Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Adeus, Muruzábal

viernes, 19 de julio de 2013
Neste tempo inclemente no que predomina a mentira, a indecencia, a corrupción sistémica e a democracia violada, as persoas como José Luis Muruzábal fanse imprescindibles. Este navarro noble, idealista e comprometido finou o pasado día 16, na Coruña despois dunha longa enfermidade. Esta morte prematura deixa un baleiro imposible de ocupar, pero a súa figura seguirá sendo un referente ético e vital para moita xente. Foi un home de esquerdas e tivo unha vida de absoluta coherencia coas súas conviccións.

A política hoxe está desprestixiada; os cidadáns valoran de xeito negativo aos actuáis dirixentes. A desconfianza está instalada no tecido social. Cada vez semella máis evidente que unha facción organizada ocupa o poder público para obter lucro privado. Pero houbo un tempo recente no que a política era unha ocupación respectada exercida por persoas cualificadas e xenerosas que, na vez de utilizar as súas capacidades para o enriquecemento persoal, comprometeron a súa vida para a construcción dunha sociedade máis equitativa, solidaria e xusta. Unha desas persoas, que se adicou a contribuir ao ben común, foi Muruzábal.

Chegou a Galicia nos primeiros anos setenta e deseguida se comprometeu na loita sindical. Acadou notoriedade pública cando se subíu á cheminea da central térmica de As Pontes (daquela a máis alta de Europa, cunha altura de 356 metros) durante un conflicto na empresa. Foi moi activo na reconstrucción do movemento obreiro en Galicia e coñeceu o cárcere. O seu compromiso político canalizouno a traveso do Partido dos Traballadores, co que chegou a ser candidato. Como abogado laboralista actuou en defensa da clase obreira en numerosos conflictos. Os dereitos laborais e a protección social –que tivemos nas últimas décadas e agora nos arrebatan a forza de decretos-, conseguíronse co esforzo e o sacrificio de xente como él.

Desde os anos oitenta adicou unha grande parte da súa enerxía –inesgotable- a impulsar a Asociación Pro Enfermos Mentais (APEM), que realiza un labor moi positivo para fomentar a autonomía persoal e favorecer a integración e inserción social e laboral das persoas con problemas psiquiátricos. Como presidente desta entidade empregou todo o seu entusiasmo para conseguir que a sociedade non esqueza a este colectivo.

Actualmente APEM conta con 800 socios e presta atención a máis de cincocentas persoas.

Este home vital e de verbo desbordante camiñou pola vida cunha actitude de entrega aos demáis, sobre todo aos traballadores e aos máis desfavorecidos; a súa conducta xenerosa e valente deixou unha fonda pegada nas persoas que compartiron os seus proxectos. Hoxe os seus amigos, multitude, lamentan a súa ausencia. Mais a súa traxectoria e o seu legado deben servir como exemplo para perseverar na loita por un mundo mellor e máis xusto, combatendo a vileza e a ruindade que hoxe imperan na vida pública.

http://pablovaamonde.blogspot.com.es/
Vaamonde, Pablo
Vaamonde, Pablo


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES