Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Oleiros: Grúa e aparcamentos

jueves, 22 de agosto de 2013
O noso colaborador XOSÉ MANUEL CARBALLO ven de presentar no rexistro do Concello de Oleiros (19/08/2013, 11:58:31 Nº rex. 2013011241), o recurso/non recurso, denuncia ou comunicación máis orixinal -material sensible, sen dúbida- que o seu Alcalde teña recibido. Por se a fórmula resultase administrativamente xeitosa - xa é xeitosa de por si- publicámola.

----

ALCALDE-PRESIDENTE DO CONCELLO DE OLEIROS

Xosé Manuel Carballo Ferreiro, con D.N.I. nº 33757674E, que estiven pasando uns días no Hotel as Galeras de Bastiagueiro, do Concello de Oleiros, con algunhas dificultades de mobilidade, recuperándome dunha recente operación de larinxectomía e asistindo a sesións de logopedia na Coruña. E que conste que fago alusión a estas circunstancias, non para espertar compaixón, senón por esixencias do guión que comeza coa seguinte

EXPOSICIÓN DE FEITOS:

Despois de baixar varios días á praia de Bastiagueiro pola chamada Rúa Fieitos e ver nela turismos estacionados a distintas horas, tamén levei o meu ata as proximidades da desembocadura desta rúa, a fin de ter que andar algo menos, por mor das aludidas dificultades de mobilidade.

O día 31 de xullo, aí polas seis da tarde, aparquei o meu coche na beira desta rúa ou corredoira asfaltada á altura do que, segundo a Policía Local sería o nº 2, pero fóra do asfaltado, nunha parte de terreo entre o asfaltado e o cerre das fincas colindantes. Penso que non pisaba o asfalto para nada, pero de pisalo, nunca sería máis do que podían ocupar as dúas rodas do lado esquerdo. Supoño que a autoridade sancionadora terá documentación gráfica que acredite este extremo, aínda que cando eu a pedín ao día seguinte, para poder comprobalo, nin no Concello nin nas dependencias da Policía Local me mostrou ninguén nin documentación gráfica nin ningún outro papel que me puidese servir de base para iniciar un recurso.

Na confluencia desta vía, duns catro pasos de anchura, cos acesos á praia de Bastiagueiro hai a cada lado un sinal de prohibición de estacionar no que a dicir verdade non reparara. Pero deberá entenderse, por lóxica, que a prohibición referirase á vía e non a terreos que non forman parte dela. Entrando, como eu entrei pola parte de riba da Rúa Fieitos, hai tamén aproximadamente á altura da metade da vía en cuestión outro sinal de prohibición de aparcar, cunha frechiña que apunta cara o cerre dunha finca. Está situado este sinal xustamente nunha curva cerrada case en ángulo recto. Mirar para ese sinal mentres se vai conducindo suporía un grave risco, polo que en boa lóxica tamén é normal que non se vexa a primeira vez que se pasa conducindo por xunto del. Ese foi o meu caso.

A miña gran sorpresa foi que, cando volvín da praia, nin estaban o coche onde o deixara (outros si había no mesmo lugar) nin ningún indicio ou aviso de que fose retirado pola grúa. O primeiro que temín foi que mo roubasen. Coa dificultade correspondente para poder comunicarme debido á operación de larinxe. Souben, non obstante, que algunhas veces a grúa retiraba coches de aquel lugar. Feitas indagacións que tiven que encomendar a outras persoas, comprobei que en efecto podía darse o caso de que fose retirado pola grúa e que estivese depositado no lugar correspondente. Alí estaba e alí puiden ver, grazas a que non o levara o vento durante o recorrido da grúa, no parabrisas un papeliño minúsculo no que se dicía que o vehículo matrícula 3010 GHY, que era o meu, fora sancionado polos axentes 182018 e 182037, (de firma ilexible e sen ningún selo) con 200 euros dos que se me faría un “desconto” de 100 euros, conforme é ilegaligade vixente, (da que vostede, alcalde, non é autor, pero si cómplice), como premio a comportarme ben e ser mansiño, dilixente e submiso, renunciando a defender os dereitos presuntamente lesionados. O motivo da sanción figuraba no papeliño como: “Estacionar obstaculizando la circulación”.

Achegueime nun taxi que alguén tivo a ben pedir por min, por mor de estar eu privado de voz, ao lugar do depósito do que fora meu coche antes de expropiarme o seu uso. Ali, sen previo xuízo, vinme condenado a ter que pagar para poder retiralo 120 euros. Destes, 30 corresponden a un día de depósito. ¿Se estivo depositado alí todo o día, como puideron sancionarme por obstaculizar a circulación, e se só estivo menos de dúas horas, como foi o caso, é xusto que teña eu que pagar por forza o día enteiro, ou é que xa me reservaron a praza de almacenamento dende as doce da noite anterior? Déronme un xustificante que pon no encabezamento “AYUNTAMIENTO DE OLEIROS”, pero en ningún outro sitio aparce un selo que o autentifique.

Como me faría moita ilusión ter un papeliño co selo do Ayuntamiento de Oleiros entre outras cousas para que, cando conte ou publique nalgún medio de comunicación este incidente, me crean e non pensen que falsifiquei o xustificante, cando acudin ao día seguinte ás oficinas pedín que mo selasen, pero non o conseguín. A funcionaria á que me dirixín respondeume moi amablemente que non podían facer por min nada máis ca darme un impreso para presentar recurso. O mesmo fixeron por min nas dependencias da Policía Local, pero, como xa dixen, sen mostrarme nin un só documento do expediente sacionador que puidese servirme de base para o recurso.

En días sucesivos seguín pasando por curiosidade por ese camiño asfaltado e seguín vendo coches estacionados no mesmo lugar en que estivera o meu e pisando algúns parte do deteriorado asfalto da calzada. Diso teño fotografías, pero non as vou aportar, non vaia ser que algún dos propietarios deses coches se me queixe. Entón dinme conta de que a grúa non poderá estar pasando por alí a todas as horas. Iso pode converterse nunha verdadeira traxedia, porque non sei por onde poderán pasar os cidadáns que teñan obstaculizada, como din no papeliño que obstaculizaba o meu coche, a circulación en horas non operativas para a grúa.

Sen máis voltas, con toda rotundidade teño que afirmar algo que nunca pensei chegar a afirmar duns axentes policiais.

¡MENTIRON! na denuncia e asinaron unha mentira, porque o meu coche non obstaculizaba para nada a circulación, máxime estando fóra do piso transitable. Pero, como por riba dos axentes hai outros responsables, que non sería unha temeridade pensar que poden coacionalos con fins recaudatorios, por iso me estou dirixindo a vostede en calidade de máxima autoridade municipal.

Non quero pensar que, coa súa traxectoria amplamente publicada en medios informativos, valide unha mentira en aras de recadar uns euros e utilice a lei para amparar unha inxustiza, aínda que o desgusto e o desconcerto de sentirme impotente ante o posible roubo do coche, sen nada que me aclarase que o retirara a grúa, como podía ser a mesma megafonía da praia, xa non ten volta atrás. Ben preto do lugar en cuestión, na rotonda próxima á praia hai un sinal de que a grúa pode retirar coches. Onde retiraron o meu non a hai. ¿Por qué esa diferenza?

Non me digan que eu podía deducilo por estar mal aparcado, xa que, como viñen explicando, non estaba estacionado en situación merecente desa abusiva actuación.

Despois da exposición de feitos, os formularios de solicitudes ou reclamacións soen incluir que quen subscribe remata “SUPLICANDO”, “SOLICITANDO” ou “PEDINDO”. Non o vou facer, porque o que tería que solicitar é a reparación de tres inxuntizas: a abusiva sanción de 200 euros, a taxa arbitraria de 120 que tiven que pagar por recuperar o coche secuestrado máis 10 de taxi, e a compensación por levarmo sen deixar ningún aviso co correspondente sobresalto; pero tal solicitude de reparación de inxustizas podería parecer insultante para un Alcalde que, conforme ao publicado en internet, galopa sobre alado Rocinante polo mundo enteiro desfacendos entortos e sementando xustiza a mans cheas, chegando nas súas correrías nada menos que a Libia para defender gadafistas, creando conflictos diplomáticos internacionais por loitar denodadamente polos dereitos do pobo palestino, acompañando a Rigoberta Menchú por toda Latinoamérica facendo campaña para que se lle outorgase o premio Nobel da paz pola súa defensa dos dereitos dos indíxenas guatemaltecos, e un amplísimo etc. do que non pode esquecerse o seu eficacísimo apoio a don Fidel Castro, en paz descansa, e demáis familia castrista, icluído a alonxado parente D. Hernesto. E todo iso mentres conseguía que o seu Concello de Oleiros teña os meirandes índices de parques públicos e, polo que eu mesmo puiden observar na beirarúa da praia de Bastiagueiro, tamén de silveiras sen rozar que “obstaculizan la circulación de los peatones”, pero que non deixan de ser un canto á natureza viva; non en vano, Alcalde, vostede presume de ter sido músico de profesión, aínda que teño entendido que cantante, só de horas en cando.

Apoiado en toda esta variada e exemplar traxectoria declino solicitar. Deixo á maganánima discreción de quen preside a Corporación Municipal de Oleiros a decisión pertinente en relación co meu caso. Aclaro que non tratei á Súa Presidencia de Señor en ningún momento, aínda que os impresos que me facilitaron no Concello comezan co encabezamento de “SR. ALCALDE”, e iso non porque non me mereza o suficiente respecto, senón porque me parece a min que un, aínda que sexa ex, militante do PCE considerará que tratalo de señor é como presupoñer, sen base nin fundamento, que se distanciou do escravizado proletariado oprimido por seculares señoríos abusóns.

Non quero ocupar máis do seu prezado tempo, ben seguro que merecidamente mellor pagado ca o meu, incansable Alcalde, se é que puido dedicarme algo dese tempo e non transferiu estes papeliños a algún dos seus subordinados, ou non lles aplicou aquela xenialidade que tamén se lle atribúe, da bandeira dos Estados Unidos impresa en papel hixiénico coa lenda USA ME na campaña de defensa de Sadam Huseín, meu pobre. Por outra banda, creo que coa lectura deste prego de descargo xa se sobrepasarían e darían por consumidos os dereitos que puidesen xerar na Administración Local de Oleiros os 200 euros da sanción.

Despídome coa mesma consideración coa que fun tratado. Sen desacato á autoridade, pero sen acatar polas boas arbitrariedades improcedentes de ningunha autoridade, que degradan a súa nobre función a noxento autoritarismo.

San Martiño de Goberno do Concello de Castro de Rei a 12 de agosto de 2013.
Carballo, Xosé Manuel
Carballo, Xosé Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES