Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

"O tempo vai de Parga á Pastoriza"

martes, 06 de agosto de 2013
A Pastoriza de Díaz Castro. O universo íntimo de poetización de Díaz Castro está determinado polos recunchos pequenos das súas contornas próximas. É o poeta dos detalles mínimos: Isto vese moi claro nos exemplos que emprega se analizamos Nimbos: A Ponte-Gafín, A Corda, Arxán. O Carmio, (o do Buriz, próximo á súa casa), O Porto-Muíño. Lugares todos moi ben coñecidos aínda hoxe por todos nós os que desta terra somos. Do mesmo xeito está determinado pola fala e léxico da fitozoonimia. Sempre son as da súas contornas vivenciais. Non alleas.

Os que somos maiores entendemos perfectamente as referencias e os falares do poeta por termos coñecido aínda aquel mundo usando as mesmas verbas ca el e que se ve obrigado a aclarar no Vocabulario para xentes doutras variantes dialectais, non para nós.

Eu son testemuña directa por ser nativo de Roca, pertiño de A Pastoriza de San Alberte. E logo tamén vivín por moitos anos nas proximidades de Os Vilares. De feito eu coñecín a Díaz Castro nos Oficios da Semana Santa do ano 1961 ou 1962, nun serán do xoves santo, na Igrexa de San Vicenzo dos Vilares de Parga.
De Parga Á Pastoriza, (con artigo contracto neste caso por referirse á romaxe), vai o Tempo en Díaz Castro como van de sempre o río Parga, a néboa, o tren, os romeiros, (daquela camiñabamos pólas beiras da vía do tren), a estrada N-VI, e tamén os ventos do oeste, chamados tamén contralisios, que son os ventos e tempos predominantes na outonía da que fala. Pois estes ventos e este Tempo na experiencia do poeta son precisamente os que van de Parga á Pastoriza, seguindo o río, no poema de Penélope.

O santuario alternaba o nome de Sant’Alberte e o de A Pastoriza. San Alberte é o padroeiro da capela, máis antigo no tempo, e deulle nome ao lugar. Porén esta festa mariana, seguramente traída por algún predicador capuchino, orde na que naceu polo 1703, foi A Pastoriza. Lémbroa de neno e de rapaz con misas varias ao longo da mañá e con misa solemne con varios sacerdotes, con sermón de gran predicamento, con gaiteiros, merendas e festa ata o solpor. Promesas, esmolas, velas, exvotos, ofrendas, ritos de “poñer a Santa” e con pelexas por levala logo na procesión por xentes que estaban ofrecidos e que querían voltaren sen cumprir.

Esta advocación sufriu cambios na súa denominación co Concilio Vaticano II. No misal romano deixou de chamarse “Divina Pastora”. Pasou a ser “María, Nai do Divino Pastor”. Pero aquí seguiu conservando o outro nome: A Pastoriza. Así a chamamos aínda hoxe en toda a bisbarra e esténdese cara a Baamonde, Begonte, Pígara, Vilalba, Trás do Río e en toda a comarca do daquela Arciprestado de Parga. Tamén viñan moitos romeiros de Friol, Sobrado, Vilasantar, Curtis, Teixeiro, Aranga e Monfero.
Todo isto está na memoria viva dos actuais, sobre todo da xente que temos mais de 55 anos.

Como a camiñada a Santiago vai rematar no santuario de Santa María de Fisterra, a festa do Sant’Alberte remata coa romaría mariana da nosa Señora da Pastoriza.

A romaxe de Sant’Alberte, todos os domingos de maio, tiña e aínda ten o seu colofón, a súa coroación, o seu nimbo, a aureola, na festa de A Pastoriza, en agosto. Iso sabémolo ben os que deses lugares somos nativos e por aquí desenvolvemos a nosa vida da infancia e xuventude que cadrou co mesmo tempo de poetizar deste noso veciño a onde el tamén foi algunha vez de neno, de rapaz, sendo seminarista ou mesmo ao volver da guerra.

O Santuario do Santo Alberte de Parga era coñecido tamén como “A Pastoriza” na bisbarra e en toda a Terra Chá occidental pola Romaxe do primeiro domingo de agosto. Xusto o domingo anterior á Feira de Parga, centro de vida civil e comercial máis importante en toda a bisbarra. Cómpre non esquecer que a denominación do Concello ata ben entrados os anos corenta era: “Concello de Trasparga”, non de Guitiriz, con sede na Casona ou Pazo do Mesón da Cabra onde traballou un certo tempo Díaz Castro con algún cometido de escribinte, secretario ou algo así.

Recordamos aquela inmensa multitude que enchía a ponte e o camiño cos esmoleiros, cegos, tollidos, entangarañados e outros eivados e mutilados da guerra, pedindo unha axuda en cada treito do camiño e en número moi medrado despois da guerra, da que el volveu e precisamente escribiu sobre algo do que alí viviu moi de rapaciño como tamén ten ido ao “Quince de agosto”, na Nosa Señora de Bascuas. A min non me estraña nada, nun home de referencias relixiosas coma El, que falase de A Pastoriza como algo tan sobrentendido por todos, sen ningunha necesidade de especificar máis para o resto que daquela o puidésemos ler.

“O Tempo vai de Parga á Pastoriza”. Reférese ao lugar da romaxe de A Pastoriza, no primeiro domingo de agosto de tanta sona ata os anos 80, en que o Festival de Pardiñas en Guitiriz veu eclipsala un pouco por mor de coincidiren sempre no primeiro fin de semana de agosto.

Nin Pastoriza, a que linda con Meira, nin A Pastoriza de A Coruña estiveron nos lugares de vivencia de Díaz Castro, pois daquela esas eran viaxes moi lonxanas e moi caras nun mundo de escaseza de posguerra de non ter lazos familiares por esas latitudes fóra de ter coincidido con algún compañeiro de seminario oriúndo de por alá. Por outra parte ambas pertencen a microclimas e bacías ou concas fluviais que nada teñen que ver connosco e que son ecosistemas moi diferentes. O Tempo, do que nos volve a falar no poema Vísperas, volve estar ligado ao río, ao santuario, á festa das súas vivencias, neste caso O Carmio de O Buriz.
Campo Freire, Xaquín
Campo Freire, Xaquín


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD  
PORTALES  
SERVICIOS  
ENLACES  

RSS Válido

PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
Deputación de Ourense
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania