Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

É a oportunidade da “Sociedade civil”...?

viernes, 12 de julio de 2013
Seguindo o fío dun artigo anterior, parece necesario preguntarse se chegou o momento de que a “sociedade civil” se conciencie de que ten posibilidades de enderezar o rumbo da historia, “mediante un control eficaz do poder político” (Javier Monserrat). Este catedrático da Universidade Autónoma de Madrid, escribe: “Sería, pois, unha conxectura probable contemplar que nos próximos tempos a sociedade civil dera un salto cualitativo e pasara da ACCIÓN ASISTENCIAL (o que ata agora vemos nas ONGs e movementos cidadáns) á ACCIÓN POLÍTICA desde organizacións de alta calidade funcional”.

Denomina a esta posible organización NOVO MUNDO e di que non sería un novo partido político, senón un instrumento de control da política dende fora, sobre todo en clave ética.

El considera que isto sería o conveniente, porque son os cidadáns os que teñen o voto e deben decidir eficazmente quén e cómo se goberna. Tamén pensa que esta estratexia tería que cubrir unha dimensión internacional, seguramente pensando nas numerosas convulsións que afectan hoxe a moitas nacións: Necesariamente estaría chamada a conducir a “ un proxecto universal de desenrolo solidario” (UDS).

As sociedades teñen que limparse dos refugallos dun pasado que aínda está aí, co que se intenta rexurdir, teimosamente, o modernismo e o “comunitarismo” (non necesariamente comunismo) , que o autor citado non refuga na súa totalidade, porque considera que teñen abondo aproveitable, coma a liberdade e a solidariedade: Hai, pois, que abrirse á modernidade dende o “comunitarismo”, e a este dende a modernidade.

Xustamente por iso o estudo da situación actual debería de abordarse en profundidade no ámbito do que chama “vías estériles da modernidade” e “vías estériles do ´´comunitarismo``”.

Urxe, pois, desfacerse dos pantasmas do pasado que non levan a un futuro esperanzador, é dicir, das vías estériles, que non fan outra cousa que deter a historia e poñer atrancos ás novas sensibilidades sociais: É absurdo “pretender que a modernidade liberal poida seguir nos próximos anos nun MÁIS DO MESMO, producindo novas tensións e inestabilidade de todo tipo”; pero, igualmente, tamén “transitan nunha vía estéril” os “comunitarismos” radicais.

Agora ben; se estas son vías sen futuro, as solucións, evidentemente, non pasan por elas, e aquí é onde o Dr. Monserrat fundamenta a necesidade de buscar unha nova saída, outra vía. En todo caso, el é cauteloso, como o evidencia neste parágrafo: “..., suposto que a historia estivera forzando o nacemento deste novo protagonismo da sociedade civil, ¿cales deberían ser entón as características formais do deseño para o nacemento, organización e acción social da organización civil NOVO MUNDO?”. Naturalmente, son necesarios líderes con suficiente respaldo e dotados das convenientes e oportunas teorías socio-político-económcas. (Sobre todo isto esténdese na súa obra “Hacia un Nuevo Mundo”).

Tamén é consciente de que o necesario IDEAL ÉTICO-UTÓPICO dunha solidariedade civil non acadou aínda a altura precisa no seu vigor e consistencia para fundamentar accións de tal envergadura, pois redúcese, hoxe por hoxe, a un “sentimento difuso, unha intuición que non chegou a ser claramente reflexionada polos mesmos cidadáns que a posúen”, e non falemos dun proxecto de acción en común.

Polo tanto, é indiscutible que a súa filosofía política, e el pensa tamén así, trata de articular un razoamento de cómo pasar do “estado actual de intuición presentida”, ao que chama “plataforma fundacional do proxecto UDS”, sen dúbida mediante unha estratexia política, decidindo quen deberían ser os protagonistas do cambio, que incluso poderían ser os mesmos partidos políticos, pero abríndose a esta dinámica, porque non se trata de substituílos, senón de que acepten o control da sociedade civil, no ben entendido de que sempre sería conveniente diferenciar a acción política dos partidos da acción civil dos cidadáns, precisamente para evitar impertinentes interferencias; pero sempre deixando a salvo, claro está, o control desta sobre aquela no declarado procedente.

Esta filosofía política, como vemos, non se formula contra os partidos políticos, só se fai cargo de que a sociedade civil se cuestione que sexan vitais na elaboración das políticas públicas, posto que na actualidade estas están determinadas por esixencias obxectivas e estruturais da mesma sociedade e isto limita a acción política dos partidos.

Así o afirma igualmente Jorge Riezo, profesor emérito da Universidade de Granada, que, entre outras facultades, impartiu docencia na de Ciencias Políticas e Socioloxía. Na súa obra “Crisis y Ocaso de los Partidos Políticos”, Ed. San Esteban, Salamanca, 2.013, páx. 118, escribe: “7.- A sucesión oligárquica é un feito político, e fronte a ela a única forma é a crecente PARTICIPACIÓN POLÍTICA DOS CIDADÁNS NON SITUADOS A SOMBRA DOS PARTIDOS, SENÓN CONSTITUÍNDO FORZAS E ORGANIZACIÓNS REPRESENTATIVAS E RECOÑECIDAS, QUE POIDAN CHEGAR A CONFIGURAR A NOVA FORMA DE DEMOCRACIA, pero sen que sexa tal evolución unha oportunidade a novas formas fascistas”. (As maiúsculas son miñas).

Sen embargo, unha visión máis obxectiva seguramente destacaría tamén a existencia dunha crise democrática, que afecta a todas as institucións dun sistema político, e, a este respecto, habería que preguntarse cómo se comportan os votantes a hora de decidir o seu voto; en que medida os medios se preocupan de formar a opinión pública, en vez de espertar paixóns nos oíntes na procura doutros obxectivos; qué uso fan das subvencións que reciben; qué racionalidade acompaña ós requirimentos de axudas ás institucións gobernamentais, etcétera. Porque aquí tamén hai abondosa semente da corrupción e da indiferenza das pautas éticas.

Por outra parte, os partidos esquecen que eles só teñen xustificada a súa existencia nun ámbito democrático: Non hai democracia porque haxa partidos, senón partidos porque hai democracia, que se eles non a coidan e protexen están chamados a ser cuestionados. Tamén deben, polo tanto, escusar os seus servizos a outro poder que non sexa o lexitimamente establecido en interese do pobo. E como hai o sentimento de que non ocorre así, por iso xorden as filosofías políticas que buscan outras vías, como é o caso do Dr. Monserrat, que, o mesmo que outros situados no que xenéricamente adoita denominarse a TERCEIRA VÍA, pensa que chegou a ocasión para que a sociedade civil cre instrumentos de control dos partidos, esixindo que se goberne para todos, non só para moi relevantes elites, xerando estruturas oligárquicas.

E como sospeita que toda esta filosofía política vai ser tachada de utópica, escribe o seguinte:

“Fronte a esta proposta, que xurde da lóxica da historia, haberá pesimistas que, como sempre, procederán con exclamacións que non son senón descualificacións emocionais: non é posible!. É pura utopía!. Non se pode chegar ao grao de organización que sería necesario!. Sen embargo, reiteramos que non existe ningunha obxección nin teórica nin práctica á posible organización da sociedade civil. As ideas xa están aí e, quizabes, a historia fixera xurdir os líderes audaces con capacidade de emprender un dos proxectos máis esperanzadores para transformar a historia”.

Fontes dixitais:

http://www.tendencias21.net/La-sociedad-civil-puede-promover-un-nuevo-orden-internacional_a19902.html
http://www.tendencias21.net/La-sociedad-civil-como-protagonista-del-futuro_a19564.html


Pero tal vez non estea de máis aportar unhas razóns que expliquen e fundamenten o impulso para esta decidida achega, neste campo, de tan prestixiosos intelectuais, ao fin de evitar a caída na trivialidade de que son os seus traballos sinxelas saídas teóricas, desvinculadas dun certo pragmatismo e carentes do vigor dunha proposta socio-económica na que enmarcar a efectividade dunha ética na acción política. Humildemente e co selo da más sincera modestia, aríscome a apuntar algunha.

A vida que hoxe en día estamos a vivir no seo dunhas estruturas sociais marcadas por unha certa inseguridade, derivada da provisionalidade que a invade, soe levar ao infortunio e á desesperación a un número cada vez maior de familias, e isto xera, así mesmo, un sentimento de preocupación por un futuro máis inmediato que afastado, que a oprime, urxíndoa a buscar saídas inmediatas, porque se lle BOTA ENCIMA: Un futuro que xa non é un POR-VIR, senón unha angustiosa esixencia de TER QUE VIVIR nel xa dende agora.

Pero ao mesmo tempo, esta situación na sociedade é paradoxal, xa que ofrece unha gran riqueza de posibilidades, que están invitando ao home / á muller, a convertelas en realidades; pero as estruturas sociais só facilitan isto a unha minoría, albergando así situacións oligárquicas que, implícita ou explícitamente, crean estados de verdadeira inquietude, que se poderían describir dicindo que desencadean uns sentimentos de impotencia asfixiantes, porque hai que vivir sen poder aproveitar as posibilidades que nos ofrece a nosa época, e que son as da nosa vida, causando significativas vacilacións acerca do verdadeiro sentido da mesma.

Polo tanto, xa que hai que vivir, non queda outro remedio que procurar invertir a situación; pero para facelo é necesaria unha oferta de proxectos que tracen as rutas axeitadas, a modo de “constructos ortodóxicos”, que orienten as pautas a seguir, como garantía da correspondente “ortopraxis”. Para este traballo necesítase sensibilidade ética e coñecemento socio-económico-político, é dicir, SENSORES HUMANOS capaces de levalo a bo porto, que non son outros que aqueles intelectuais que, como o Dr. Monserrat, dende as súas persoais perspectivas, asumen esta tarefa, aínda a sabendas de que o necesario compoñente utópico pode vetar unha reflexión profunda da mesma, como xa ten advertido nun parágrafo anterior este mesmo autor.

Estes intelectuais teñen que furgar nunha sociedade de persoas atordadas polos acontecementos que as rodean e a proliferación de mensaxes incoherentes e contraditorias, sen perder de vista que os seus traballos deben posuír, tamén, elementos de sedación, para evitar que o home / a muller non converta o seu futuro en disolvente do presente: Este papel axudan a desempeñalo os proxectos selectivos de todo o pasado válido, precisamente pola seguridade que da esa auréola de pragmatismo e pola confianza que inxecta en moitas sociedades mundiais que están moi necesitadas do sosego que requiren as grandes decisións.

Aventúrense, pois, a ler as propostas que referimos; alí encontrarán rigorosamente expostos os motivos que as impulsaron no autor.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES