Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Saída do Hula

viernes, 12 de julio de 2013
Gustaríame poder comezar dicindo, queridos amigos. Pero pode parecer que detrás destas dúas palabras tan fermosas, escóndese unha certa hipocrisía, porque ¿Cómo se pode ser amigo de alguén a quen non se coñece?

A algúns dos que me teñen dito que visitan o portal GALICIA DIXITAL coñézoos e ben sei, e xa sabía, que somos amigos, pero con outros aínda non tivemos oportunidade de coñecernos persoalmente. Con todo, a quen me estea lendo estoulles agradecido porque isto tamén é un encontro, como agora se di, virtual. E a aqueles ós que o meu estilo, ou as miñas lerias non lles agraden, tamén lles agradezo que non perdan o tempo comigo e que o dediquen a algo que lles poida ser máis útil e grato.

Con motivo de varias escrito meus e doutros publicados nestes últimos tempos con motivo da miña operación de larinxe, pedíronme e pedíronlle a Galicia Dixital algunhas persoas que, podendo ser, escribise algo máis a miúdo aproveitando que non podo falar.

Os amigos de Galicia Dixital ofrecéronme este estrado, que a veces o mesmo poderei usar como púlpito, se se terza, e... aceptei de momento, coa condición de que dispoña de tempo e de que teña algo que dicir, porque non quero caer na tentación de moitos tertulianos que non falan porque teñan que dicir, senón que din, porque teñen que falar. Saben que se non enchen o tempo non cobran, e así, se non falan esbardallan para non perderen o pecunio, e pontifican de todo o humano e o divino ¡Que alarde de sabedoría e que pozos de ciencia sen caldeiro que dea chegado ó fondo se atopa un por eses mundos de prensas, radios e televisións!

Hoxe aínda volverei sobre algún outro aspecto relacionado coa miña operación de larinxe, porque segue sendo a realidade que de máis transcendencia que teño máis próxima. Despois de que neste medio se publicasen tamén unhas reflexión miñas antes de entrar no quirófano e da experiencia de que no HULA hai anxos e anxas da garda, (aínda que algún demachiño tamén anda a revoar por alí) e dun encontro con Bernardo no Alén e do que significa comer por un tubo, quixera tamén dicir algo sobre a saída do HULA e, de paso, sobre algún aspecto da sanidade en Lugo. Non caberá todo o que teño para dicir nesta colaboración, porque non son partidario de escritos moi longos, xa que pode haber a quen lle pase coma min, que se vexo un artigo moi longo xa nin o enceto. Léolle o título e voume pola sombra.

Ben, pois cando saín do HULA, teño que recoñecer que non me fixo chorar o feito de virme para a miña casa. Pero saín con gañas de volver. Non para pasar outra vez pola coitela, pero si para visitar, podendo ser sen interromper, e para agradecer. Sei que non darei chegado a todas as persoas que dun xeito directo ou indirecto teñen que ver cunha operación en xeral e coa miña en particular nin coa estancia durante dez días de calquera usuario no hospital. Desta vez, o mesmo ca uns días antes que tiven que estar tamén ingresado por mor dunha pneumonía, atendido polo tanto por pneumólogos en primeiro lugar, todas as persoas coas que tratei e que me trataron fixeron gala dunha atención e dun trato para os que só podo ter palabras de admiración e gratitude.

Non sempre foi así, porque xa estivera ingresado, por culpa dun accidente de circulación, no vello Xeral-Calde durante tres meses de remates de mil novecentos oitenta e catro e comezos do oitenta e cinco. Daquela houbo de todo: Moito bo, certamente, pero tamén non pouca neura nalgún facultativo, xefe de planta, que, coincidindo coa lúa chea, martirizoume física e psicoloxicamente, esquecendo que se el podía lucir alí unha bata branca era grazas ó que eu moitos outros pagábamos. Tamén batín con algún cabestro que, nada máis ceibalo da cuelleira, entrou de celador pola porta de tras, e non faltaba tamén algunha poltra do monte que andaba anteposta por alí enarborando en son amenazante a manivela de subir as camas.

En canto ó que é a institución en si, desta vez tamén detectei moito bo, pero ó mesmo tempo, percibín algunhas cousas que deberían cambiarse e algunhas carencias que dende a administración deberán cubrirse. Supoño que haberá ocasión de falar diso nalgún outro momento.

Por que decidín que me operasen en Lugo?, me preguntan algúns. Pois por varias razóns. En primeiro lugar, por se alguén non o sabe, o meu era un tumorcico pequeno pero canceríxeno que andaba ferrexando para perforar a traquea ¡Mal nacido! Detectáronmo os otorrinos do HULA, ós que me mandou o médico de cabeceira, Paco Expósito, e eu aínda me fixen o remolón ata que este case se cabrea comigo. Despois de estudaren o caso dixéronme a min e á miña irmá que me acompañou ese día, que había que operar e que a operación tiña que ser ampla, para evitar ter que volver, se cadra, demasiado tarde. O doutor Rubio, que foi quen nos deu esta información, falou de que non había moito tempo, pero si o suficiente como para que eu puidese consultar noutros sitios, e, se decidía, despois desas consultas, que me operasen en Lugo, faríano con todo o coidado. Ese xeito de falar, xa é merecente de moita confianza e esa confianza viuse reforzada polas informacións que fun tendo doutras intervencións deste tipo realizadas polo equipo do HULA.

Sen moitas voltas, e a pesares de que dende o Bispado de Mondoñedo-Ferrol, que é ó que pertenzo, me ofrecían a posibilidade de ir a Navarra, non tardei en convencerme de que non ten moita lóxica ir buscar a lonxe o que temos preto da casa.

Á vista dos resultados creo que atinei. Tiña e teño a firme resolución de deixar quedar ben ós médicos, pola conta que me ten, pero podo dicir, sen medo a equivocarme, que eles tamén fixeron o posible por deixarme quedar ben a min. E non creo que iso o fixesen por ser eu, que non teño ningún mérito especial, senón pola súa profesionalidade e responsabilidade. Graciñas pois, que de ben nacidos é ser agradecidos. E que conste que se fose doutro xeito tampouco tería reparo en dicilo, porque os que me coñecen saben que utilizo o espello non so para peitearme.

Desde hai anos, cada oito días utilízoo tamén para arrincar os peliños que poden nacerme na lingua. Con todo e con iso, so falo da miña experiencia. Outros poden ter experiencias mellores e peores. Nin quero impoñer o meu criterio nin estou disposto a desdicirme del. Ata outra, se Deus quere.
Carballo, Xosé Manuel
Carballo, Xosé Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES