Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Quédome coa cidadanía galega

miércoles, 31 de julio de 2013
Este 25 de Xullo será lembrado como o máis triste de toda a historia do noso pobo. Foi algo inesperado, arrepiante, que nun principio custaba crer. Pero aí estabamos e estamos, vivindo un pesadelo colectivo con familias asolagadas pola dor. Todo vestido de festa e de súpeto un loito terrible nos corazóns, os fogos convertidos en bágoas e as ilusións dunha noite, que alborexa en rúas ateigadas, truncadas pola morte.

Vivín todo pola televisión, tiña que estar en Compostela, mais asuntos persoais impedíronme facer a viaxe. De súpeto a nosa vida empezou a xirar ao redor dun tren, un tren que se contaba traxicamente por mortos, e os corazóns empezaron a tremer por se algún familiar, amigo ou compañeiro se fora no accidente. Mais en realidade non fai falla perder a alguén para sentir a gran perda colectiva. Galicia non é a mesma, nin o será en moito tempo, pero ten a forza suficiente para seguir o seu camiño entre a traxedia.

O noso ser colectivo queda traumatizado e triste ante tantas ausencias irreparables. Pero ese ser colectivo demostrou a súa capacidade de responder solidariamente nunha situación límite que desbordou a todas as autoridades do país. Cómpre dicir que temos un pobo capaz de responder ante a adversidade para loitar polos demais. Os primeiros en demostrar isto foron os veciños de Angrois, que se tiraron ás vías do tren aínda a risco da súa propia vida. Despois acudiu voluntariamente persoal sanitario a reforzar os servizos. Finalmente quen non tiña que dar, doou o seu propio sangue, colapsando en pouco tempo os centros de transfusión.

Estamos tristes e traumatizados, no ambiente respíranse ganas de chorar, consternación; mais non podemos caer no ritmo vencido das cabezas baixas, fomos un exemplo para o mundo e temos que sentirnos orgullosos da nosa capacidade colectiva.

Agora toca estar coas familias, volver pouco a pouco ao noso día a día, e lembrar para sempre a quen se foi traxicamente un 25 de xullo do 2013. Por eles témonos que erguer e dicir “somos un pobo capaz da solidariedade, capaz de construír man a man; xuntos podemos mellorar o que nos propoñamos e facer unha sociedade á medida de cada cidadán”.

De todo o vivido quédome coa solidariedade do pobo galego, que lle demostrou ao mundo a súa capacidade resiliente con corazón e cordura, tirándose as vías para salvar xente ou doando sangue.

Quédome coa CRTVG, que con todos os fallos que puidera ter, cumpriu de xeito escrupuloso a súa función de servizo público. Por iso cómpre mantela, só ela nos garante información inmediata sobre o que pasa preto de nós.

Quédome co funcionariado galego, que acudiu inmediatamente aos seus postos de xeito voluntario.

Quédome cos médicos, enfermeiras e outros profesionais que, estando de paso por Compostela incorporáronse altruistamente ao equipo de crise.

Somos un pobo exemplar, digno e “coa limpa fronte erguida”.
Parabéns a todas as persoas que loitaron e loitarán polas vidas alleas. Sempre me quedarei coa cidadanía galega.
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES