Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Conservámo-lo noso (Nada máis natural)

jueves, 11 de julio de 2013
Quen máis e quen menos, sabe que desde a unificación de España en tempos dos Reis Católicos, aló polo século XV ata ben entrado o século XIX, o idioma galego estivo cariñosamente custodiado, principalmente, no medio rural galego. Naqueles tempos, a política apartou a nosa lingua dos documentos oficiais pero o pobo, que é moi sabio, nunca a esqueceu.

Grazas ós Precursores, a Rosalía, a Pondal, a moitos escritores e a outras moitas persoas boas e xenerosas do pobo llano, como vostede e coma min, o idioma galego sae á luz na vida cotiá e cada día somos moitas as persoas que queremos conserva-lo noso porque o levamos dentro de cada unha das nosas células. Porque o levamos nas nosas entrañas.

Os da aldea seguímolo mimando como fixemos toda a vida, pero desafortunadamente a poboación rural de hoxe en día é una poboación avellentada que –se non se lle inxecta sangue novo- ten os días contados por lei natural.

Se non se tomaran as medidas oportunas, a nosa lingua estaría en perigo de extinción, como a mesma poboación que fai uso dela.

Nas cidades úsanse ámbalas dúas linguas, a de Rosalía e a de Cervantes; pero, cando vas por calquera rúa de calquera cidade galega, oes maioritariamente a de Cervantes.
Mesmo hai quen pensa que así se expresa de xeito máis “fino” aínda que a súa lingua materna sexa o galego de toda a vida.

Moitas persoas de boa fe, cren que a lingua culta é a imposta polos escribanos que fai cinco centos anos nos mandaron para aquí Sabela e Fernando.

A elas quero dicirlles de todo corazón que non hai linguas cultas e incultas, o que hai son persoas cultas e incultas.

As linguas son todas igualmente importantes porque todas serven para expresar o sentir das persoas que as usan.
Son un medio de comunicación oral e escrito que expresan tódolas emocións que temos os humanos, desde as máis tenras ata as máis bruscas.

Cada día son menos as persoas que aínda están na “longa noite de pedra” da que nos fala Celso Emilio Ferreiro.
Pero se ben é certo que a sociedade civil, vai abrindo pouquiño a pouco os seus ollos... Non o fai así a relixiosa, especialmente a Igrexa Católica que -salvo honrosas excepcións- segue a misar en castelán. Eso que a maioría dos curas proceden do medio rural e son galego-falantes na vida diaria.
E o que é peor, poucas ganas se lles ven de despertar e mesmo nas aldeas seguen a misar en castelán, onde o único idioma dos labregos na vida diaria é o idioma galego.

Haberá que diga:
“Peor era cando misaban en latín”

Pero: ¡Por favor..! ¡Por favor..!

Non pasa esto en ningunha das outras comunidades históricas con idioma propio en España.

¿Esquecería o Clero Galego que Xesús de Nazaret, o “Mestre” predicaba ós seus contempráneos no idioma do pobo?

¿Haberá que recordárllelo?

Os tempos cambiaron moito, tanto que hoxe é o día que eu –unha muller da aldea- podo escribir en lingua galega en Galicia Dixital e pode lerme calquera cidadán do mundo que o desexe.

Eu podo facelo porque mamei a lingua galega como lingua materna e porque a levo na alma.

Pero…
¿Qué pasaría coa nosa querida lingua galega se á maioría dos nenos de hoxe en día “se les habla en castellano”?

Xa non sería a lingua nai, sería unha segunda lingua e de segunda categoría porque a diglosia estaría servida.

Segurísimo que ningunha persoa galega que se precie, quere que se perda a nosa lingua, polo que convén urxir a quen corresponda para que a lingua galega se empregue a tódolos niveis e por toda Galicia, con absoluta naturalidade, e en igualdade de condicións que o castelán que tamén é co-oficial na nosa benquerida terra galega.

As razóns poden ser varias:

1.- Porque a lingua é o principal sinal de identidade do noso pobo e porque é o legado sagrado dos nosos antepasados.

2.- Porque a lingua configura o pensamento das persoas.

3.- Porque o pensamento dá forma as ideas.

4.- Porque as ideas son as que moven o mundo porque levan á acción.

5.- Porque ter un idoma propio é unha riqueza que moitas persoas quixeran ter e non o teñen.

6.- E porque a lingua de Rosalia está traducida en máis de corenta países e ocupa un lugar bastante elevado con relación ás seis mil linguas coñecidas no noso planeta.(Se non recordo mal ocupa o lugar 130 entre as 6.000 coñecidas no mundo enteiro)
Non está nada mal... ¿Verdade que non?

Como somos maioría os que por nada do mundo queremos perde-la nosa idiosincrasia e a nosa lingua porque queremos CONSERVA-LO NOSO; estou convencida de que os bos e xenerosos ensinarán os seus pupilos a nosa lingua e a moita honra:

-Na casa, ante todo, sen descoidar a lingua de Cervantes e outras varias xa que os nenos teñen capacidade para asimilar varias linguas a un mesmo tempo, e cantas máis linguas aprendan mellor estructurarán o seu pensamento.

Pero a primeira debe ser a lingua galega por unha simple razón: “OS EDIFICIOS EMPÉZANSE SEMPRE POLOS ALICERCES E NUNCA POLO TELLADO”.
Se o edifico leva un bo fundamento, nunca se tambaleará aínda que veña o temporal; pero se o empezamos polo tellado é como construír un castelo no aire.
¡A que se lle ocorre, poñerse a construír un castelo no aire!

-Na escola en segundo lugar, non só a nivel coloquial senón como lingua oficial a tódolos niveis e con tódolos membros da Comunidade Educativa.

-E na Igrexa...igual.
¿Cómo se entende que unha institución que se fai chamar ”NAI” lle fale nun idioma diferente ós seus fillos?

Cando un fillo fala con súa nai: ¿Faino na lingua materna ou ten que aprender outro idioma para comunicarse con ela?

Cando un crente fala con Deus desde o fondo do seu corazón... ¿Faino no seu propio idioma –sexa este cal sexa- ou ten que aprender outro idioma para comunicarse co Pai-Nai?

Xa sei que algúns pensarán que o Espírito sopla como quere e onde quere; pero cando se presentou no Cenáculo:
¿Non foi en forma de linguas de fogo?
¿Non o entendían todos, cada un na súa propia lingua?

A socidade actual quere coherencia, proximidade e sentirse acollida por todos e tamén pola “SANTA NAI IGREXA CATÓLICA”.

-Na rúa, no supermercado, no cine, na TV, no café, nos anuncios, no teatro, na toponnia ...
En toda Galicia, naturalmente.

Non...Non... Non pense mal.
Se a súa lingua materna é a de Cervantes, pode e debe serguir con ela. Só faltaría.
Non estou pedindo que ninguén cambie a súa lingua materna; o que me parece máis axeitado é que ós que temos como lingua materna, a galega, ós galego-falantes de sempre –que somos moitísimos- se nos teña en conta.

Porque:
-Galicia existe.
-A lingua galega, tamén
-Os galego falantes tamén existimos e ademais de obrigas, tamén temos dereitos. Entre eles que poidamos expresarnos na língua materna. Para nós a linga galega é tan sagrada e tan digna de respeto, como outra calquera, ou máis.

Se queremos conserva-lo idioma galego con vida, hai que usalo no día a día con absoluta naturalidade e sentirse orgullosos de ser galegos. Nada de sentir vegonza. Eso xa é historia pasada.

Porque... ¡Ser galego é un orgullo!

Os galegos somos un pobo mi valorado no mundo enteiro porque temos unha cultura e temos un idioma propio.
Este idioma e esta cultura danos unha idiosincrasia que nos identifica como galegos. Temos unha identidade propia que queremos conservar porque ...

Se nós non conservámo-lo noso... ¿ Vánnolo conservar os outros?

Digo eu:
¡POBRE DO QUE NON TEÑA DE SEU!
¡POBRE DO QUE NON CONSERVE O SEU!

Sei que vostede é unha persoa que valora a lingua galega e por eso se dignou ler este artigo na lingua de Rosalía.

Quédolle moi agradecida por terme na súa consideración nesta ocasión e se o considera oportuno pode atoparme aquí o vindeiro xoves.
E se non, moitas grazas de todas formas.
¡Aburiño! ¡Ata a próxima!
Cachaza Platas, Mercedes
Cachaza Platas, Mercedes


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES