seus achaques e sentímonos coma de vinte.

Ese día lemos con ledicia un poema de Borges que me mandou outra boa amiga da Arxentina, Elsa Vega. Permitinme facerlle algún amaño, o que non deixa de ser unha certa manipulación, pero pedinlle permiso ao autor e non mo negou. Ofrézoo agora por se pode valerlles a outros, deixando ben claro que eu non son o pai nin a nai desa criatura. Ao sumo podo ser seu tío. Un extracto deste poema xa foi publicado en Galicia Dixital o día oito de xullo con motivo da inauguración da exposición MANUEL RODRÍGUEZ LÓPEZ na Casa da Cultura en Paradela.


A NOSA ÁRBORE DE AMIGOS
De Jorge L. Borges traducido e adaptado por Xosé M. Carballo

Existen persoas nas nosas vidas que nos fan felices
polo feito de térense cruzado no noso camiño
Algúns recorren corredoiras e autovías ó noso lado,
vendo pasar lúas novas e lúas cheas.
A outros, case non nos dá tempo a velos
entre o cuarto crecente e o minguante.
A todos lles chamamos amigos;
pero hai moitos tipos de amigos.

Cada folla dunha árbore, simboliza un amigo.
O Destino, a Providencia,
preséntanos a posibles amigos a cotío
Algúns chegan a ser “amigos da alma”.
Son os máis sinceros e verdadeiros.
Saben o que nos fai felices.

A veces un deses amigos, ou amigas, da alma
instálase no noso corazón, e daquela,
chamámoslle amigo ou amiga, namorado.
Se alguén, por deformación profesional,
ten reticencias á hora de usar este cualificativo, podemos cambialo por: amigo, amiga, entrañable.

E, se aínda así, alguén segue fuxindo das palabras:
namorado ou entrañable, que non perda tempo.
Debe acudir de inmediato a un entendido
en cuestións de corazón,
Porque unha parte do seu xa é irrecuperable.

Un amigo ou amiga “da alma”
dá novo brillo ós nosos ollos,
pón nova música nos nosos beizos,
e volve máis áxiles os nosos pés
por máis cansos e magoados que estes estean.

Tamén están aqueles que son amigos pasaxeiros,
por pouco tempo, de paso, coma quen di.
Quizabes só por unhas vacacións,
por un día, unhas horas, unha viaxe
ou, mesmo, unha habitación compartida de hospital.
Eles tamén logran poñer sorrisos nas nosas caras
durante o tempo en que estamos xuntos
e a súa marca queda impresa na nosa alma
coma o rostro de Xesús no pano da Verónica.

Non queremos esquecer ós amigos distantes.
Nin a aqueles que están no cumio da árbore.
A aqueles que, cando o vento zoa
sempre aparecen entre unha folla e outra.
O tempo pasa, foxen a primavera e o verán
e velaí, ven o outono, tempo de caída da folla.
As follas que caen non se perden.
Transfórmanse en abono para que
nunha próxima primavera broten novas vidas.

¿E quen sabe se o destino dos humanos
non será renacer nunha eterna primavera,
ser follas dunha árbore de perenne follaxe?

Non queremos esquecer as follas que caeron.
Non queremos esquecer ós amigos que se foron.
Seguimos regando a súa amizade coa nosa oración,
coa pregaria afervoada acugulada de lembranzas.
Fainos moi felices saber que aquelas follas,
aínda que caídas antes tempo, viven con nós.
Si, viven no mesmo regazo
do Pai común rebordante de infinita tenrura.
Viven no cólo do Pai que, no Fillo, fíxose
Amigo que camiña á nosa beira.
Rememorando recordos de momentos marabillosos
do tempo en que se cruzaron os nosos camiños,
desexemos, amigos e amigas,
follas dunha mesma árbore,
hoxe, mañá e por sempre:
paz, amor, saúde, fe confiada en Deus,
nos amigos e en nós mesmos, pois,
non o esquezamos, somos parte da Árbore
de copa infinita que abeira paporroibos,
reiseñores, papuxas, merlos e carrizos

Ti, como cada persoa que pasou pola miña vida,
es persoa única e irrepetible.
Deixaches en min algo de ti e levas algo de min.
O encontro de dúas almas é demasiado sublime
para que poidan atoparse no camiño
por azar ou mera casualidade.

Espertemos, abramos os ollos:
Non nos encontramos porque cadrou, sen máis
Foi o mesmo Camiño quen se ancheou
para que nos atopemos nel,
camiñando xuntos cara á Vida en plenitude.
Desexémonos, xa que logo, amigos e amigas,:
bendicións, alegrías e fidelidades,
pois moi ben dixo recentemente o Papa Francisco:
“Sen amigos non se pode vivir”.

E, en lugar de afirmar, tamén podería preguntar:
“Paga a pena a vida sen amigos?”
A resposta déunola hai moito tempo o de Nazaré:
“Todos vós tamén sodes meus amigos”
Carballo, Xosé Manuel
Carballo, Xosé Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES