Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Profundadas 7

miércoles, 03 de julio de 2013
Cave canem

L I M I A R

Xa non hai tempo.

A liberdade ten estas cousas.


O E S M E R O N A S L E T R A S
“Escribir ben” pode ser unha cousa bastante ridícula. Por exemplo, dicir aquilo de “aproveito gustoso a ocasión para ofrecerlle o testemuño da miña consideración máis distinguida”. Ou os requintados “susodito”, “mellorando o presente” ou “valla a redundancia”, que van dando conta en todo momento da nosa expertez literaria . Outra cousa sería, poño por caso, o sincero ofrecemento de novo domicilio que practican con nós algúns defuntos.

Pero o mellor é aprender a escribir lixeiramente mal.

E aínda máis: Cervantes encomiaba o calar coma un mérito netamente literario. E niso estamos.


D A C O U S A P U B L I C A
A Humanidade non é humana. Entre ela e nós hai insuperables contrapostos: banqueiros e aforradores, presidentes e presididos, poder e sumisión, legalidade e xustiza, guerras e crimes, semáforos e peatóns, bombas atómicas e navallas de Albacete.

Pero entón ¿ qué son os dereitos humanos exactamente?

Dicía Pimentel que non hai máis que seis ou sete edicións de caras. Xa é hora pois de que recoñezamos á xente. Poño por caso, a Bono -polo moito que se lle parece-.

Hoxe en día, as guías telefónicas son as máis serias obxectoras dos separatismos, tanto “fuguistas” como “petistas”.


D O A M O R E O S B O S C O S T U M E S
Coma se namorarse non fora xa tan imposible coma inevitable, algúns non deixan de predicarnos “amor” a todo pasto: de Dios, da familia, da esposa, do próximo, incluso das cousas. Pero ¿qué ambiguo mensaxe é esta?. E no mellor dos casos ¿qué clase de recomendación célibe e de oídas? Porque, que eu saiba, o amor-amor non é ningún cambio de zapatos. É un don de Dios.

Moi frecuentemente a palabra “Amor” funciona máis coma casto eufemismo que coma homónimo ou metáfora. Pero ¿tan feas son as cousas como para non chamalas por seu nome?. Perigosos, letais tropos estes; imposible fuxida.

A palabra amor semella ter, coma a lúa, unha cara oculta. ¿E cántas outras palabras coma Gloria, Honor, Bendito, Adoración, Louvanza, Señor, Aleluia etc...non a terán tamén? É urxente pois desvelalas se non queremos vernos os domingos estercando literatura en misa de doce.


SER OU NON SER

Dende Goethe, ben saben os forestais que os bosques pódense perpetuar pero as árbores non. Algo así sucede coa perdurabilidade bisexual e o baleiro homosexo.

Sen prole, nin “somos”.

Por outra parte, pode que a institución matrimonial se deba máis ós fillos que a outra cousa. Algunhas xuntanzas están resultando ser estafas e moitos divorcios, masacres.

O O U T R O

No fondal de ti, outro te habita libremente; non o perdas de vista ó espertar. E non descoides tampouco os anacos eses de Universo que inesperadamente te orbitan.

Recoñezo en Bach a miña alegría. Bach son eu.

D A E L E G A N C I A V I C T O R I A N A

Coma se fora un refinado legado moral, moitos téñenlle regalado ós fillos -incluso enmarcada- certa magnífica tradución do “IF” de Kipling. Eu tamén. Pero logo, pasado o tempo, o poema desmoronóuseme un día de pronto. Resulta que, como tantas outras cousas, eu nono tiña ben lido e que, despois dos seus moitos condicionantes, vin que o final dicía así:: ...“todo lo de este mundo será de tu dominio”.

Coma cando o demo tentou a Xesús -e case coas mesmas palabras-, algún diaño victoriano debeu de colárselle aquí a Kipling de rondón. E convenceu a moitos. ¡Triste xeito este de perde-la inocencia!

E N B U S C A D A S P A L A B R A S P E R D I D A S*

Xa se sabe, calquera bo romance é un mal latín, cousa que desluce bastante o benemérito traballo dos académicos -sempre fixando, limpando e dando esplendor a non sabemos finalmente “qué” nin “para qué”-. Coido que as veces se lles va a man neso do quitamanchas.

Por exemplo, no caso da palabra céfiro da miña nenez, atopo que hoxe en día, unha vez adecentada por eles, quedou contraditoriamente aumentada e reducida a isto: “cualquier viento suave y apacible de poniente”. Este contido, se non letal, resulta polo menos algo opaco; non deixa ver ben ó seu traveso nin sequera ó “céfiro brando” de Villegas.

Ou inda peor: algúns meteorólogos neoloxistas sitúano un pouco máis arriba dos alisios, case polo setentrión, coma se foran ventos globais, planetarios, voando de Terranova a Noruega, poño por caso. Coido que, afortunadamente, Homero nunca tivo noticia de tal cousa.

Sen máis bagaxe pois que o de que o aire se quenta fundamentalmente en contacto convectivo coa Terra e de que, nun gradiente de calor, o vento corre sempre de menos a máis, poderíamos aventurar a significación do termo destilándolle vestixios tales coma “Zéphyros”, de “zophos” (occidente, tebra).
Empezaríamos pois así por encontrar que a distribución greco-latina do termo implicaría polo menos unha primeira noción areal “latitudinalmente temperada” do fenómeno, e que o concepto “tebra” podería xenerar tamén pola súa parte unha moi natural presunción causal.. E dicir -coma a súa mesma circunspección etimolóxica suxire- se trataría dun vento exclusivamente inducido polo contacto térmico noite-día do chan, i este contacto dun longo “fresco” nocturno cun súbito quentamento auroral só podería funcionar obviamente no senso W→E. É dicir, de “poñente”, e polo tanto ó “mencer”. Esta presunta independencia telúrica do céfiro, case exclusivamente debida á pura conxunción de rotacións e traslacións, afectaría en cada intre a unha relativamente “estreita”, “móbil” e localmente “fugaz” faixa N-S de sombra - insolación que cada “vinte catro horas” varrería toda a “zona esférica temperada” do Planeta.

Por outra parte, a relativamente escasa anchura desta faixa e a fugaz duración do fenómeno nun lugar dado non poderían producir máis que ventos comparativamente débiles, “apracibles”.

Por fin, o adxectivo “suave”, que se lle ven prodigando, non podería ser outra cousa que o típico fresco ese de primavera - verán que tanto se agradece.

O Céfiro sería xa que logo un vento “apracible”, “fresco”, “fugaz”, de “poñente” (pero non de calquera poñente), “auroral” e conseguintemente “diario” que, dentro das “estacións cálidas” do ano, o sol vai xerando ó redor de toda a zona “latitudinal e termicamente temperada da Terra”.

Ou, máis informalmente, unha “fresca”(4) e “fugaz”(1) “brisa”(3) “auroral”(5) de “poñente”(6) propia das “primaveras i estíos” (7) das “latitudes temperadas”(8) –os números chaman a unha corroboración final-.

Palabras como Céfiro pois, ademais de fermosas, a miúdo suxiren un posible carácter alxébrico da lingua, a insólita paternidade do sol e, se cadra, mesmo unha condición cósmica inadvertida que levamos dentro. Non se deberían perder.
_________

Pola mañá, ó mencer –agora que comeza o verán- colguei un trapo no balcón, cara o poñente, para ver se se me daba a razón. E parece ser que sí porque deseguida apañei un catarro regular. Pero se todo isto non fora certo non preocuparse. Xa que non hai máis cousas que facer, na próxima ocasión adicareime a definir con precisión a ambigua natureza do motocarro.

_______________________________
*ALGUNHAS CORROBORACIONS (en correspondencia numérica co texto)
(1) Musset, Aretino
(3)Diccionario RAE e outros, Mitología, Homero, Columela, Safo, Virgilio, Villegas, Lope de Vega, Columela, Chaucer, Ariosto, Aretino, Shakespeare, Jean Paul, Creuzer, Musset, Scott, Zola, Keats
(4)Diccionario RAE e outros, Mitología, Odisea, Safo, Ariosto, Villegas, Lope de Vega, Shakespeare, Fenelón, Creuzer, Fielding, Musset, Scott, Merimée, Marcoy, Zola, Proust, Keats
(5)Musset
(6)Diccionarios, Mitología, Columela, Fielding
(7) Mitoloxía, Boticelli, Geoffrey de Monmouth, Petrarca, Ariosto, Chaucer, Eça de Queiroz.
Andrade, Fernando
Andrade, Fernando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES