Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Mellor, etiquetados en galego

jueves, 04 de julio de 2013
Que mellor iniciativa que identificar unha marca co territorio que certifica a denominación de orixe? As prestixiosas marcas de cervexas asócianse coa tradición cultural dos landers alemáns; os bos whiskis identificámolos coas campiñas verdes de Escocia; os perfumes, se as súas etiquetas rezan en francés non teñen dúbida; os consumidores saben que o viño verde elaborase no norte de Portugal, e asaltaríannos as dúbidas se un “Vega Sicilia” ten etiqueta en inglés.

E así poderíamos ir citando as prestixiosas marcas que están nos mercados internacionais para convercérmonos que as linguas desa ampla oferta de produtos son certificados de autenticidade do País de orixe.

Moitísimas veces tivemos que botar man deste argumentario para convencer a moitos adegueiros galegos e fabricantes doutros produtos agroalimentarios da idoneidade da lingua galega nas etiquetas. Os prexuízos lingüística están tan arraizados que axiña que venden duascentas botellas a restaurantes madrileños xa teñen a argallada perfecta para xustificaren o razoamento absurdo de etiquetaren en castelán.

Sen embargo, enmudecen cando se lles recorda a morea de marcas foráneas que se venden en Galicia en linguas doutros países de oríxe. Velaquí tes a evidencia - dicíalle a un adegueiro sinalando os andeis dun establecemento de vendas- de como vender na lingua propia do País non é ningún atranco para estar en mercados exteriores.

Os consumidores galegos tampouco están libres dese andazo prexuizoso; tanto lles ten un produto coma outro, independentemente da procedencia. Non reparan na trascendencia que ten o seu gasto familiar para a nosa economía e lingua. Non apostan polos produtos galegos, provocando deste xeito a inviabilidade de moitas industrias de transformación e o peche de explotacións agrarias. Priman ós produtos foráneos en desigual competencia cos autóctonos.

Malia eses prexuizos o discurso da galeguidade do Foro E. Peinador, no que fai ó fomento da etiquetaxe no noso idioma nas marcas comerciais, ten acadado aliados valiosos para a nosa lingua: preto de duascentas marcas de viños e licores incorporárono ás etiquetas estimulando o mesmo proceso noutras marcas do sector agroalimentario; o resultado de todo isto foi a creación da Irmandade Galega de Agroalimentarios e Adegueiros (IRGADE) que os quere aglutinar.

O próximo día 6 celebraremos outra nova asemblea da IRGADE na reitoral de Santo André, en Ribadavia, na futura sede do Museo do Viño. O acto comezará ás 12:00 horas e está prevista a incorporación de novos irmandiños, que unidos ós que xa ingresaron o ano pasado fan a estimable cifra de setenta.

Presentaremos o novo anuncio publicitario para fomentar o consumo responsable e solidario coas marcas que etiquetan en galego protagonizado por Benigno, o televisivo cociñeiro do programa “Larpeiros”.

Esta nova proposta para estimular a muda dos hábitos dos consumidores inclúe desta volta ós voceiros dos partidos políticos, que están convocados a participar no acto para asinaren a Carta do Consumo Responsable e Solidario como fixeron o ano pasado os sindicatos.

O Día da Patria Galega, data de reafirmación colectiva da galeguidade, debe animar ós que a festexen a faceren súas esta proposta galeguizadora do consumo e da economía, demostrando asi a autenticidade do seu discurso na defensa da nosa identidade. A retórica e as celebracións de ritos ocos de contidos non aportan nada á galeguización de Galicia.

Etiquetados en galego, por favor!

(Xosé González Martínez é Presidente do Foro E. Peinador).
González Martínez, Xosé
González Martínez, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES