Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Concepción Arenal e Mandiá

jueves, 29 de agosto de 2013
A RELACIÓN DE CONCEPCIÓN ARENAL CON MANDIÁ

Xa chega setembro. Outro ano máis imos ter festa en Mandiá: A Santa Uxía. Son días axeitados para coñecermos cousas importantes da nosa historia común. Son datos que honran as nosas datas.

O Señorío dos Mandiá tivo unha importancia decisiva no desenvolvemento de Ferrol polos séculos quince, dezaseis e dezasete pasando logo este avoengo á familia dos Bermúdez de Castro da Casa do Monte, en Leixa, onde aínda conservan o Pazo soarego os seus herdeiros actuais.

Non correu esa mesma sorte o Pazo de Mandiá en total ruína coas poucas pedras que fican en pé. Incluso o escudo dos Mandiá desapareceu dos seus muros en datas non moi lonxanas. E iso non debera ser así. Porque o escudo tamén pertence á parroquia e ao pobo e non só aos herdeiros legais. Se é escudo, éo en virtude dunha historia común. Onde os trunfos foron comúns e os sufrimentos tamén.

Pero temos outros escudos para fachenda do noso patrimonio espiritual, como agora se di. Dona Concepción Arenal Ponte, nos apelidos dos seus avós maternos aínda aparece vencellada co señorío da nosa freguesía. Dona María de la Concepción Ponte Ferreiro, a súa nai, era filla de don José Ponte y Mandiá e dona María de la O Juana Ferreiro y Bermúdez de Castro como se acredita na fe de bautismo que se atopa rexistrada en San Xiao de Ferrol no Libro sétimo, no folio correspondente á data nela indicada

Reproducimos a continuación o texto da copia literal da partida de bautismo de Concepción Arenal, tal como aparece publicada en: MARTÍN, Elvira, Tres mujeres gallegas.

“El primero de febrero del año mil ochocientos veinte don Jaime O’Rafterry, capellán párroco castrense de Segundo Batallón de Infantería de Burgos, bautizó solemnemente en la iglesia parroquial de esta villa de El Ferrol, una niña, hija legítima del sargento mayor de dicho Cuerpo, don Ángel del Arenal y de la Cuesta, y de doña María de la Concepción Ponte Ferreiro; púsole por nombre María de la Concepción Jesusa Luisa Petra Vicenta; son sus abuelos por parte de padre, el mayorazgo don Vicente José Antonio del Arenal y Cossío, natural de Armaño de Liébana (Asturias), y su legítima esposa doña Jesusa de la Cuesta y García de Miranda, del noble solar montañés de Tudanca. Abuelos maternos don José Ponte y Mandiá, caballero del hábito de Santiago, y doña María de la O Juana Ferreiro y Bermúdez de
Castro. Fue madrina la referida abuela paterna, y en su nombre doña María Luísa Montenegro de Ponte, a la que advierto lo necesario.”

Da liñaxe dos Mandiá tamén saíron dous bispos famosos dos que xa noutrora demos sucinta reseña: Don Rodrigo de Mandia e o seu sobriño neto don Xosé Francisco Bermúdez de Mandiá.

Ambos foron sobresaíntes pola súa moita sabedoría. O primeiro foi un insigne xurista e o segundo un documentadísimo teólogo bíblico. Os dous foron bispos da sé episcopal de Astorga, que por aqueles tempos era unha diocese da máxima categoría en España. Deixaron cadanseu unha importante obra escrita.

Débeselle ao encargo de don Rodrigo o actual retábulo barroco da nosa parroquia do 1646, como se pode ler na Enciclopedia Galega.

Hai dous anos tamén falamos de don Manuel Comellas, o da Finca, no lugar da Ponte, e que foi o fundador de El Correo Gallego. Imos así, pouco a pouco, esfiando o novelo dos nosos persoeiros máis ilustres na historia dos nosos devanceiros.

E xunto con eles está a historia do noso pobo liso e chao, non menos ilustre nin menos digno de ser celebrado, pois entre todos puxeron o duro traballo, o esforzo, a ciencia e a sona. Esta e a nosa herdanza gloriosa de que estamos fachendosos e que celebramos ano a ano.

Agora tócanos a nós escribir hogano as páxinas actuais que os vindeiros recordarán algún día tamén como historia escrita e vivida, da que nós imos deixando coma Pulgarciño pequechiñas pedras salpicadas polos nosos vieiros. Así alguén, pasado o tempo, saberá volver sobre dos nosos pasiños dados con esforzo e moito amor.

Felices Festas para todos, residentes e forasteiros, caseños e convidados.

(Xaquín Campo Freire é párroco de Mandiá-Ferrol).
Campo Freire, Xaquín
Campo Freire, Xaquín


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD  
PORTALES  
SERVICIOS  
ENLACES  

RSS Válido

PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
Deputación de Ourense
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania