Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Os monos de Gibraltar

jueves, 22 de agosto de 2013
Entre os moitos e moi interesantes vestixios arqueolóxicos que dende 1966 teñen sido exhumados do xacemento castrexo de Castromao, o Museo Arqueolóxico de Ourense conserva un que apareceu en 1993 formando parte da parede do vestíbulo dunha vivenda ligada á época da romanización do conxunto (é dicir, xa en desuso da súa función orixinal) e que, se a documentación á que teño acceso non minte, trátase dun 'exemplar único dentro da plástica castrexa', facendo miñas as palabras que se recollen no folleto da peza do mes que o propio Museo Arqueolóxico ourensán publicou en maio de 2005 e que calquera pode consultar na Rede.

Se vostede fai ese exercicio de documentación poderá comprobar polas fotografías que ilustran o texto, que a peza é un vulto granítico de preto de medio metro, que reproduce a figura dun mono (os arqueólogos, por prudencia, descríbeno cun eufemismo: figura zoomorfa) semellante ós que adornan turisticamente o peñón de Gibraltar.

E se curioso é xa de por si o feito único da aparición dunha reproducción pétrea dun mono -ou macaco- nun xacemento situado nunha zona tan septentrional onde os estudosos non ubican a presencia de animais desta especie, o asunto aínda se converte nun suceso moito máis orixinal se lle indico que, malia que lle falta todo o remate frontal da cabeza, na peza identifícase perfectamente cómo o mono ten as mans tapando os ollos. É dicir, ó xeito daquela canción de Víctor Manuel que relataba cómo os pais dun homosexual (fillo e neto de militar) facían 'como los monos de Gibraltar, tapan los ojos para no mirar'.

E a estas alturas preguntarase vostede, benquerido lector, que por qué traio a colación esa peza tan senlleira como descoñecida polo gran público e que eu denomino o 'mono de Castromao'.

Pois ben, tráioa porque loxicamente estes días, cada vez que leo un titular, vexo un noticiario ou de xeito ocasional escoito unha tertulia radiofónica e oio falar de Gibraltar, non fago máis ca pensar na canción de Víctor Manuel e, de contado, no 'mono de Castromao', que vaia vostede saber se non o trouxo na idea -ou incluso vivo- algún soldado 'coelerni' (así se chamaban os veciños de Castromao) que puido andar de riandola mercenaria por aquelas terras meridionais e logo decidiu inmortalizalo en pedra para que non se perdera a memoria de tan singular exemplar.

Vaia vostede saber!

E vaia vostede saber -agora pregunto- qué pasaría se en vez de estar na península, Gibraltar estivese na illa británica e fose considerado territorio español? Duraríamos alí tanto tempo como teñen durado os monos británicos en Gibraltar?
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES