Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O papel da 'Sociedade civil'

viernes, 05 de julio de 2013
O catedrático da Universidade Autónoma de Madrid, Javier Monserrat, hai algún tempo que ven ocupándose dos cambios socio-políticos que serían necesarios para dar saída ós numerosos problemas que afectan ás sociedades actuais no mundo. El formula a súa tese nos seguintes termos: “A nosa tese é precisamente que a actual conxuntura histórica acabará forzando a emerxencia dunha nova forma de organización da sociedade civil para controlar a xestión política da historia”. A este fin articulou unha serie de traballos, que poderíamos chamar de “filosofía política”, nos que expón con rigorosos criterios lóxicos e un eloxiable pragmatismo as súas ideas, publicados na Revista Dixital “Tendencias21”, da Cátedra de CTR, da Universidade de Comillas.

Pensa este prestixioso catedrático que, se non se aproveita este momento de desconcerto da humanidade, seguramente perdamos un tempo precioso para reconducir a historia político-económica do mundo, porque hai unha grande inquietude debido a que non se realiza o que debería realizarse. Detecta uns ideais ético-utópicos na sociedade do noso tempo que non encontran as vías de realización mediante uns instrumentos capaces de dar saída a unha certa estabilidade sostible nos sistemas socio-políticos.

Por iso, el cre que chegou o momento da que chama a “sociedade civil”, para que asuma un protagonismo fronte a un poder político que, divorciado do pobo, non se preocupa dos verdadeiros problemas do mesmo. Por suposto, sempre partindo da democracia e non prescindindo do papel dos partidos políticos, que seguirían asumindo o goberno das nacións; pero con un certo control da sociedade civil, de tal maneira que “a aparición desa forma de organización nova” puidera conducir a condicionar os votos a “certas políticas orientadas á realización dos ideais populares de xustiza, liberdade, solidariedade e prosperidade”.

Tamén destaca este autor que resulta curioso que fai anos non se falaba da sociedade civil, precisamente porque había un absorbente dominio das ideoloxías do pasado; “pero a partir dos anos noventa do século pasado, comeza a nacer o movemento das ONGs que mostra unha sociedade civil capaz de organizarse á marxe do poder político para contribuír de forma responsable e cidadá a resolver multitude de problemas inmediatos e urxentes de atención humana”. Isto fai intuír que os cidadáns están pedindo un liderado novo. Outros movementos que trae o autor a colación son o 15M, en España, o Beppe Grillo, en Italia, o 0´7, e o movemento ATTAC, a promoción da introdución da Taxa Tobin, “aplicada ao desenrolo solidario”. Non obstante, obxecta que estes movementos foron xestionados cun liderado crebado e, polo tanto, non deveñen dabondo eficientes.

Mantén a tese de que o “futuro da humanidade non será sostible, é dicir, será inestable por un profundo desacougo nacido da inquietude de que non se realiza o que debera realizarse”, que non é outra cousa que as aspiracións humanas á liberdade, ao respecto igualitario á dignidade de todos, á solidariedade e á xustiza na posesión e gozo dos bens, eliminando á indignidade universal da pobreza.

Parece que non procede darlles volta e retorcer as cousas: Se queremos un mundo sostible, hai que dar solucións ás aspiracións humanas, e está historicamente demostrado que nin o neoliberalismo nin o comunismo puideron cubrir todas esas aspiracións. Polo tanto, ven a ser de caixón, como adoitamos dicir coloquialmente, que tal vez haxa que coller o mellor dun lado (unha certa liberdade) e tamén do outro (a solidariedade), prescindindo dos relatos ideolóxicos do pasado naquilo que resultaron estériles. Nisto está o profesor Monserrat; pero os mecanismos para chegar aquí son complexos, como espero poder expoñerlles neste mesmo medio.

En todo caso, se o mundo actual non cambia, parece claro que a dinámica histórica pode levar a resolver parcialmente algúns problemas, precisamente aqueles que inquieten máis ós poderes fácticos actuais; pero sempre reducindo á mínima expresión as inversións en asuntos sociais: Isto fará crecer a insatisfacción, aumentando as situacións insostibles.

Lembre o lector habitual que nunha colaboración neste medio ocupámonos da TERCEIRA VÍA, e penso que o autor que acabo de traerlles aquí non parece que ande moi lonxe dela. Se cadra tamén diremos algo ao respecto noutra colaboración.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES